Saltar ao contido

Gabro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Revisión feita o 13 de xullo de 2024 ás 17:52 por Miguelferig (conversa | contribucións)
(dif) ← Revisión máis antiga | Revisión actual (dif) | Revisión máis nova → (dif)
Espécime de gabro
Fotomicrografía dunha sección fina de gabro.

O gabro[1] é unha rocha ígnea ou magmática fanerítica (de gran groso), máfica (básica) intrusiva (plutónica) formada a partir do arrefriamento lento de magma rico en magnesio e ferro que orixina unha masa holocristalina (totalmente cristalizada) en zonas profundas da codia terrestre. O gabro, de gran groso e arrefriamento lento, é quimicamente equivalente ao basalto de gran fino e arrefriamento rápido (rocha volcánica ou extrusiva). Gran parte da codia oceánica terrestre está feita de gabro, formado nas dorsais oceánicas. O gabro tamén se encontra constituíndo plutóns asociados co magmatismo continental. En senso estrito o gabro está composto principalmente de plaxioclasio cálcico e piroxeno en proporcións de volume similares.[2][3] Porén, debido á súa variada natureza, o termo gabro pode aplicarse de forma aproximada para referirse a un amplo rango de rochas intrusivas, moitas das cales son simplemente "gabroicas", como son os gabroides do diagrama QAPF, é dicir, que están no campo da anortosita-gabro-diorita, os cales teñen máis dun 10 % de minerais escuros e plaxioclasio cálcico (An50-An100).[3].

En Galicia hai poucos gabros, pero poden encontrarse algúns gabros e matagabros (gabros que sufriron metamorfismo) no Complexo de Ordes e no de cabo Ortegal.[4][5] (Ver xeoloxía de Galicia).

O termo "gabro" foi utilizado na década de 1760s para denominar un conxunto de tipos de rochas que se encontraban entre as ofiolitas dos Montes Apeninos de Italia.[6] Recibiron ese nome pola pequena vila de Gabbro, preto de Rosignano Marittimo, na Toscana. Despois, en 1809, o xeólogo alemán Christian Leopold von Buch usou o termo máis restritivamente na súa descrición destas rochas ofioíticas italianas.[7] Von Buch asignou o nome "gabro" a rochas que os xeólogos hoxe denominarían con máis precisión "metagabros" (gabros que sufriron metamorfismo).[8]

Petroloxía

[editar | editar a fonte]
Ensamblaxe mineral de rochas ígneas.

O gabro é unha rocha ígnea de gran groso (fanerítica) cunha composición relativamente baixa en sílice e rica en ferro, magnesio e calcio. Unha rocha así denomínase máfica. O gabro está composto de piroxeno e plaxioclasio rico en calcio, con cantidades menores de horneblenda, olivina e minerais accesorios.[9] Cando está presente a horneblenda, atópase normalmente como un bordo que rodea os cristais de auxita ou como grans grandes que encerran grans máis pequenos doutros minerais (grans poiquilíticos).[10][11]

Diagrama QAPF cos campos de gabroides/dioritoides salientados en amarelo. Os gabroides distínguense dos dioritoides por ter un contido de anortosita un 50% maior que o de plaxioclasio.
Diagrama QAPF co campo do gabro salientado en amarelo. O gabro distínguese da diorita por ter un contido de anortosita un 50 % maior que o de plaxioclasio e distínguese da anortita por ter un contido en mineral máfico maior do 10 %.

