Saltar ao contido

Moeda ibérica antiga

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Expansión da moeda na Península Ibérica entre o século V a. de C. e o século I d. de C. (lugares coñecidos e probables)

A moeda ibérica antiga é a cuñada polos pobos iberos do oriente peninsular a partir de finais do século III a. de C., durante a segunda guerra púnica, aínda que estes pobos xa coñecían e utilizaban a moeda desde dous séculos antes.[1] Estas moedas cívicas, emitidas polas cidades por iniciativa propia, continuaron en vigor durante os primeiros dous séculos e medio de control romano, ata mediados do século I d. de C.[2]

Paralelamente, en tempos do Imperio emitíronse moedas provincias romanas e algúns emperadores cuñaron moeda imperial, non cívica, que posteriormente foi a única en circulación na Península ata as primeiras emisións suevas e visigodas.[3]

A antiga Iberia mantiña estreitas ligazóns co Mediterráneo oriental e central, polo que se dan influencias coa moeda grega, romanas e púnica, o que non é óbice para que se produza unha dinámica propia e característica das emisións peninsulares.[4][5][6][7]

Etapas históricas

[editar | editar a fonte]

Do século V a. de C. á segunda Guerra Púnica (218 a. de C.)

[editar | editar a fonte]

Coñécese a circulación na costa oriental da Península de pequenas cantidades de moedas cuñadas noutras partes do Mediterráneo a partir do século VI a. de C., cun ascenso apreciable no século IV a. de C.[8] Estas moedas circulaban no marco dunha economía colonial fronteiriza na que os asentamentos indíxenas negociaban con viño, cerámica e produtos acabados principalmente a cambio de materias primas: metais preciosos, madeira, alimentos e quizais escravos.[9][10] Os mercenarios ibéricos tamén poderían ter moedas provenientes dos pagamentos aos seus servizos noutras rexións do Mediterráneo.[11]

Moeda ibérica antiga
A/: cabeza de Aretusa á dereita,con estilo siciliano; tres golfiños. R/: Pegaso a dereita; lenda en grego: ΕΜΠΟΡΙΤΩΝ ("Emporiton").
Dracma de prata de Empúries. 241-218 a. de C.

En todo o Mediterráneo occidental, as tradicións monetarias apareceron arredor do século IV a. de C. As cidades non gregas da Península Itálica (incluíndo Roma) comezaron a cuñar xa no propio século IV a de C. e nos comezos do século III.[12] Cartago cuñou desde mediados do século IV a. de C. na tradición grega, seguindo as emisións previas das colonias fenicias en Sicilia.[13] No norte da Península Ibérica, as colonias marsellesas de Empúries e Roses cuñaron moedas de prata desde os séculos V a. de C. e desde finais do IV, respectivamente.[14][15][16] Máis ao sur, as colonias fenicias de Eivisa e Cádiz cuñaron moedas de bronce na segunda metade do século IV e nos principios III respectivamente.[17][18] Ademais, o salientable asentamento ibérico de Arse (Sagunt) cuñou moedas de bronce e prata desde mediados do século IV a. de C.[19][20]

Dentro da sociedade ibérica, a riqueza tomou varias formas, moitas veces específicas segundo a rexión. A descuberta de tesouros con moedas, xoias e lingotes de metal precioso suxire que as moedas eran un dos xeitos de gardar, amosar e intercambiar riqueza.[8] Por exemplo, un tesouro de finais do século V atopado no sitio ibérico de Puig de la Nau, no Baix Maestrat valenciano, contiña cinco pendentes, ouro e unha pulseira e unha moeda de prata de Empúries.[21] En varios tesouros similares, parte da prata fora cortada en partes máis pequenas, o que pode estar relacionado cos achados de pesas e balanzas, e isto suxire que este metal circulaba a modo de protomoeda.[22]

Segunda Guerra Púnica (218-205 a. de C.)

[editar | editar a fonte]

Parte da segunda guerra púnica tivo lugar na Península Ibérica, e todos os bandos combatentes utilizaron moedas, feito que levou consigo un notable aumento no número de cecas e, consecuentemente, da cantidade de moeda en circulación.

Moeda ibérica antiga
A/: cabeza masculina ollando á dereita R/: cabalo bicéfalo e lenda ibérica SIKARA
Tetartemorion de prata. II guerra púnica.

