Saltar ao contido

Cannabis sativa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Cannabis sativa
Clasificación científica
Reino: Plantae
(sen clasif.) Angiospermae
(sen clasif.): Eudicots
(sen clasif.): Rosids
Orde: Rosales
Familia: Cannabaceae
Xénero: Cannabis
Especie: C. sativa
Nome binomial
'Cannabis sativa'
L.
Subespecies

C. sativa subsp. sativa
C. sativa subsp. indica

O cánabo[1] (Cannabis sativa) é unha especie do xénero Cannabis. O xénero está composto por tres especies: A Cannabis sativa sativa a Cannabis indica e a Cannabis ruderalis. É a planta do cánabo e emprégase como droga. Na linguaxe popular, cánnabis é o termo xenérico empregado para denominar as flores secas do cánabo e o aceite de THC (haxix).

É unha planta anual orixinaria de Asia. Presenta talos con follas opostas na base e alternas no resto, palmaticompostas con estípulas libres ou persistentes. Flores anemófilas, monoicas ou dioicas; pequenas, en inflorescencias cimosas, as masculinas ramificadas, paniculiformes, e con moitas flores; as femininas máis compactas e paucifloras. Flores estaminadas con 5 sépalos e 5 estames antisépalos; pole triporado, rara vez 2, 4, 6 porado. Flores pistiladas cun cáliz tubular, membranoso, curto, pechado, e ovario con 2 carpelos unidos formando un ovario unilocular con 2 estigmas alongados; primordios seminales solitarios, anátropos.

Aínda que a principal substancia psicoactiva do cánnabis é o THC (tetrahidrocannabinol), a planta contén en total cerca de 60 cannabinoides (entre eles o cannabinol, cannabixerol, cannabichromene e o cannabycyclol), que se presenta en moitas variedades, sendo a máis activa a delta-9-THC.

A delta-9-THC fabrícase de forma sintética como un fármaco chamado dronabinol. Úsase en investigación e en ocasións para tratar as náuseas e os vómitos asociados á quimioterapia anticancerosa. A complexidade desta mestura produciu especulacións sobre a diferenza de efectos no organismo, os que, en opinión dalgúns, supuxéronse beneficiosos.

Outros alcaloides principais son o CBD o cannabidiol (narcótico) e o CBN, e as porcentaxes entre estes tres alcaloides inflúen na forma en que "coloca" cada planta.

Os primeiros cultivos estudados de cánabo efectuáronse na China cara ao 3000 a.n.e. O nome de Cannabis provén do termo "quannabu" co que o coñecían os asirios. Na Biblia aparece como "kalamo" en beizos de Salomón e no Sinaí era fumado e bebido co nome de "suama". Nos séculos V e III a.n.e. os escitas nómades consumíano coa fin de embriagarse nas estepas de Siberia.

Nos séculos II e IV, tal como indica Galeno, consumíase como medicina e como medio para embriagarse. Os textos sánscritos da India citan as chamadas "pílulas da alegría", a base de cánnabis e azucre. No século XII, Arnoldo de Lubeck describiu os efectos do haxix: "Provoca o éxtase, a perda dos sentidos, a alegría etc. Logo chegaban os magos que mostraban a quen se durmira tras tomar o cánnabis, cousas fantásticas e farto pracenteiras".

Os árabes importárono da India, onde se consumía como parte da súa cultura, e difundírono nas súas invasións da Idade Media. A Europa chegou probablemente de man dos Cruzados ao seu retorno de Terra Santa. Descartes adoitaba escribir á calor dunha estufa a cuxo lume engadía de cando en vez un puñado de "certas herbas traídas do norte de África".

A penalización do cánnabis é un feito relativamente recente e no que a maioría dos países entraron como continuación da política dos EUA. Ata 1937, a única limitación legal relacionada co cánnabis referíase a indicar na etiqueta que produtos alimenticios o contiñan na súa composición.

O proceso de ilegalización da substancia seguiu o esquema básico que os norteamericanos estableceron durante as primeiras décadas do século para prohibir unha serie de substancias ata entón legais. Empézase asociando o consumo con minorías marxinadas polo resto da poboación. Do mesmo xeito que o opio se relacionou cos chineses e a cocaína cos negros, ao cánnabis foron atribuídos os excesos e desmáns que, supostamente, cometían os inmigrantes mexicanos.

Artigo principal: Toxicidade do cánnabis.

O consumo de cánnabis produce unha sensación de euforia e benestar e certo grao de trastornos da coordinación. Unha persoa logo de fumar marihuana ou haxix notará un aumento do pulso, sensación de enlentecemento do tempo, que as sensacións tanto de gusto, olfacto e as auditivas fanse máis vivas, altérase a capacidade de concentración, aparece risa e con doses elevadas os cambios na percepción e nas sensacións poden resultar desagradables producindo ansiedade e ata ataques de pánico.[Cómpre referencia]

A maioría de consumidores fúmano, xa sexa só ou mesturándoo con tabaco, enrolándoo en forma de cigarros (coñecidos como porros). Con todo, tamén se pode fumar nunha pipa, utilizándose entre outras variedades unha pipa que filtra o fume con auga. Algunhas persoas mesturan a droga con alimentos ou úsana en forma de infusión.

Ao fumar cánnabis, este absórbese rapidamente e distribúese facilmente no tecido adiposo, cerebro, fígado e pulmóns. Ademais, atravesa o leite materno e a placenta. Os efectos subxectivos máximos alcánzanse aos 10-30 minutos de fumar o cánnabis e duran xeralmente unhas tres horas. Con todo, debido a que se trata de moléculas lipófilas, os cannabinoides e os seus metabolitos teñen unha vida media de ao redor de 50 horas, podendo persistir os seus efectos durante 12-24 horas.[Cómpre referencia]

  1. Nome vulgar galego en Diccionario Cumio da lingua galega. Vigo, Ed. do Cumio, 1999