Saltar ao contido

Armenia bagrátida

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Revisión feita o 28 de maio de 2024 ás 14:30 por Breogan2008 (conversa | contribucións) (Reemplazos con Replacer: «someter aos»)
(dif) ← Revisión máis antiga | Revisión actual (dif) | Revisión máis nova → (dif)
Modelo:Xeografía políticaArmenia bagrátida

Localización
Editar o valor en Wikidata
CapitalShirakavan (en) Traducir
Kars
Bagauna (pt) Traducir
Ani (pt) Traducir (–1045) Editar o valor en Wikidata
Poboación
Lingua usadalingua armenia Editar o valor en Wikidata
Relixióncristianismo e Igrexa apostólica armenia Editar o valor en Wikidata
Datos históricos
Creación884 Editar o valor en Wikidata
Disolución1045 (Gregoriano) Editar o valor en Wikidata
Sucedido porArmênia persa (pt) Traducir e Reino da Geórgia (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Organización política
Forma de gobernomonarquía absoluta Editar o valor en Wikidata

O reino bagrátida de Armenia, tamén coñecido como Armenia bagrátida (en armenio: Բագրատունյաց Հայաստան, Bagratunyats Hayastan ou Բագրատունիների թագավորություն, Bagratunineri t’agavorut’yun), foi un estado independente creado por Ashot I de Armenia en 885[1] despois de case dous séculos de dominación árabe de Armenia baixo o califato Omeia e o Abbásida. Coas dúas potencias contemporáneas da rexión, os abbássidas e os bizantinos, demasiado preocupados por concentrar as súas forzas en someter os pobos da rexión e na disipación das diversas familias armenias nobres nakharar, Ashot foi quen de reafirmarse como a figura principal dun movemento para expulsar os árabes de Armenia.[2]

O prestixio de Ashot aumentou cando a súa subida ao poder foi festexada polos dous líderes bizantinos e árabes, desexosos de manter un estado tampón preto das súas fronteiras. O califato recoñeceu a Ashot como "príncipe de príncipes" en 862 e, máis tarde, como rei no ano 884 ou 885. O estabelecemento do reino bagrátida (tamén chamado Bagratuni) máis tarde, implicou á fundación de diversos principados e reinos armenios: Taron, Vaspurakan, Kars, Khachen e Siunia.[3] Baixo o reinado de Ashot III, Ani converteuse na capital do reino e nun centro económico e cultural florecente.[4]

A primeira metade do século XI viu a decadencia e o eventual colapso do reino. Cunha sucesión de vitorias do emperador Basilio II que supuxo a anexión de partes do suroeste de Armenia, o rei Hovhannes-Sembat III viuse na obriga de ceder as súas terras, e en 1022 comprometeuse por "vontade propia", a confiar o seu reino aos bizantinos trala súa morte. Porén, despois da morte de Hovhannes-Sembat en 1041, o seu sucesor, Gagik II, negouse a entregar Ani e a resistencia continuou até 1045, cando o seu reino, cheo de ameazas internas e externas, finalmente foi tomado polas forzas bizantinas.[5]

Emirato de Armenia baixo mandato árabe, antes do estabelecemento da dinastía Bagratuni.

O debilitamento do Imperio Sasánida durante o século VII supuxo o xurdimento doutro poder rexional, o dos árabes musulmáns. Os árabes omeias conquistaran grandes extensións de territorio no Oriente Medio e, en dirección cara ao norte, comezaron a facer incursións periódicas en territorio armenio no ano 640. Teodoro Reshtuni, o Curopalate armenio, asinou un tratado de paz co califato, aínda que a continuación da guerra cos árabes e os bizantinos axiña conduciu a unha maior destrución por toda Armenia. En 661, os líderes armenios acordaron someterse ante o poder musulmán, mentres que estes recoñeceron a Grigor Mamikonian, da poderosa familia nakharar Mamikonian, como ishkhan (ou príncipe) de Armenia.[6] A rexión pasou a chamarse "al-Arminiya", provincia gobernada por un ostikan e con capital na cidade de Dvin.

Porén, o mandato Omeia en Armenia medrou en crueldade a comezos do século VIII. As revoltas contra os árabes espalláronse por toda Armenia até 705, cando baixo o pretexto dunha reunión de negociacións, o ostikan árabe de Nakhichevan masacrou a case toda a nobreza armenia.[7] Os árabes tentaron reconciliarse cos armenios, mais o aumento dos impostos, o empobrecemento do país por mor da falta de comercio e a preferencia dos Omeia da familia Bagratuni no canto dos Mamikonian (outras familias nobres incluían os Artsruni, Kamsarakan e Reshtuni) impediuno. Aproveitando a caída dos omeia polos abbásida, concibiuse unha segunda rebelión. Non obstante, tamén fracasou en parte por mor da tensa relación entre as familias Bagratuni e Mamikonian. O fracaso da rebelión tamén supuxo a case desintegración da casa Mamikonian coa perda de control de case todas as súas terras (os membros da familia Artstruni foron quen escapar e de estabelecerse en Vaspurakan).

