Nervio
Nervio | |
---|---|
Fotografía microscópica de tecido nervioso | |
Nervios (en cor amarela) na parte superior do brazo | |
Latín | Nervus |
Sistema | Nervioso |
MeSH | Nerve+Net&field |
Os nervios son estruturas condutoras de impulsos nerviosos situadas fóra do sistema nervioso central. Están formados por un conxunto de fibras nerviosas ou axóns agrupados, asociadas en fascículos por medio de tecido conxuntivo, cada un deles procedente dunha neurona. Poden ser motores ou sensitivos, mais a maior parte son mixtos e conteñen tanto fibras sensitivas como motoras. Orixínanse na medula espiñal (nervios raquídeos) ou parten directamente do encéfalo (nervios craniais). Na especie humana existen 12 pares de nervios craniais que se denominan pares craniais e 31 pares de nervios raquídeos, que tenden a agruparse para formar plexos nerviosos.[1]
Descrición
[editar | editar a fonte]Os nervios son feixes de prolongacións nerviosas de substancia branca, en forma de cordóns que fan comunicar os centros nerviosos con todos os órganos do corpo. Forman parte do sistema nervioso periférico. Os nervios aferentes transportan sinais sensoriais ao cerebro, por exemplo da pel ou outros órganos, mentres que os nervios eferentes conducen sinais estimulantes dende o cerebro cara aos músculos e glándulas.[1]
Estes sinais, a miúdo chamados impulsos nerviosos, son tamén coñecidos como potenciais de acción: ondas eléctricas que viaxan a grandes velocidades, as cales nacen comunmente no corpo celular dunha neurona e propáganse rapidamente polo axón cara ao seu extremo, onde por medio da sinapse, transmítese a outra neurona.
Estrutura dun nervio
[editar | editar a fonte]Cada nervio está formado pola agrupación de varios centos ou milleiros de axóns que se reúnen orixinando fascículos. Os axóns son prolongacións das neuronas mediante os que estas células entran en contacto con outras neuronas ou con fibras musculares. Na especie humana o diámetro individual dos axóns oscila entre 0.1 e 20 micrómetros, mentres que a lonxitude varía entre só uns centímetros e máis dun metro nos axóns que fan parte do nervio ciático e partindo das motoneuronas da hasta anterior da medula espiñal deben acadar os músculos da perna e do pé.
Nos nervios pódense distinguir distintos compoñentes.[2] As fibras nerviosas que compoñen un nervio atópanse rodeadas por tecido conxuntivo que recibe nomes diferentes segundo a súa situación:[3]
- Epineuro: é a capa máis externa dun nervio e está constituída por células de tecido conectivo e fibras coláxenas, na súa maioría dispostas lonxitudinalmente. Tamén poden atoparse algunhas células adiposas e pequenos vasos sanguíneos chamados vasa nervorum que proporcionan a circulación sanguínea do nervio.[4]
- Perineuro: é cada unha das capas concéntricas de tecido conxuntivo que envolve cada un dos fascículos máis pequenos dun nervio.
- Endoneuro: son uns finos fascículos de fibras coláxenas dispostas lonxitudinalmente, xunto con algúns fibroblastos introducidos nos espazos situados entre as fibras nerviosas. O finísimo endoneuro está formado por delicadas fibras reticulares que rodean a cada fibra nerviosa.
Cada axón procede dunha neurona. A membrana celular que cobre o axón denomínase axolema. A maior parte das fibras nerviosas están cubertas por unha vaíña de mielina constituída polas células de Schwann:
- Axolema: tamén coñecido como membrana axonal, envolve o axón da fibra nerviosa.
- Axoplasma: é o citoplasma da célula que se atopa no interior do axón.
- Células de Schwann: As células de Schwann teñen a capacidade de fabricar a mielina que envolve aos nervios (menos as fibras C, que non dispoñen desta cuberta).
Conforme o nervio se vai ramificando, as vaíñas de tecido conxuntivo fanse máis finas. Nas ramas máis pequenas falta o epineuro, e o perineuro non pode distinguirse do endoneuro, xa que está reducido a unha capa delgada fibrilar recuberta de células conxuntivas aplanadas que se parecen ás células endoteliais. Os vasos sanguíneos localízanse no epineuro e no perineuro e raras veces atópanse nas acumulacións máis densas de endoneuro.
Tipos de nervios
[editar | editar a fonte]Segundo a súa orixe
[editar | editar a fonte]- Nervios craniais: son os que nacen do encéfalo ou no bulbo.