Os xeólogos utilizan definicións cuantitativas rigorosas para clasificar as rochas ígneas de gran groso baseadas no contido mineral da rocha. Para as rochas ígneas compostas principalmente por minerais silicatos, e nas cales polo menos o 10 % do contido mineral consiste en cuarzo, feldespato ou minerais feldspatoides, a clasificación empeza co diagrama QAPF. As abundancias relativas de cuarzo (Q), feldespato alcalino (A), plaxioclasio (P) e feldspatoides (F), utilízanse para determinar a posición da rocha no diagrama.[12][13][14] A rocha clasifícase como gabroide ou dioritoide se o cuarzo constitúe menos do 20 % do contido de QAPF, os feldespatoides constitúen menos do 10 % do contido QAPF, e o plaxioclasio máis do 65 % do contido total de feldespatos. Os gabroides distínguense dos dioritoides por teren unha fracción do contido de anortita (plaxioclasio cálcico) respecto do seu plaxioclasio total maior do 50 %.[15]

A composición do plaxioclasio non se pode determinar doadamente no campo e entón faise unha distinción preliminar entre os dioritoides e os gabroides baseada no contido de minerais máficos. Un gabroide ten tipicamente máis do 35 % de minerais máficos, principalmente piroxenos ou olivina, mentres que un dioritoide tipicamente ten menos do 35 % de ditos minerais, os cales inclúen normalmente a horneblenda.[16]

Os gabroides forman unha familia de tipos de rochas similares ao gabro, como o monzogabro, gabro cuarzoso ou gabro nefelínico. O propio gabro defínese máis estritamente como un gabroide no cal o cuarzo constitúe menos do 5 % do contido QAPF, os feldespatoides non están presentes e o plaxioclasio supón máis do 90 % do contido de feldespato. O gabro é distinto da anortosita, a cal contén menos do 10 % de minerais máficos.[17][12][13]

Os gabroides de gran groso prodúcense por cristalización lenta do magma, e teñen a mesma composición que a lava que solidifica rapidamente para formar basalto de gran fino (afanítico).[12][13]

Os xeólogos recoñecen varios subtipos de gabro. Os gabros poden dividirse, grosso modo, en leucogabros, cun contido de menos do 35 % de minerais máficos; mesogabros, cun contido do 35 % a 65 % de minerais máficos; e melagabros cun contido de máis do 65 % de minerais máficos. Ao contrario, unha rocha cun 90 % de contido de mineral máfico será clasificada como rocha ultramáfica. Unha rocha gabroica cun contido de menos do 10 % de minerais máficos clasifícase como anortosita.[13][18]

Unha clasificación máis detallada está baseada nas porcentaxes relativas de plaxioclasio, piroxeno, horneblenda e olivina. Os membros finais son:[13][18]

  • Gabro normal (gabro sensu stricto[13]). Composto case enteiramente de plaxioclasio e clinopiroxeno (tipicamente auxita), cun contido de cada un deles menor do 5 % menor de horneblenda, olivina ou ortopiroxeno.
  • Norita. Composta case enteiramente de plaxioclasio e ortopiroxeno, cun contido de cada un deles menor do 5 % de horneblenda, clinopiroxeno ou olivina.
  • Troctolita. Composta case enteiramente de plaxioclasio e olivina, cun contido de cada un deles menor do 5 % de piroxeno ou horneblenda.
  • Gabro de horneblenda. Composta case completamente de plaxioclasio e horneblenda, cun contido de cada un deles menor do 5 % de piroxeno ou olivina.

Os gabros que son intermedios entre estas composicións reciben nomes como gabronorita (para os intermedios entre o gabro normal e a norita, con case cantidades iguais de clinopiroxeno e ortopiroxeno) ou gabro olivínico (para o que contén cantidades significativas de olivina, mais case non ten clinopiroxeno ou horneblenda). Unha rocha similar ao gabro normal pero que contén máis ortopiroxeno chámase gabro ortopiroxénico, mentres que unha rocha similar á norita pero que contén máis clinopiroxeno denomínase norita clinopiroxénica.[13]

Unha paisaxe de gabro: os montes principais de Cuillin, Illa de Skye, Escocia
Mostra de cizlakita.