En 774 tivo lugar unha terceira e última rebelión, derivada de queixas semellantes ás da segunda, e liderada por Mushegh Mamikonian co apoio doutros nakharars. Os árabes abbásida, marcharon contra Armenia cun exército de 30 000 homes e sufocaron a rebelión e os seus instigadores na batalla de Bagrevand o 24 de abril de 775, deixando un oco a encher para a única familia intacta, os Bagratuni.[8]

Ascenso dos Bagratuni

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Dinastía Bagratuni.

A familia Bagratuni fixera todo o posible para mellorar as súas relacións cos califas abbásida dende que tomaran o poder en 750. Os abbásida sempre tiveron sospeitas sobre a apertura da familia, mais a comezos da década de 770, a súa relación mellorou drasticamente: os membros da familia axiña foron recoñecidos como líderes dos armenios na rexión.[9] Trala terceira rebelión, na que os Bagratuni non participaron, e a dispersión de varias familias principescas, a familia quedou sen rivais. Non obstante, calquera oportunidade para tomar o control da rexión complicouse por mor da inmigración árabe a Armenia e o nomeamento de emires por parte do califa para gobernar os distritos administrativos de nova creación (emiratos).

Afortunadamente para os armenios, o número de árabes que residían en Armenia nunca creceu abondo para formar unha maioría e os emiratos tampouco foron totalmente subordinados ao califa.[10] Como observou o historiador George Bournoutian, "a fragmentación da autoridade árabe proporcionou a oportunidade para rexurdimento" da familia Bagratuni liderada por Ashot Msaker (o "Comedor de Carne").[11]

Ashot comezou a anexionar as terras que antes pertencían a familia Mamikonian e fixo campaña activa contra os emires como un sinal da súa lealdade ao califato, que en 804 lle outorgou o título de ishkhan.[12] Trala súa morte en 826, Ashot legou a súa terra a dous dos seus fillos: o maior, Bagrat Bagratuni, recibiu Taron e Sasun e tamén herdou o prestixioso título de ishkhanats ishkhan (príncipe de príncipes), mentres que o seu irmán, Sembat I, converteuse no sparapet de Sper e Tayk.[13]

Porén, os irmáns non foron quen de resolver as súas diferenzas nin de formar unha fronte unida contra os musulmáns. Unha nova rebelión armenia contra o dominio árabe estalou en 850 dirixida por Bagrat e Ashot Artzruni de Vaspurakan, mais ao igual que as revoltas anteriores, non tivo éxito: un exército árabe liderado polo xeneral turco Bugha al-Kabir capturou a Bagrat, Sembat e outros príncipes armenios e sufocou brutalmente a rebelión.[14]

Estabelecemento do reino

[editar | editar a fonte]
Ascenso do Reino de Armenia baixo a dinastía bagrátida.

A sorte dos armenios mudou en 867 co ascenso do emperador Basilio I de Bizancio, cuxas existosas campañas militares contra os árabes debilitaron o mandato abbásida en Armenia. En 857, Sembat foi sucedido polo seu fillo Ashot I, quen comezou a reconquistar territorios anteriormente en mans dos árabes. Asumiu o título de príncipe de príncipes en 862 e nomeou o seu irmán Abas como sparapet cando comezaron a expulsar os árabes dende a súa base en Tayk.[3] Os seus esforzos iniciais de botar o ostikan de Arminiya fracasaron, aínda que non o disuadiron de aproveitarse da rivalidade entre árabes e bizantinos.[15]

Ao principio, foi celebrado por un Bizancio desesperado por asegurar o seu franco oriental para dirixir toda a súa forza contra os árabes, aínda que Ashot declarara a súa lealdade ao Imperio Bizantino, os líderes bizantinos proseguiron coa súa continuada petición de que a Igrexa apostólica armenia fixese concesións á Igrexa ortodoxa.[16] Convocouse un sínodo dos líderes da igrexa armenia e enviouse unha misiva cargada de redacción equívoca a Constantinopla, que fixo posible un acordo temporal entre as dúas igrexas. En calquera caso, as diferenzas relixiosas importaban pouco aos bizantinos tendo en conta a ameaza dos árabes.[17] En 884, o califa Al-Mu'tamid, reaccionado ás peticións dos príncipes armenios e os líderes relixiosos, e máis importante, os riscos de seguridade na que Armenia caera baixo a órbita bizantina, envioulle unha coroa a Ashot, recoñecéndoo como rei.[15] Este feito non pasou desapercibido para Basilio, quen tamén lle enviou unha coroa. Ashot trasladou o seu trono á fortaleza da cidade de Bagaran e foi aquí onde se celebrou a cerimonia da súa coroación entre os anos 884 e 885.[3]