- Nervios raquídeos: son os que nacen da medula espiñal a través dos buratos de conxunción. Poden dividirse en 5 cervicais, 12 dorsais, 5 lumbares e 6 sacrococcíxeos. Os nervios raquídeos agrúpanse e dan orixe a varios plexos: Plexo cervical, plexo braquial, plexo lumbar e plexo sacro. [5]
- Nervios de ton simpático.
Segundo a súa función
[editar | editar a fonte]- Nervios sensitivos ou centrípedos: encárganse de conducir as excitacións do exterior cara aos centros nerviosos. Son bastantes escasos. Xeralmente as febras nerviosas áchanse asociadas con febras motoras (centrífugas). Como exemplo de nervio sensitivo puro podemos podemos citar o nervio de Wrisberg, que conduce ao cerebro a sensibilidade das gládulas salivares.
- Nervios sensoriais: atópanse dentro dos anteriores, pero se encargan unicamente de transmitir estímulos provenientes dos órganos dos sentidos.
- Nervios motores ou centrífugos: son aqueles que levan aos músculos ou ás glándulas as ordes dun movemento ou dunha secreción impartida por un centro nervioso.
- Nervios mixtos: son aqueles que funcionan á vez como sensitivos e motores. Áchanse constituídos por febras que levan as excitacións exteriores cara aos centros nerviosos e ordes dos músculos , dos centros cara á periferia. Como exemplo pódense citar o glosofarínxeo que transmite ao cerebro a excitación do gusto e produce ao mesmo tempo a excitación da lingua. Pertencen a esta clase de nervios todos os nervios raquídeos e varios nervios craniais.
Tipos de fibras nerviosas
[editar | editar a fonte]As fibras nerviosas que forman os nervios transmiten os impulsos grazas á propagación dos potenciais de acción. A velocidade de transmisión depende de varios factores: o diámetro das fibras e a existencia ou non dunha vaíña de mielina que envolve o axón. As fibras de máis diámetro e as que están rodeadas por mielina teñen unha velocidade de condución máis alta. Unha fibra sen mielina de diámetro pequeno transmite unicamente a 0.5 metros por segundo, mentres que unha de gran diámetro e mielinizada pode acadar os 120 metros por segundo.[6][7] A mielina actúa como illante aumentando a velocidad de condución e diminuíndo o gasto enerxético. Ten ademais unha función protectora. Por este motivo as doenzas chamadas desmielinizantes como a esclerose múltiple fan que a condución nerviosa sexa demasiado lenta e pouco eficaz.[8]
Segundo a clasificación de Erlanger e Gasser, as fibras nerviosas que forman os nervios poden clasificarse en varios tipos:
- Fibras de tipo A, con vaíña de mielina e que se subdividen en tipo alfa (velocidade de condución 70 a 120 m/s, diámetro 12 a 20 micrómetros, responsables da propiocepción), beta (vel. de condución 30–70 m/s, diámetro 5-12 micrómetros, responsables do tacto e a presión), gamma (vel. de condución 15–30 m/s, diámetro de 3-6 micrómetros, responsables da transmisión motriz aos fusos musculares ) e delta (vel. de condución 12–30 m/s, diámetro 2-5 micrómetros, transmisión da dor, o frío e parte do tacto).
- Fibras B, mielinizadas, responsables da conexión autónoma preganglionar (vel. condución 3–15 m/s, diámetro menor a tres micrómetros).
- Fibras C, non mielinizadas (sen vaíña de mielina), que se ocupan da transmisión da dor, a temperatura, información dalgúns mecanorreceptores e das respostas dos arcos reflectidos (Vel. condución 0.5 a2 m/s, diámetro de 0.4 a 1.2 micrómetros)
Propiedades dos nervios
[editar | editar a fonte]O nervio ten dúas propiedades esenciais: a excitabilidade e a condutividade.
Excitabilidade
[editar | editar a fonte]A excitabilidade é a propiedade que ten o nervio de adquirir un movemento vibratorio molecular baixo a acción dun excitante. O nervio pode ser excitado por un centro nervioso, por un excitante natural como a luz ou por un excitante artificial como unha descarga eléctrica. O estímulo propagado denomínase impulso nervioso, e o seu paso dun punto a outro da fibra nerviosa é a condución nerviosa.[9]
Os excitantes artificiais poden ser de varias clases: O excitante é mecánico cando se provoca a contracción das patas dunha ra picando o nervio crural. Será químico se se aplica un cristal de cloruro de sodio sobre o mesmo nervio para conseguir o mesmo efecto. Será térmico se se pon bruscamente o mesmo nervio en contacto cun corpo quente conseguindo a mesma contracción. O excitante máis empregado na fisioloxía é a electricidade porque é moi fácil regular a intensidade e a duración da súa aplicación.
