Joe Louis
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 13 de maio de 1914 La Fayette, Estados Unidos de América (pt) |
Morte | 12 de abril de 1981 (66 anos) Las Vegas, Estados Unidos de América |
Causa da morte | infarto agudo de miocardio |
Lugar de sepultura | Cemiterio Nacional de Arlington |
Residencia | Michigan Boulevard Garden Apartments (en) |
Altura | 188 cm |
Peso | 99 kg |
Actividade | |
Ocupación | loitador profesional (1956–1956), árbitro (1956–1972), actor, boxeador |
Período de actividade | 4 de xullo de 1934 - |
Carreira militar | |
Rama militar | Exército dos Estados Unidos de América |
Conflito | segunda guerra mundial |
Nacionalidade deportiva | Estados Unidos de América |
Deporte | boxeo |
Disciplina deportiva | boxeo peso pesado (pt) |
Premios | |
|
Joseph Louis Barrows, nado en LaFayette (Alabama) o 13 de maio de 1914 e finado nas Vegas o 12 de abril de 1981, foi un boxeador estadounidense alcumado o "bombardeiro de Detroit". Foi campión mundial do peso pesado durante once anos e oito meses (1937-1949), un récord que ninguén conseguiu superar.[1] A International Boxing Research Organization (IBRO) clasificouno como o mellor peso pesado da historia,[2] e a revista The Ring colocouno no número 4 da listaxe dos mellores boxeadores históricos libra por libra.[3]
Disputou un total de 70 combates, con 66 vitorias (52 por K.O.) e 3 derrotas.
Traxectoria
Joe Louis naceu en 1914 nunha cabana de algodoeiros de Lexington (Alabama). Era o sétimo fillo dunha familia moi pobre, e quedou orfo de pai aos 4 anos. Con dez marchou co seu padrasto e a súa nova familia a Detroit, onde comezou a traballar como repartidor de xeo e logo como aprendiz de ebanista. Grazas a un amigo comezou a ir a un ximnasio, onde lle viron que se daba ben para o boxeo.
En xullo de 1934 pasou ao campo profesional con John Roxborough como representante e Jack Blackburn como adestrador. Louis disputou o seu primeiro combate contra Jack Kracken, a quen derrotou en Chicago no primeiro asalto.
A súa carreira, dende entón, foi fulgurante. O 14 de decembro dese mesmo ano venceu contra prognóstico a Lee Ramage. En 1935 Mike Jacobs convenceu o seu apoderado para que aceptase ser o seu preparador, co que axiña Joe adquiriu fama e importancia converténdose no grande ídolo das masas, especialmente das persoas afroamericanas que viron nel unha oportunidade de que un home de cor se convertese en campión dos pesos pesados, despois de que en 1915 o fose Jack Johnson.
En 1935 disputou 15 combates, gañando por K.O. doce deles, algúns contra rivais moi cualificados como Primo Carnera, King Levinsky, Gus Dorazzio, Max Baer ou Paulino Uzkudun.
O 19 de xuño de 1936 sufriu un importante revés. Enfrontouse ao alemán Max Schmeling no Yankee Stadium de Nova York e foi derrotado por K.O. no duodécimo asalto. Aínda que pediu o desquite co alemán, enfrontouse antes con James J. Braddock, co título mundial en xogo o 24 de xuño de 1937, e logrou a vitoria no oitavo asalto.
Conservou o título mundial durante doce anos (récord absoluto de anos como campión no peso pesado), durante os que pelexou cos mellores boxeadores do panorama mundial, incluído o desexado desquite ante Schmeling, que se celebrou en 1938. Aquel foi un combate vibrante que terminou no primeiro asalto coa vitoria de Louis, e Schmeling con dúas costelas rotas. Máis tarde foron excelentes amigos, pese a que Schmeling era considerado polos nazis un prototipo da raza aria[Cómpre referencia].
Durante a guerra mundial alistouse no exército, e percorreu os campamentos aliados facendo exhibicións de boxeo.
Tras dúas defensas fronte a Jersey Joe Walcott, a última en 1948, pretendía retirarse como campión. Porén, o fisco americano obrigouno a volver boxear para pagar o millón de dólares que debía. En 1950 pelexou con Ezzard Charles, pola reconquista do título, e foi derrotado sen paliativos. O seu último combate tivo lugar o 26 de outubro de 1951, ante Rocky Marciano. Eran os principios do gran Marciano, que chegou a ser o único boxeador dos pesos pesados que se retirou imbatido. En oito asaltos, Marciano esmagou a Louis, que fora o seu referente na súa mocidade. Era a tercera pelexa que perdía na súa vida.
Ao pouco de abandonar definitivamente o boxeo, quedou totalmente arruinado ao sérenlle confiscados todos os bens por facenda. Ao igual que anos atrás Primo Carnera, intentou facer loita libre, mais fracasou, como tamén lle foi mal noutros negocios que intentou. Nos anos 60 foi ás Vegas onde traballou na área de relacións públicas dun famoso casino, que foi do que viviu ata que en 1969 lle foi mal na rúa e en 1970 foi ingresado nun hospital psiquiátrico en Denver. En 1977, unha operación cirúrxica para desatoarlle a aorta deixouno para a vida nunha cadeira de rodas. O 12 de abril de 1981 morreu como consecuencia dun fallo cardíaco nas Vegas. Foi enterrado no Cemiterio Nacional de Arlington, por expreso desexo do Presidente Ronald Reagan. O seu antigo amigo Max Schmeling pagoulle os gastos da doenza e do enterro.
Notas
- ↑ The Shufflin' Shadow
- ↑ Cuoco, Dan (9 de setembro de 2006). "Heavyweight". Arquivado dende o orixinal o 10 de novembro de 2011. Consultado o 10 de novembro de 2011.
- ↑ Andrew Eisele (2002). "Ring Magazine's 80 Best Fighters of the Last 80 Years" (en inglés). boxing.about.com. Arquivado dende o orixinal o 08 de xaneiro de 2017. Consultado o 15 de novembro de 2011.
Véxase tamén
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Joe Louis |
Ligazóns externas
- FBI file on Joe Louis
- Joe Louis Amateur Record from BoxArec
- Joe Louis profile at Cyber Boxing Zone
- The Fight of the Century NPR special on the selection of the radio broadcast to the National Recording Registry
- "Remembering Joe Louis", WTVM
- Louis to train in Thomas bout old newspaper clipping