Polo tanto, Ashot restaurou a monarquía armenia e converteuse no primeiro rei de Armenia dende o ano 428.[18] Obtivo o favor tanto dos bizantinos como dos árabes, pero en última instancia, amosou lealdade a Basilio e optou forxar unha alianza cos bizantinos no ano 885.[19]

Ashot non era o único príncipe armenio da rexión (existían outros principados en Syunik, Vaspurakan e Taron), pero tivo o apoio dos outros príncipes cando recoñeceron a súa autoridade na súa subida ao trono.[20] Na súa condición de rei, a súa autoridade tamén traspasou as súas fronteiras até os estados veciños de Xeorxia, Albania caucásica e varios dos emiratos árabes.[15] O reinado de Ashot foi breve, e despois da súa morte en 890, foi sucedido polo seu fillo Sembat I.

O reino de Vaspurakan, formado en 908.

Sembat I foi corado rei no ano 892, despois dun breve intento do seu tío Abas de perturbar a súa sucesión no trono. Sembat continuou a política do seu pai de manter relacións cordiais cos bizantinos mais era conscientes dos temores dos árabes sobre unha alianza armenio-bizantina. Falando co ostikan árabe Muhammad Ibn Abi'l-Saj (Afshin), Sembat convenceuno de que a alianza non só sería proveitosa para Bizancio e Armenia senón que tamén favorecería economicamente aos árabes.[21] Sembat tamén conseguiu unha gran vitoria cando o 21 de abril de 892, recuperou a cidade histórica de Dvin que estaba en baixo dominio árabe.

Os éxitos de Sembat detivéronse ó pouco tempo cando Afshin decidiu que non podería permitir unha Armenia poderosa tan preto dos seus dominios. Volveu capturar Dvin e conseguiu que a muller de Sembat fose a súa refén até que a liberou en troques do fillo e o sobriño de Sembat. A guerra contra Armenia continuou mesmo despois da morte de Afshin en 901, cando o seu irmán Yusuf Ibn Abi'l-Saj se converteu en ostikan de Arminiya. Xa que o reino de Yusuf non foi inmediatamente hostil, Sembat cometeu unha serie de erros que provocavon que varios dos seus aliados lle desen as costas: intentando aplacar ó seu aliado oriental, Sembat de Syunik, cedéndolle a cidade de Nakhichevan, Sembat inadvertidamente levou a Gagik Artsruni de Vaspurakan aos brazos de Yusuf xa que a cidade formaba parte dos dominios de Gagik.[22] Yusuf aproveitou este enfrontamento ao outorgar a Gagik unha coroa en 908, converténdose así no rei Gagik I de Vaspurakan e creando un estado armenio oposto ao encabezado por Sembat.[3]

Cando Yusuf comezou unha nova campaña contra Sembat coa colaboración de Gagik en 909, nin os bizantinos nin o califa enviaron axuda a Sembat; varios príncipes armenios tamén optaron por negarlle o seu apoio. Aqueles que fixeron alianzas con Sembat foron tratados brutalmente polo poderoso exército de Yusuf: o fillo de Sembat, Mushegh, o seu sobriño Sembat Bagratuni, e Grigor II de Syunik Occidental, foron todos envelenados.[23] O exército de Yusuf esnaquizou o resto de Armenia mentres avanzaba cara á Fortaleza Azul, onde se refuxiara Sembat e onde sufriu o seu asedio por un tempo. Finalmente, Sembat decidiu renderse perante Yusuf en 914 coa esperanza de acabar co ataque árabe; porén, Yusuf non amosou compaixón cara aó seu prisioneiro e torturou ó rei armenio até a morte, colocando o seu corpo sen cabeza sobre unha cruz en Dvin.[24]

Rexurdimento baixo Ashot Yerkat

[editar | editar a fonte]