Condutibilidade
[editar | editar a fonte]A condutibilidade é a propiedade que ten o nervio de asegurar a propagación do movemento vibratorio ao longo do nervio na forma ondulatoria ao xeito que se propaga unha onda na superficie da auga. Esta propiedade permite a unha dendrita transmitir a un centro nervioso a excitación que provén dunha picada periférica, por exemplo, e a un cilindro eixo de levar a outra neurona ou a un músculo a excitación que provén dun centro nervioso. É de notar que as dendritas que emanan dun ganglio espiñal posúen unha envoltura de mielina, o que posto a considerar aos autores como cilindros-eixos.
Para que se exerza a condutibilidade é necesario que o nervio non sufra ningunha dexeneración e que no seu traxecto non exista ningunha solución de continuidade.[9] Un nervio pode perder a excitabilidade sen perder a condutibilidade; así a parte dun nervio sometida á acción do gas carbónico, deixa de ser excitable; pero se se aplica a corrente eléctrica á outra parte do nervio, a parte non excitable poderá conducir a excitación. Un nervio non cansa ao conducir o fluxo nervioso; pero un centro nervioso pode fatigarse cun traballo intelectual intenso.
A condución dun nervio sensitivo é centrípeda e a dun nervio motor é centrífuga. Os nervios mixtos participan nas dúas calidades.
Desenvolvemento
[editar | editar a fonte]O crecemento dos nervios normalmente remata na adolescencia, mais pode ser estimulado de novo cun mecanismo molecular coñecido como "sinalización de incisión".[10]
Se os axóns dunha neurona están danados, sempre que o corpo celular da neurona non o estea, os axóns poden rexenerarse e refacer as conexións sinápticas coas neuronas coa axuda de células de guía. Isto tamén se coñece como neurorrexeneración.[11]
O nervio comeza o proceso destruíndo o nervio distal no lugar da lesión permitindo que as células de Schwann, a lámina basal e o neurilema próximos á lesión comecen a producir un tubo de rexeneración. Os factores de crecemento dos nervios prodúcense facendo que xerminen moitos brotes nerviosos. Cando un dos procesos de crecemento atopa o tubo de rexeneración, este comeza a medrar rapidamente cara ao seu destino orixinal guiado todo o tempo polo tubo de rexeneración. A rexeneración nerviosa é moi lenta e pode tardar varios meses en completarse. Aínda que este proceso repara algúns nervios, aínda haberá algún déficit funcional xa que as reparacións non son perfectas.[12]
Principais nervios do corpo humano
[editar | editar a fonte]- Nervios espinales. Son un total de 31 pares de nervios cada un con dúas partes ou raíces que se unen entre elas: unha sensitiva e outra motora. A parte sensitiva é a que traslada a información desde os receptores ata a medula espiñal, mentres que a parte motora é a que leva os impulsos desde a medula espiñal ata os efectores correspondentes. Distribúense da seguinte forma:[13]
- 8 pares de nervios cervicais
- 12 pares de nervios dorsais ou torácicos
- 5 pares de nervios raquídeos lumbares
- 5 pares de nervios raquídeos sacros
- 1 par de nervios raquídeos coccíxeos
- Nervios craniais ou pares craniais. Son 12 nervios que envían información sensorial procedente do pescozo e a cabeza cara ao sistema nervioso central ou trasladan ordes motoras para o control da musculatura esquelética do pescozo e da cabeza.[13]
- I. Nervio olfactivo. É un nervio unicamente sensorial, conduce os impulsos nerviosos xerados polas substancias odoríferas desde o nariz ata o encéfalo.
- II Nervio óptico. Exclusivamente sensorial, transporta a información visual desde o ollo ao encéfalo.
- III Nervio oculomotor. Ten fibras motoras que controlan o movemento ocular e parasimpáticas que modifican o diámetro da pupila.
- IV Nervio troclear. A súa función é motora sobre un dos músculos que moven o globo ocular.
- V Nervio trixémino. É un nervio mixto que consta dunha porción sensitiva e outra motora.
- VI Nervio abducens o motor ocular externo. É só motor e intervén na mobilidade ocular.
- VII Nervio facial. É un nervio mixto con fibras sensitivas e motoras.
- VIII Nervio vestibulococlear. Transporta ao cerebro a información auditiva e sensorial procedente do oído interno.
