Amarok
Este artigo (ou sección) está desactualizado(a). A información fornecida mudou ou é insuficiente. |
AmaroK | |
---|---|
AmaroK a reproducir un fluxo de radio por Internet. | |
Desenvolvedor(es) | Equipo de AmaroK |
Última versión | 2.8[1] (16 de agosto de 2013) |
Repositorio | invent |
Sistema operativo | Linux, BSD |
Lingua/s | Varias Galego: Si |
Tipo | Reprodutor de son |
Licenza | GPL |
Sitio web | amarok.kde.org |
Amarok (ata xuño de 2006, amaroK) é unha aplicación libre de reprodución de son para sistemas compatibles Unix, como Linux ou FreeBSD. Aínda que utiliza compoñentes do código de KDE, non forma parte oficial do proxecto. De todos xeitos, pode atoparse aloxado no seu sitio. É parte de kdeextragear, permitíndolle ter o seu propio ciclo de publicación independente do resto de KDE.
O nome de Amarok ten a súa orixe no álbum Amarok de Mike Oldfield. Como a palabra "amarok" (ou "amaroq") significa "lobo" en Inuktitut, AmaroK usa lobos nos seus logos, iconas e demais imaxes. A versión 1.2 tiña orixinalmente unha icona dun lobo, mais esta retirouse posteriormente debido á súa similitude co logo da WaRP Graphics Inc. Agora o logo do Amarok modificouse o suficiente coma para non considerarse unha copia do da WaRP Graphics Inc., e reinstaurouse.
Amarok é máis que un simple reprodutor de son, pois soporta de forma directa varios servizos de Internet e opcións especializadas para os melómanos que teñen grandes coleccións de música. Aínda así, resulta fácil de usar e o seu equipo traballa moito na usabilidade dos menús e as opcións de configuración.
Historia
[editar | editar a fonte]O proxecto iniciouno orixinalmente Mark Kretschmann, como medio para mellorar XMMS debido a diversos problemas de usabilidade, que interfería na anexión de novos ficheiros á lista de reprodución debido á existencia dun gran número de interfaces de usuario para unha mesma tarefa. O amaroK orixinal creouse baseándose na idea dunha interface de dous paneis coma a do Midnight Commander, e a primeira versión so software liberada en solitario por Kretschmann, baseábase na idea de permitirlle ao usuario arrastrar e soltar nunha interface na que a lista de reproducións estivese á dereita e a información á esquerda.
Despois da versión inicial do amaroK, unha gran número de desenvolvedores uníronse ao proxecto para formar o "Three M's" (inglés para o dos tres M), o primeiro dos cales era Max Howell, quen actuou como deseñador da interface e programador para o proxecto, seguido por Muesli (Christian Muehlhaeuser), quen tamén proporcionou un punto de vista sobre a interface de usuario e programación ata finalizar as versións 1.4.
Obxectivos de desenvolvemento
[editar | editar a fonte]O lema de Amarok é "Rediscover Your Music" (inglés para Redescubre a túa música), e o seu desenvolvemento baséase nesa mesma ideoloxía. As características básicas de Amarok coma o "navegador de contexto", a busca integrada na Wikipedia, e a descarga de letras axuda aos usuarios a descubrir nova música, e a aprender máis sobre a música que xa teñen. Amarok tamén se caracteriza pola súa integración con last.fm, polo que lle dá aos usuarios suxestións sobre o que escoitar a continuación e que artistas poden cadrar co seu humor, así coma integración con Magnature, o que permite escoitar de balde cancións completas de toda a música do seu catálogo, e libre de DRM.
Características
[editar | editar a fonte]Usos e funcións básicas
[editar | editar a fonte]Amarok ofrece moitas funcións, non só relativas á reprodución de música. Por exemplo, Amarok pode usarse para organizar a biblioteca musical en cartafois atendendo ao xénero, o artista, o álbum etc, pode modificar as etiquetas da maioría dos formatos musicais, asociar portadas, anexar letras, e puntuar automaticamente a música mentres esta se está a reproducir.