Para financiar as campañas, os cartaxineses cuñaron moedas de ouro, electro, prata e bronce.[23] Estas moedas poderían proceder dun obradoiro monetario instalado na capital, Carthago Nova, ou ben nos propios campamentos militares. Ademais destas, e das de Cádiz e Eivissa, as colonias fenicias do litoral sur, como Málaga e Sexi tamén cuñaron moedas de bronce.[24]

Na costa oriental, particularmente ao nordés, unha boa parte das cidades cuñaron dracmas de prata. Algunhas destas moedas imitaban os dracmas de Empúries e Marsella, en tanto que outras amosaban lendas ibéricas. Poucas destas pezas poden ser asociadas a poboacións hoxe coñecidas e, mesmo, en moitas delas as lendas resultan ilexibles.[25] En xeral, considérase que as moedas de prata eran do bando partidario de Roma.[26] No entanto, tendo en conta a situación fluída da guerra, especialmente durante os primeiros anos, algunhas destas emisións poderían estar cuñadas para apoiar a causa cartaxinesa.[27]

República (década de 190 - 72 a. de C.)

[editar | editar a fonte]

Logo desta guerra e da posterior anexión romana dunha boa parte da Península Ibérica, varios pobos indíxenas e algunhas colonias romanas cuñaron a súa propia moeda durante o século II e principios do I a. de C. O catálogo de referencia para estas emisións é Corpus nummum Hispaniae ante Augusti aetatem (CNH) e, máis recientemente, tamén o Diccionario de cecas y pueblos hispanos.[28][29]

Moeda ibérica antiga
A/: cabeza masculina á dereita; golfiño e S R/: xinete á dereita con lanza; lenda ibérica: "BILBILIS"
Ás ibérico (bronce). Fin do século II a. de C.

As cidades indíxenas de Hispania Citerior cuñaron moedas con escritura ibérica e con lendas celtas. Estas moedas eran similares tipoloxicamente, co retrato dun heroe no anverso e un xinete no reverso, e as áreas onde onde se cuñaban e onde circulaban foise facendo cada vez máis ampla á medida que se estendía o control romano na Península.

As lendas e a iconografía de Hispania Ulterior eran máis diversas, alternando as inscricións latinas coas ibéricas, en tanto que o púnico se seguía utilizando nas moedas das antigas colonias fenicias da costa meridional. Xa que logo, malia considerarse con frecuencia as moedas desta etapa como moedas ibéricas, esta descrición non abrangue todas as moedas cuñadas durante a República. Un pequeno número de cidades coloniais romanas, entre elas Valencia e Toledo, cuñaban en latín, seguindo de preto os exemplos italianos. O número de cidades que cuñaban foi máximo durante o derradeiro terzo do século II e principios do século I a. de C., especialmente na Hispania Citerior, despois do final da Guerra Sertoriana.[1]

A finalidade desta moeda é incerta. Podería estar relacionada coas esixencias ás tribos por parte dos romanos ou con rendas de terras confiscadas por Roma; porén, as cantidades cuñadas resultan insuficientes para representaren impostos habituais ou pagamentos a lexionarios.[30][31] A grande diferenza de produción suxire que os motivos polos que cada cidade facía as súas cuñaxes eran diversos.[32] Algunhas moedas parecen estar estreitamente relacionadas con determinadas actividades extractivas ou produtivas do sur, como a minaría ou a industria da salgadura nas zonas costeiras.[33][34] Ao deberse a decisión da cuñaxe ás autoridades locais (e moitos elementos da iconografía parecen ser importantes a ese nivel), podería haber nesas emisións unha forte compoñente de exaltación da identidade local.[35][36] Logo de entraren en circulación, as moedas ibéricas permaneceron predominantemente na rexión onde foran cuñadas, aínda que nalgunhas ocasións circularon en áreas máis amplas.[37] A produción de moitas moedas de bronce, a gran cantidade de fraccións e de moedas diferentes en lugares moi diversos, desde as grandes cidades ata as pequenas granxas, fai pensar que tiñan uns usos cotiáns moi diversos.[38][39]

Final da República e dinastía Xulio-Claudia (72 a. de C. - 41 d. de C.)

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Moeda provincial romana.
Ás provincial a nome de Augusto cuñado na ceca móbil de LVCVS AUGVSTI (Lugo) durante as Guerras cántabras (século I a. de C.)