- IX Nervio glosofarínxeo. É un nervio mixto. A porción sensitiva transporta sinais procedentes da lingua e da farinxe.
- X Nervio vago. É sensitivo e motor, achega ademais fibras parasimpáticas que actúan sobre diferentes órganos, entre eles o estómago e o corazón.
- XI Nervio espiñal. É un nervio motor que activa entre outros o músculo esternocleidomastoideo, provocando o xiro da cabeza.
- XII Nervio hipogloso. É un nervio motor para a musculatura da lingua.
Plexos
[editar | editar a fonte]Os nervios espiñais agrúpanse para formar plexos. De cada plexo xorden diferentes nervios. Entre os máis importantes están:
- Plexo cervical: nervio auricular maior, nervio frénico.[13]
- Plexo braquial. Del parten os nervios destinados ao ombreiro e ao membro superior: nervio axilar, nervio musculocutáneo, nervio radial, nervio mediano, nervio cubital.
- Plexo lumbar: nervio iliohipogástrico, nervio ilioinguinal, nervio xenitofemoral, nervio cutáneo femoral lateral, nervio obturador, nervio femoral.
- Plexo sacro: nervio del obturador interno, nervio pudendo, nervio do cadrado femoral, nervio glúteo superior, nervio glúteo inferior, nervio cutáneo posterior da coxa, nervio ciático.
Outros animais
[editar | editar a fonte]Unha neurona chámase identificada se ten propiedades que a distinguen de todas as outras neuronas do mesmo animal (propiedades como a localización, a neurotransmisión, o patrón de expresión xénica e a conectividade) e se cada organismo individual pertencente á mesma especie ten exactamente unha neurona co mesmo conxunto de propiedades.[14] Nos sistemas nerviosos dos vertebrados, moi poucas neuronas son "identificadas" neste sentido. Os investigadores cren que os humanos non teñen ningunha, mais en sistemas nerviosos máis sinxelos, algunhas ou todas as neuronas poden ser únicas.[15]
Nos vertebrados, as neuronas identificadas máis coñecidas son as xigantescas células Mauthner dos peixes.[16] Cada peixe ten dúas células Mauthner, situadas na parte inferior do tronco cerebral, unha ao lado esquerdo e outra ao dereito. Cada célula de Mauthner ten un axón que se cruza, inervando (estimulando) as neuronas ao mesmo nivel cerebral e logo viaxando pola medula espiñal, facendo numerosas conexións ao longo do tempo. As sinapses xeradas por unha célula de Mauthner son tan poderosas que un único potencial de acción orixina unha resposta de comportamento importante: en milisegundos o peixe curva o seu corpo en forma de C, despois enderézase, propulsándose así cara a adiante. Funcionalmente trátase dunha resposta de escape rápida, desencadeada máis facilmente por unha forte onda sonora ou onda de presión que incide no órgano da liña lateral do peixe. As células de Mauthner non son as únicas neuronas identificadas nos peixes; hai uns vinte tipos máis, incluídos pares de "análogos das células de Mauthner" en cada núcleo segmentario espiñal. Aínda que unha célula de Mauthner é capaz de producir unha resposta de escape por si mesma, no contexto do comportamento común outros tipos de células normalmente contribúen a configurar a amplitude e dirección da resposta.
As células de Mauthner foron descritas como neuronas comando. Unha neurona comando é un tipo especial de neurona identificada, definida como unha neurona capaz de producir un comportamento específico por si mesma.[16] Estas neuronas aparecen máis comunmente nos sistemas de escape rápido de varias especies: o axón xigante e a sinapse xigante das luras, usadas para experimentos pioneiros en neurofisioloxía debido ao seu enorme tamaño, participan no circuíto de escape rápido das luras. Non obstante, o concepto de neurona comando volveuse controvertido debido a estudos que demostraron que algunhas neuronas que inicialmente parecían axustarse á descrición só eran capaces de evocar unha resposta nun conxunto limitado de circunstancias.[17]
Nos organismos de simetría radial, as redes nerviosas traballan para o sistema nervioso. Non hai rexión cerebral nin cabeza centralizada e, no seu lugar, hai neuronas interconectadas estendidas nas redes nerviosas. Atópanse nos cnidarios, os ctenóforos e os equinodermos.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Principios de Anatomía y Fisiología. Tortora-Derrickson. Consultado o 16 de novembro de 2018
- ↑ El nervio periférico: Estructura y función. Moreno Benavides, Carlos, Velásquez-Torres, Alejandro, Amador-Muñoz, Diana Patricia, López-Guzmán, Silvia.