Aínda que a continuación se amosará unha lista máis completa e técnica, aquí temos os usos e funcións primarias do Amarok:
- Reprodución de ficheiros de varios formatos, entre os cales están Ogg, MP3, WAV, WMA, FLAC, ACC, Apple Lossless, WavPack, TTA e Musepack. Porén, Amarok non reproduce ficheiros de son dixitais protexidos por DRM.
- Etiquetado de ficheiros de música dixitais (actualmente Ogg, MP3, WMA, ACC e RealMedia).
- Permite asociar portadas aos álbums, e mesmo as busca directamente na base de datos de Amazon.
- Creación e edición de múltiples listas de reprodución de todo tipo. As listas de reprodución dinámicas poden valerse de datos coma a valoración que lle dá Amarok automaticamente a un ficheiro de son, ou o número de reproducións con que contan estes.
- Sincronización, recepción, reprodución ou carga de música dos seguintes reprodutores de música dixital: iPod, iriver iFP, Creative NOMAD, Creative ZEN, MTP, Rio Karma e dispositivos USB con soporte para VFAT (reprodutores de MP3 xenéricos).
- Información dos artistas, álbums e obras a través da Wikipedia (na lingua desexada) e descarga de Internet e almacenado das letras das cancións.
- Soporte para Last.fm, incluíndo o envío de información respecto das cancións escoitadas (incluso en reprodutores de música dixital) a Last.fm, e a recepción de información sobre artistas similares, e a reprodución de fluxos de Last.fm.
- Soporte para podcast.
Características máis técnicas
[editar | editar a fonte]Amarok conta con dúas fiestras principais, o navegador da lista de reprodución e mailo reprodutor (sendo este último opcional). A aparencia de Amarok pode configurarse, e o estilo do explorador pode ser determinado mediante CSS. Cor e texto da pantalla OSD, encargada de informar da reprodución de novas cancións, son completamente editables, e a función moodbar ofrece unha previsualización gráfica das cancións. Tamén conta cunha icona na área de notificacións do sistema, e ten soporta para o sistema de visualización de son libvisual.
Amarok é coñecido entre outras cousas pola súa colección de música, e a súa sinxela forma de organizar esta en función dos datos das cancións (artista, álbum, ano do álbum, número da pista etc.), con premer un par de veces no rato. A colección pode indexarse nunha base de datos interna, SQLite, ou externa, coma MySQL ou PostgreSQL. Os ficheiros de son poden cualificarse ben de forma dinámica (Amarok cualifícaos automaticamente do 0 ao 100 en función de cantas veces se reproduzan) ou ben de forma persoal (o usuario asígnalle a cada peza unha cualificación de 1 a 5 estrelas), e ambos sistemas poden utilizarse simultaneamente.
Ademais, Amarok almacena desde a súa versión 1.4.3 checksum dos ficheiros de tal xeito que aínda que se movan polos cartafois do sistema, non se perdan os seus datos e estatísticas. Así mesmo, destacan os filtros da aplicación, que mediante estatísticas ofrece listas das cancións novas, as mellor puntuadas, as máis reproducidas etc. Utiliza ademais TagLib para asociar etiquetas ás cancións, e o seu soporte para MusicBrainz permítelle encher automaticamente as etiquetas IDE3 con información dos temas (compositor, álbum, intérprete etc.). Tamén conta cun administrador de carátulas, que permite a descarga automática das mesmas desde Amazon.com.
Entre as súas opcións de reprodución, atopamos un ecualizador gráfico de 10 bandas, reprodución gapless, que mestura o final dunha canción co principio da seguinte, durante o tempo seleccionado polo usuario, de xeito que non haxa silencio entre elas (só funciona cos motores GStreamer, Xine e aRts), e tamén crossfading, que consiste en aumentar progresivamente o volume das cancións ao seu comezo, e reducilo ao final. A reprodución gapless e o crossfading poden utilizarse simultaneamente.
Amarok soporta un gran número de motores de son. O motor de son dita que tipo de medios se poderán reproducir co programa. Así, Amarok ten soporte para Helix, Media Application Server (MAS), Network-Integrated Multimedia Middleware (NMM), Xine, GStreamer, aRts (xa non mantido, e non recomendado) etc. Vía DCOP, Amarok pode ser controlado de forma remota, e a súa potente interface de script permítelle ser estendido a través de calquera linguaxe que soporte DCOP, coma Perl, Python e Ruby. Conta ademais con soporte para Digital Audio Access Protocol e ZeroConf.