A partir do século I a. de C., o número de cidades que cuñaban moeda foi decaendo e as lendas latinas estandarizáronse en toda a Península.[40] Xa só emitían moeda as cidades máis importantes que adquiriran un status legal privilexiado de mans dos xenerais romanos victoriosos nas guerras civís e mesmo dos emperadores da época, Augusto e Tiberio, da dinastía Xulio-Claudia. Moitas das moedas emitidas proclamaban nas súas lendas e na súa iconografía o novo status das cidades emisoras como colonia ou como municipio, de xeito similar a outras provincias romanas.[38] Estas emisións adoitan recibir o nome de moedas provinciais romanas, e a obra de referencia para a súa catalogación é o volume I de Roman Provincial Coinage (RPC).[3][41][42]

Moeda ibérica antiga
A/: busto de Augusto á dereita; lenda: AVGVSTVS DIVI F R/: xinete á dereita con lanza; lenda ibérica: "BILBILIS"
Ás provincial (bronce) do reinado de Augusto

Varias casas de moeda do leste de Iberia intentaron manter as moedas coa tipoloxía característica do xinete e con lendas ibéricas e latinas, aínda que non resultaban moi populares. O groso destas emisións provinciais produciuse en tempos de Augusto e Tiberio, e as derradeiras moedas "locais" emitíronse baixo o emperador Calígula a mediados do século I d. de C., en todas as provincias romanas occidentais.[43] Desde entón, as únicas emisións na Hispania romana foron as das cecas imperiais, controladas polo emperador e usadas para fins determinados, como o pagamento dos lexionarios.[2]

Hai dúas razóns principais para as emisións provinciais: por unha parte, as novas colonias e os municipios querían anunciar o seu novo status e o favor imperial e, por outra banda, estas novas formas constitucionais levaban consigo gastos de Estado, que as emisións poderían estar destinadas a pagar. Logo de estaren estas moedas en circulación, probablemente fosen usadas na ampla variedade de papeis que tiñan as moedas na vida económica romana.[44][45]

Galería de moedas ibéricas

[editar | editar a fonte]
  1. 1,0 1,1 Ripollés Alegre, P. P. (2005b).
  2. 2,0 2,1 Ripollés Alegre, P. P. (2005b). Páxina 93.
  3. 3,0 3,1 Burnett; Amandry; Ripollès (1992).
  4. García Bellido; Callegarín; Jiménez (2011)
  5. Campo (2013).
  6. Chaves (2008). Páxina 108.
  7. Ripollès Alegre, P. P. (2005b). Páxina 84.
  8. 8,0 8,1 Ripollès Alegre, P. P. (2011)
  9. Rouillard (2009).
  10. Sanmartí (2009).
  11. Ripollès Alegre, P. P. (2011). Páxina 217.
  12. Crawford, M. H. (1985). Páxinas 1-2.
  13. Campo (2013). Páxina 11.
  14. Villaronga, L. (1994). Páxina 11.
  15. Ripollès Alegre, P. P. (2005a). Páxina 187.
  16. Campo (2005).
  17. Ripollès Alegre, P. P. (2005a). 190-191.
  18. Campo (2013). Páxinas 12-13.
  19. Ripollès Alegre, P. P. (2003). Páxina 189.
  20. Ripollès Alegre, P. P. (2002).
  21. Oliver; Perea (1999).
  22. Ripollès Alegre, P. P. (2011). Páxina 219.
  23. Villaronga, L. (1994). Páxinas 63-74.
  24. Villaronga, L. (1994). Páxinas 81-107.
  25. Villaronga, L. (1994). Páxinas 17-60.
  26. Chaves (2012a). Páxinas 154-157.
  27. López (2010).
  28. Villaronga, L. (1994).
  29. García-Bellido; Blázquez (2001).
  30. Aguilar; Ñaco del Hoyo (1997).
  31. Ñaco del Hoyo; Prieto (1999).
  32. Gozalbes (2009).
  33. García-Bellido (1986).
  34. Mora (2003).
  35. Chaves (2012b).
  36. García-Bellido (2005).
  37. Ripollès Alegre, P. P. (2007). Páxina 94.
  38. 38,0 38,1 Ripollès Alegre, P. P. (2005b). Páxina 92.
  39. Sinner (2012).
  40. Ripollés Alegre, P. P. (2005b). 87-89.
  41. Roman Provincial Coinage Project Online.
  42. Heath, Sebastian. "Roman Provincial Coins and Imperial Chronology Arquivado 31 de xaneiro de 2019 en Wayback Machine.". En ANS Magazine. Primavera de 2005. American Numismatic Society.
  43. Burnett; Amandry; Ripollès (1992). Páxina 18.
  44. Burnett; Amandry; Ripollès (1992). Páxinas 16-17.
  45. Lledó (2004).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]