- ↑ OpenStax. "The-Peripheral-Nervous-System". Anatomy and Physiology.
- ↑ Modelo:Cita publicación periódicos
- ↑ Sistema nervioso. Anatomía. Enfermera virtual. Consultado o 17 de decembro de 2018
- ↑ Medida de la velocidad de conducción del nervio cubital Arquivado 20 de setembro de 2018 en Wayback Machine.. UNAM. Consultado o 14 de decembro de 2018 (en castelán)
- ↑ Bases neurofisiológicas de la conducción nerviosa y la contracción muscular y su impacto en la interpretación de la neurografía y la electromiografía Arquivado 16 de xuño de 2021 en Wayback Machine.. A. Z. Arco. Consultado o 15 de decembro de 2018 (en castelán)
- ↑ Estructura de los nervios. Sonzini Astudillo. Consultado o 19 de novembro de 2018 (en castelán)
- ↑ 9,0 9,1 Ciencias de la Naturaleza y su didáctica. Julia Morros Sardá. pag 179
- ↑ Yale Study Shows Way To Re-Stimulate Brain Cell Growth ScienceDaily Arquivado 2017-07-07 en Wayback Machine. (22 de outubro de 1999) — Results Could Boost Understanding Of Alzheimer's, Other Brain Disorders
- ↑ Modelo:Cita publciación periódica
- ↑ Burnett, Mark; Zager, Eric. "Pathophysiology of Peripheral Nerve Injury: A Brief Review: Nerve Regeneration". Medscape Article. Medscape. Arquivado dende o orixinal o 2011-10-31. Consultado o 2011-10-26.
- ↑ 13,0 13,1 13,2 Estructura y función cuerpo humano. Gary A. Thibodeau y Kevin T. Patton. Páxina 186.
- ↑ Hoyle G, Wiersma CA (1977). Identified neurons and behavior of arthropods. Plenum Press. ISBN 978-0-306-31001-0.
- ↑ "Wormbook: Specification of the nervous system". Arquivado dende o orixinal o 2011-07-17.
- ↑ 16,0 16,1 Stein, PSG (1999). Neurons, Networks, and Motor Behavior. MIT Press. ISBN 978-0-262-69227-4.
- ↑ Simmons PJ, Young D (1999). Nerve Cells and Animal Behaviour. Cambridge University Press. p. 43. ISBN 978-0-521-62726-9.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Nervio |
=== Bibliografía ===* Nervous system William E. Skaggs, Scholarpedia
- Bear, M. F.; B. W. Connors; M. A. Paradiso (2006). Neuroscience: Exploring the Brain (3rd ed.). Philadelphia: Lippincott. ISBN 0-7817-6003-8.
- Binder, Marc D.; Hirokawa, Nobutaka; Windhorst, Uwe, eds. (2009). Encyclopedia of Neuroscience. Springer. ISBN 978-3-540-23735-8.
- Kandel, ER; Schwartz JH; Jessell TM (2012). Principles of Neural Science (5th ed.). Nova York: McGraw-Hill. ISBN 978-0-8385-7701-1.
- Squire, L. et al. (2012). Fundamental Neuroscience, 4th edition. Academic Press; ISBN 0-12-660303-0
- Andreasen, Nancy C. (4 de marzo de 2004). Brave New Brain: Conquering Mental Illness in the Era of the Genome. Oxford University Press. ISBN 978-0-19-514509-0.
- Damasio, A. R. (1994). Descartes' Error: Emotion, Reason, and the Human Brain. Nova York, Avon Books. ISBN 0-399-13894-3 (Hardcover) ISBN 0-380-72647-5 (Paperback)
- Gardner, H. (1976). The Shattered Mind: The Person After Brain Damage. Nova York, Vintage Books, 1976 ISBN 0-394-71946-8
- Goldstein, K. (2000). The Organism. Nova York, Zone Books. ISBN 0-942299-96-5 (Hardcover) ISBN 0-942299-97-3 (Paperback)
- Lauwereyns, Jan (febreiro de 2010). The Anatomy of Bias: How Neural Circuits Weigh the Options. Cambridge, Massachusetts: The MIT Press. ISBN 978-0-262-12310-5.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Cerebelo
- Cerebro
- Troncoencéfalo
- Tecido nervioso
- Lesións de nervio
- Neurofibromatose
- Neuropatía
- Neuralxia
- Membro pantasma
- Neuroglía
- Célula glial
- Sinapse
- Sistema nervioso
- Neurociencia