Os gabros clasifícanse ás veces como gabros alcalinos ou toleíticos, por analoxía cos basaltos alcalinos ou toleíticos, dos cales son considerados os seus equivalentes intrusivos.[19] O gabro alcalino adoita conter olivina, nefelina ou analcima, ata o 10 % do contido mineral,[20] mentres que o gabro toleítico contén tanto clinopiroxeno coma ortopiroxeno, o que o fai unha gabronorita.[19]

Gabroides

[editar | editar a fonte]

Os gabroides (ou rochas gabroicas[13]) son unha familia de rochas ígneas de gran groso similares ao gabro:[15]

  • O gabro cuarzoso contén do 5 % ao 20 % de cuarzo na súa fracción QAPF. Un exemplo é a cizlakita de Pohorje no nordés de Eslovenia.[21]
  • O monzogabro contén do 65 % ao 90 % de plaxioclasio no seu contido total de feldespatos.
  • O monzogabro cuarzoso combina as características do gabro cuarzoso e do monzogabro. Contén do 5 % ao 20 % de cuarzo na súa fracción QAPF, e do 65 % ao 90 % dos seus feldespatos son plaxioclasio.
  • O gabro con feldespatoides (foid na literatura inglesa) contén ata un 10 % de feldespatoides en vez de cuarzo. No seu nome, "feldespatoide" adoita substituírse polo nome do feldespatoide específico que é máis abondoso na rocha. Por exemplo, un gabro nefelínico é un gabro con feldespatoides no cal o feldespatoide máis abondoso é a nefelina.
  • O monzogabro con feldespatoides lembra o monzogabro, pero contén ata un 10 % de feldespatoides en lugar do cuarzo. Aplícanse as mesmas convencións de nomenclatura que nos gabros con feldespatoides, polo que un gabroide podería ser clasificado, por exemplo, como monzogabro leucítico.[13]

Os gabroides conteñen cantidades menores, xeralmente unha pequena porcentaxe, de óxidos de ferro-titanio como a magnetita, ilmenita, e ulvospinela. A apatita, circón e biotita poden tamén estar presentes como minerais accesorios.[11]

O gabro é xeralmente de gran groso, con cristais dun tamaño de 1 mm ou maiores. Equivalentes de gran máis fino do gabro denomínanse diabases (tamén chamadas doleritas), aínda que o termo microgabro tamén se adoita usar cando se desexa unha maior descrición. O gabro pode ser ás veces de gran extremadamente grande ata pegmatítico.[13] Algúns cúmulos de piroxeno-plaxioclasio son esencialmente gabros de gran groso,[22] e poden presentar hábitos cristalinos aciculares.[23]

O gabro é xeralmente de textura equigranular, aínda que pode tamén mostrar unha textura ofítica[11] (con cristais lonxitudinais de plaxioclasio encerrados en piroxeno[24]).

Distribución

[editar | editar a fonte]
A rocha de Zuma, Nixeria, unha intrusión masiva e case uniforme de gabro e granodiorita.

Case todos os gabros encóntranse en corpos plutónicos e o uso do termo (tal como recomenda a Unión Internacional de Ciencias Xeolóxicas) restínxese normalmente ás rochas plutónicas, aínda que o gabro pode encontrarse ás veces como unha facies interior de gran groso de certas lavas grosas.[25][26] O gabro pode formarse como unha intrusión uniforme masiva por medio de cristalización in situ de piroxeno e plaxioclasio, ou como parte dunha intrusión estratificada como un cúmulo formado polo depósito de piroxeno e plaxioclasio.[27]

O gabro é moito menos común que as rochas intrusivas ricas en sílice na codia continental terrestre. O gabro e os gabroides aparecen nalgúns batólitos, mais estas rochas son compoñentes relativamente menores destas inclusións tan grandes porque o seu contido en ferro e calcio xeralmente fai que os magmas de gabro e gabroides sexan demasiado densos para ter a necesaria flotabilidade.[28] Porén, o gabro é unha parte esencial da codia oceánica, e pode encontrarse en moitos complexos ofiolíticos como gabro estratificado situado baixo complexos de diques laminares e sobre rochas ultramáficas derivadas do manto terrestre. Estes gabros estratificados puideron formarse a partir de cámaras magmáticas relativamente pequenas pero de longa duración situadas baixo as dorsais oceánicas.[29]