Caracterízase ademais pola súa integración con outras aplicacións KDE tales coma o gravador de CDs K3b ou os distintos navegadores (Firefox, Konqueror etc.). Soporta ademais o acceso a CDs de son baseados en KIO, o que permite extraer as pistas de son en formato MP3 e Ogg Vorbis simplemente co navegador do propio Amarok.
Inclúe un asistente inicial para unha sinxela configuración.
Versións
[editar | editar a fonte]Versión | Nome en clave | Lanzamento | Novidades relevantes |
---|---|---|---|
0.5.0 | 23 de xuño do 2003 | Primeiro lanzamento público. | |
0.6.0 | 20 de setembro do 2003 | ||
0.7.0 | 16 de novembro do 2003 | Soporte para crossfading, e columnas configurables. | |
1.0 | 17 de xuño do 2004 | Funcións de busca, navegador de ficheiros, descarga de portadas desde Amazon e estatísticas para a colección. | |
1.1 | I am a rock | 27 de setembro do 2004 | Cualificacións, e soporte para Xine, MAS e o K3b. |
1.2 | 14 de febreiro do 2005 | Soporte para o iPod, Audioscrobbler (recomendacións musicais baseadas na música escoitada), MySQL, e temas para o navegador de contexto. | |
1.3 | Airborne | 14 de agosto do 2005 | Novo navegador para a lista de reprodución, traballo na interface, listas de reprodución dinámicas, soporte para podcasts, rutas relativas nas listas de reprodución, colas de espera, integración coa Wikipedia, e imaxes de CD de son CUE. |
1.3.9 | Airborne | 20 de marzo do 2006 | Soporte para os motores Helix e GStreamer, interface máis agradable, e traballo no soporte para podcast. |
1.4 | Fast Forward | 17 de maio do 2006 | Mellora do soporte para dispositivos móbiles, traballo no uso de memoria e o deseño da interface, integración con Last.fm no navegador de contexto, reprodución gapless (sen pausas) con Xine, descarga das letras das cancións mediante scripts, integración avanzada coa Wikipedia, extracción das cancións de CDs de son mediante o sistema arrastrar e soltar, e mellora do manexo de podcasts. |
1.4.1 | Fast Forward | 2 de xullo do 2006 | Mellora da execución e usabilidade, cambio do nome de amaroK a Amarok, compatibilidade cos fluxos de Last.fm, e cualificacións por scripts. |
1.4.2 | Fast Forward | 22 de agosto do 2006 | Cliente DAAP, soporte para dispositivos de medios MTP, colección dinámica, e estacións de Last.fm personalizadas. |
1.4.3 | Fast Forward | 5 de setembro do 2006 | AFT (Amarok File Tracking). |
1.4.4 | Fast Forward | 30 de outubro do 2006 | Integración con Magnatune, 3 modos distintos de crossfading cos motores Xine e Helix. |
1.4.5 | Fast Forward | 4 de febreiro do 2007 | Fluxos SHOUTcast, e etiquetas. |
1.4.6 | Fast Forward | 21 de xuño do 2007 | Novo paquete de iconas e soporte para Rockbox. |
1.4.7 | Fast Forward | 13 de agosto do 2007 | Actualización das iconas e os fluxos recomendados. |
1.4.8 | Fast Forward | 20 de decembro do 2007 | Engádese e mellórase o soporte para os últimos iPods (usando libgpod3): 6th-Generation iPod Classic, 3rd-Generation iPod Nano, iPod Touch. |
2.0.0 | Kutie | Redeseño completo da interface, mellora das características gráficas, e máis cambios (en inglés) Arquivado 19 de decembro de 2008 en Wayback Machine.. Esta versión terá soporte para Microsoft Windows e Mac OS X. |
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]- JuK · Songbird
- ITunes · Winamp · Real Player · Windows Media Player
- Last.fm · Jamendo