Carballo albariño
Carballo albariño | |||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Quercus petraea | |||||||||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||||||||
Non está ameazada | |||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||
Quercus petraea (Matt.), Liebl.. | |||||||||||||||||||||
Distribución do carballo branco en Europa
|
O carballo albariño[1] ou carballo albar[2] (Quercus petraea) (sin. Quercus sessiliflora)[3], é un carballo europeo moi semellante ao carballo común (Quercus robur), aínda que é menos robusto que este. Recibe tamén os nomes de albo, carba, carballo branco ou simplemente carballo.
O carballo albariño da Praza do Campo de Quindous, en Cervantes (Lugo), está na lista de árbores senlleiras de Galiza.
Distribución
[editar | editar a fonte]Natural de Europa e Anatolia. Na Península Ibérica áchase en todo o norte, non chegando a Portugal. Escaso en Galicia, agás nas montañas do leste estremando con Asturias e León, son importantes as carballeiras das serras de Ancares e do Courel, onde acostuma hibridar co carballo común, polo que ás veces dificulta o establecemento das estremas de distribución. Tamén hibrida con outros Quercus como o Quercus humilis (Quercus x calvescens) ou o Quercus canariensis (Quercus x viveri). É a árbore emblemática nacional de Gales e de Cornualla, por iso tamén lle chaman Welsh oak e Cornish oak (carballo gales e carballo córnico respectivamente).[4][5][6]
Hábitat
[editar | editar a fonte]Adoitan ocupar o piso superior das carballeiras de carballo común, por riba dos 300 m, chegando aos 1800 m de altitude, preferindo solos pouco fundos, areentos, non necesariamente moi ricos, calcarios ou silíceos. Forman carballeiras ou aparecen nas fragas entre outras especies caducifólias, especialmente coas faias, os bidueiros, o piñeiro rubio ou outros carballos. Precisa dun clima con tendencia atlántica cun mínimo de humidade (precipitacións anuais de alo menos 600 mm), non tolerando secas estivais fortes (requieren polo menos 150 mm de precipitacións estivais).[7]
Características
[editar | editar a fonte]Pode acadar os 35 m de altura, ten unha copa bastante regular, máis ou menos ovada ou redondeada e toro de casca cinsenta ou parda, moi fendida nas carballas xa vellas. As follas son caducas, alternas, simples, co bordo fendido en lóbulos redondeados e de contorna máis ou menos ovada, teñen, porén, un pecíolo máis desenvolvido, de até 2,5 cm, estreitándose en cuña ou rematando en forma redondeada na base, sen aurículas e conservan algúns pelos na súa cara inferior, especialmente na axila ou encontro dos nervios. As flores femininas e os froitos nacen sentados sobre as poliñas ou sobre pedúnculos moi curtos e non son nunca pendurados; a landra é ovoide e ten o cascabullo con abundantes escamas. A floración é de abril a maio, un pouco máis serodia ca do carballo común nas mesmas localidades; as landras maduran a finais de setembro ou polo outubro.
Comparación co carballo común (Quercus robur)
[editar | editar a fonte]Hai diferenzas botánicas significantes co carballo bravo Quercus robur como que este último posúe follas sésiles, é dicir sen pecíolo, mais landras en pedúnculos. O albo ten as landras sentadas, por esta razón o carballo bravo tamén recibe o nome de carballo pedunculado. Ademais o carballo branco non baixa dos 300 m de altitude, preferindo maiores precipitacións, solos acedos, areento se pouco fundos, mentres que o carballo bravo prefire solos profundo se máis ricos a menor altitude. O tronco e pólas do carballo albo acostuman ser menos tortas cás do bravo. Os individuos híbridos fértiles con Quercus robur chámanse Quercus × rosacea e adoitan ser unha mestura das dúas especies.
Sinonimia
[editar | editar a fonte]- Quercus auzin Secondat ex Bosc
- Quercus esculus L.
- Quercus latifolia Bubani
- Quercus mas Thore
- Quercus petraea subsp. huguetiana Franco & G.López
- Quercus petraea subsp. mas (Thore) C.Vicioso
- Quercus petraea subsp. petraea (Matt.) Liebl.
- Quercus robur subsp. sessiliflora (Salisb.) A.DC.
- Quercus robur var. petraea Matt.
- Quercus robur var. sessiliflora (Salisb.) Hook.f.
- Quercus ruscinonensis Debeaux
- Quercus sessiliflora var. parvifolia Lázaro Ibiza
- Quercus sessiliflora Salisb.
- Quercus sessilis var. puigii Sennen ex A.Camus
- Quercus sessilis var. ruscinonensis (Debeaux) Rouy
- Quercus sessilis Ehrh. ex Schur[8]
Problemas
[editar | editar a fonte]Adoita ter bastantes problemas co patóxeno do oídio do carballo, que enche de borra branca e fariñenta as follas e fai a árbore máis feble.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Nome preferido, coa variante albar, en Termos esenciais de botánica da Comisión de Normalización Lingüística da Escola politécnica superior de Lugo, Universidade de Santiago de Compostela, 2002.
- ↑ "Carballo". DIGALEGO. Arquivado dende o orixinal o 19 de outubro de 2016. Consultado o 15 de outubro de 2016.
- ↑ "Quercus sessiliflora Salisb.". USDA GRIN Taxonomy for Plants. Arquivado dende o orixinal o 25 de setembro de 2015. Consultado o 30 de agosto de 2012.
- ↑ "Tree trail with worldwide flavour", BBC News, 23 July 2004
- ↑ James Minahan, The complete guide to national symbols and emblems , Volume 1, 2009
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 09 de xuño de 2013. Consultado o 30 de agosto de 2012.
- ↑ {http://www.agrobyte.com/publicaciones/frondosas/cap6_7.html}[Ligazón morta]
- ↑ "Carballo albariño". Real Jardín Botánico: Proyecto Anthos. Arquivado dende o orixinal o 30 de setembro de 2015. Consultado o 26 de novembro de 2009.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Carballo albariño |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Carballo albariño |