Os gabros estratificados son tamén característicos dos lopólitos, que son grandes intrusións con forma de prato que son principalmente de idade precámbrica. Exemplos prominentes de lopólitos son o complexo Bushveld de Suráfrica, a intrusión Muskox dos Territorios do Noroeste do Canadá, a intrusión estratificada Rum de Escocia, o complexo Stillwater de Montana e os gabros estratificados próximos a Stavanger, Noruega.[30] Os gabros tamén están presentes en stocks asociados con vulcanismo alcalino de rift continental.[31]

O gabro adoita conter cantidades valiosas de sulfuros de cobre, cromo, níquel, cobalto, ouro, prata e platino.[32][33][34] Por exemplo, o Merensky Reef (Suráfrica) é a fonte de platino máis importante do mundo.[35]

O gabro é ás veces coñecido na industria da construción co nome comercial de granito negro.[36] Porén, o gabro é unha rocha dura e difícil de traballar, o cal limita o seu uso.[37]

  1. Definición de gabro no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
  2. gabbro, Nationalencyklopedin. Consultado o 10 de decembro de 2011.
  3. 3,0 3,1 Le Maitre, Roger Walter. Igneous rocks: a classification and glossary of terms. Unión Internacional de Ciencias Xeolóxicas. Páx. 24.
  4. El Complejo de Cabo Ortegal: los terenos alóctonos del NW de Iberia y los episodios iniciales del ensamblado de Pangea
  5. La Voz de Galicia Las rocas de cabo Ortegal son las más antiguas de la Península Arquivado 17 de xuño de 2018 en Wayback Machine.
  6. Bortolotti, V. et al. Chapter 11: Ophiolites, Ligurides and the tectonic evolution from spreading to convergence of a Mesozoic Western Tethys segment in F. Vai, G.P. and Martini, I.P. (editores) (2001) Anatomy of an Orogen: The Apennines and Adjacent Mediterranean Basins, Dordrecht, Springer Science and Business Media, p. 151. ISBN 978-90-481-4020-6
  7. Bortolotti, V. et al. Capítulo 11: Ophiolites, Ligurides and the tectonic evolution from spreading to convergence of a Mesozoic Western Tethys segment in F. Vai, G.P. and Martini, I.P. (editors) (2001) Anatomy of an Orogen: The Apennines and Adjacent Mediterranean Basins, Dordrecht, Springer Science and Business Media, p. 152. ISBN 978-90-481-4020-6
  8. Gabbro at SandAtlas geology blog. Consultado o 9 de xullo de 2015.
  9. Allaby, Michael (2013). "gabbro". A dictionary of geology and earth sciences (Fourth ed.). Oxford: Oxford University Press. ISBN 9780199653065. 
  10. Jackson, Julia A., ed. (1997). "gabbro". Glossary of geology. (Fourth ed.). Alexandria, Viriginia: American Geological Institute. ISBN 0922152349. 
  11. 11,0 11,1 11,2 Blatt, Harvey; Tracy, Robert J. (1996). Petrology : igneous, sedimentary, and metamorphic. (2nd ed.). Nova York: W.H. Freeman. p. 53. ISBN 0716724383. 
  12. 12,0 12,1 12,2 Le Bas, M. J.; Streckeisen, A. L. (1991). "The IUGS systematics of igneous rocks". Journal of the Geological Society 148 (5): 825–833. Bibcode:1991JGSoc.148..825L. doi:10.1144/gsjgs.148.5.0825. 
  13. 13,00 13,01 13,02 13,03 13,04 13,05 13,06 13,07 13,08 13,09 "Rock Classification Scheme - Vol 1 - Igneous" (PDF). British Geological Survey: Rock Classification Scheme 1: 1–52. 1999. 
