Taxonomía de Bloom
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
A taxonomía de Bloom é unha clasificación dos obxectivos do proceso educativo elaborada polo pedagogo estadounidense Benjamin Bloom que distingue tres dominios ("categorías") de actividades educativas e seis niveis xerárquicos de comportamento intelectual.
A taxonomía foi proposta polo equipo de Bloom a raíz dunha convención da Asociación Norteamericana de Psicoloxía en 1948. Establécese que existe máis do que un único tipo de aprendizaxe. En concreto, identifican tres, que denominan "dominios":
- Cognitivo
- a habilidade para "pensar as cousas", as destrezas mentais, os coñecementos. Os obxectivos cognitivos xiran en volta do coñecemento e comprensión dun tópico determinado.
- Afectivo
- o desenvolvemento na área dos afectos e as emocións, a maneira de reaccionar, a capacidade de sentir a dor e a alegría nos demais, as actitudes. Os obxectivos afectivos diríxense a fomentar a conciencia das necesidades emotivas e actitudinais.
- Psicomotor
- as habilidades manuais ou físicas, a capacidade de manipular fisicamente unha ferramenta ou un instrumento, os procedementos ou destrezas. Os obxectivos psicomotores céntranse en mudar e/ou desenvolver os comportamentos físicos.
Cada un dos tres dominios subdivídese nunha xerarquía de obxectivos educativos que se aplica aos obxectivos cognitivos e van desde os comportamentos máis simples aos máis complexos. Bloom elaborou esta taxonomía para o dominio cognitivo (afirmaba non ter suficientes datos sobre os outros no seu contexto universitario), que se pode pensar como graos de dificultade: cada nível debe dominarse ben antes de poder pasar ao seguinte.
- Coñecemento
- Mostrar que se memorizaron materiais aprendidos lembrando feitos, termos, conceptos básicos e respostas.
- Comprensión
- Demostrar que se comprenderon feitos e ideas organizando, comparando, traducindo, interpretando, fornecendo descricións e indicando as ideas principais.
- Aplicación
- Resolver problemas en situacións novas aplicando o coñecemento, feitos, técnicas e regras aprendidos dun xeito novo.
- Análise
- Examinar e analizar a información en partes identificando motivos ou causas. Inferir e atopar probas que apoien as xeneralizacións.
- Síntese
- Xuntar información de xeito distinto combinando elementos nunha estrutura nova ou propoñendo solucións alternativas.
- Avaliación
- Presentar e defender opinións xulgando a información e validade das ideas ou a cualidade dun traballo tendo como base un conxunto de criterios.
A taxonomía de Bloom constitúe a base dos currículos educativos de moitos sistemas educativos en todo o mundo.