  14. Philpotts, Anthony R.; Ague, Jay J. (2009). Principles of igneous and metamorphic petrology (2nd ed.). Cambridge, UK: Cambridge University Press. pp. 139–143. ISBN 978-0-521-88006-0. 
  15. 15,0 15,1 Jackson 1997, "gabbroid".
  16. Blatt & Tracy 1996, p. 71.
  17. Jackson 1997, "gabbro".
  18. 18,0 18,1 Philpotts & Ague 2009, p. 142.
  19. 19,0 19,1 Allaby 2013, "gabbro".
  20. Jackson 1997, "alkali gabbro".
  21. Le Maitre, R. W.; et al., eds., 2005, Igneous Rocks: A Classification and Glossary of Terms, Cambridge Univ. Press, 2nd ed., p. 69, ISBN 9780521619486
  22. Beard, James S. (1 de outubro de 1986). "Characteristic mineralogy of arc-related cumulate gabbros: Implications for the tectonic setting of gabbroic plutons and for andesite genesis". Geology 14 (10): 848–851. Bibcode:1986Geo....14..848B. doi:10.1130/0091-7613(1986)14<848:CMOACG>2.0.CO;2. 
  23. Nicolas, Adolphe; Boudier, Françoise; Mainprice, David (abril de 2016). "Paragenesis of magma chamber internal wall discovered in Oman ophiolite gabbros". Terra Nova 28 (2): 91–100. Bibcode:2016TeNov..28...91N. doi:10.1111/ter.12194. 
  24. Wager, L. R. (outubro de 1961). "A Note on the Origin of Ophitic Texture in the Chilled Olivine Gabbro of the Skaergaard Intrusion". Geological Magazine 98 (5): 353–366. Bibcode:1961GeoM...98..353W. doi:10.1017/S0016756800060829. 
  25. Arndt, N.T.; Naldrett, A.J.; Pyke, D.R. (1 de maio de 1977). "Komatiitic and Iron-rich Tholeiitic Lavas of Munro Township, Northeast Ontario". Journal of Petrology 18 (2): 319–369. doi:10.1093/petrology/18.2.319. 
  26. Gill, Robin (2010). Igneous rocks and processes: a practical guide. Oxford: Wiley‐Blackwell. ISBN 978-1-4443-3065-6. 
  27. Emeleus, C. H.; Troll, V. R. (agosto de 2014). "The Rum Igneous Centre, Scotland". Mineralogical Magazine (en inglés) 78 (4): 805–839. Bibcode:2014MinM...78..805E. ISSN 0026-461X. doi:10.1180/minmag.2014.078.4.04. 
  28. Philpotts & Ague 2007, p. 102.
  29. Philpotts & Ague 2007, pp. 370-374.
  30. Philpotts & Ague 2007, pp. 95-99.
  31. Philpotts & Ague 2007, p. 99.
  32. Iwasaki, I.; Malicsi, A.S.; Lipp, R.J.; Walker, J.S. (agosto de 1982). "By-product recovery from copper-nickel bearing duluth gabbro". Resources and Conservation 9: 105–117. doi:10.1016/0166-3097(82)90066-9. 
  33. Lachize, M.; Lorand, J. P.; Juteau, T. (1991). "Cu-Ni-PGE Magmatic Sulfide Ores and their Host Layered Gabbros in the Haymiliyah Fossil Magma Chamber (Haylayn Block, Semail Ophiolite Nappe, Oman)". Ophiolite Genesis and Evolution of the Oceanic Lithosphere. Petrology and Structural Geology 5: 209–229. ISBN 978-94-010-5484-3. doi:10.1007/978-94-011-3358-6_12. 
  34. Arnason, John G.; Bird, Dennis K. (agosto de 2000). "A Gold- and Platinum-Mineralized Layer in Gabbros of The Kap Edvard Holm Complex: Field, Petrologic, and Geochemical Relations". Economic Geology 95 (5): 945–970. doi:10.2113/gsecongeo.95.5.945. 
  35. Philpotts & Ague 2007, pp. 384-390.
  36. Winkler, Erhard M. (1994). Stone in architecture : properties, durability (3rd completely rev. and extended ed.). Berlin: Springer-Verlag. p. 101. ISBN 9783540576266. 
  37. National Research Council (1 de xaneiro de 1982). Conservation of Historic Stone Buildings and Monuments. p. 80. ISBN 978-0-309-03275-9. doi:10.17226/514. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]