A invasión de Yusuf sobre Armenia deixou ó reino en ruínas e este feito resoou entre os príncipes armenios que quedaron esmagados ao testemuñar a brutalidade do ostikán árabe. Gagik I conmoveuse especialmente e axiña negou a súa lealdade a Yusuf e comezou a facer campaña contra el. Con Yusuf distraído pola resistencia do seu antigo aliado, o fillo de Sembat Ashot II considerou axeitado asumir o trono do seu pai. Ashot á vez comezou a expulsar aos musulmáns fóra dos seus dominios. O apoio a Ashot tamén chegou polo oeste: a emperatriz bizantina Zoe vira con consternación como se desenvolvera a invasión árabe de Armenia polo que lle ordenou ao Patriarca Nicolao I o Místico escribir unha carta oficial dirixida ós católicos armenios para formar unha nova alianza con Armenia.[25] Os católicos responderon amistosamente e en 914, Ashot aceptou un convite de Zoe para visitar Constantinopla. Alí, Ashot foi ben recibido, e unha forza bizantina foi creada para axudar a Armenia a derrotar aos árabes. A forza, que acompañou a Ashot e que estivo liderada por Doméstico das escolas León Phokas, moveuse o ano seguinte e marchou ó longo do alto Éufrates, entrando en Taron con pouca oposición dos árabes.[26]

Namentres, os esforzos de Yusuf por esmagar a Gagik erraron miserablemente; en vez diso, Yusuf volcou a súa atención en Ashot e tentou debilitar a súa posición coroando ó curmán de Ashot, Ashot Shapuhyan, rei de Armenia. Porén, os exércitos de Ashot Shapuhyan e Yusuf non foron quen de deter o avance bizantino, que só se detivo despois de capturar Dvin por mor do comezo do inverno. Deste xeito, as forzas bizantinas devolveron a Ashot a unha posición de forza en Armenia e logrou inflixir numerosas baixas aos árabes.[27] Ashot o anti-rei aínda contaba co control de Dvin e desencadeou unha guerra civil dende 918 até 920, cando o pretendente finalmente concedeu a derrota. Outras moitas rebelións tiveron lugar en Armenia pero Ashot foi quen de sufocar cada unha delas. En 919, Yusuf iniciara unha rebelión fracasada contra o califa e foi substituído por un ostikán con mellor disposición, Subuk. Subuk recoñeceu a Ashot como o lexítimo soberano de Armenia e concedeulle o título de Shahanshah, ou "rei de reis."[28]

Ironicamente, os bizantinos estaban angustiados coas estreitas relacións de Ashot cos árabes e enviaron unha nova forza baixo o Doméstico de escolas armenio Xoán Kourkouas para perturbar a posición de Ashot como rei e apoiar aos rebeldes que estaban loitando contra el. En 928, Kourkouas chegou a Dvin nun pouco exitoso intento por capturar a cidade que foi defendida tanto polos árabes como por Ashot. En 923, o califa, afrontando problemas no seu reino, liberou a Yusuf, quen viaxou de volta a Armenia para liberar toda a súa xenreira contra Armenia e especialmente contra Gagik I.[29] Comezou por pedir tributos ós gobernantes armenios pero encontrouse cunha considerable resistencia por parte de Ashot II. Unha e outra vez, Ashot puido derrotar e e destruír os exércitos árabes que lle enviaron durante varios anos. Finalmente, en 929, Yusuf morreu e comezou unha gran loita de poder entre as familias rivais iranianas e kurdas en Acerbaixán, reducindo a ameaza árabe sobre Armenia. O emperador bizantino Romano Lekapenos tamén centrou a súa atención cara ó leste para loitar ós árabes en Syria. Os esforzos de Ashot por preservar e defender o reino valéronlle o epíteto "Yerkat", ou "ferro";[3] morreu en 929 e foi sucecido polo seu irmán, Abas I.[30]

Esculturas de Smbat e Gurgen Bagratuni en Sanahin.

Estabilidade durante Abas

[editar | editar a fonte]

O reino de Abas I caracterizouse por un infrecuente período de estabilidade e prosperidade que Armenia non disfrutara había décadas.[31] A súa capital estaba situada en Kars e Abas conseguiu numerosas vitorias tanto no ámbito doméstico como no estranxeiro. O mesmo ano no que comezou a reinar, Abas viaxou a Dvin, onde foi quen de convecer o gobernador árabe para que liberase varios reféns armenios e que devolvese o control do pazo pontificio de novo a Armenia. O conflito entre os árabes foron mínimos tamén, coa excepción dunha derrota militar que Abas sufriu preto da cidade de Vagharshapat. Así e todo, foi moito menos conciliador con bizantinos, que demostraran en varias ocasións a súa falta de credibilidade cos aliados, atacando e anexionando territorios armenios. Por sorte para el, Romano I estaba máis centrado en loitar contra os árabes hamdánidas, deixando a Abas a liberdade de levar a cabo as súas políticas sen interferencias estranxeiras.[32]

Outra ameaza estranxeira que Abas tivo que enfrontar, foi a invasión polo rei Ber de Abkhazia en 943: completouse unha nova igrexa en Kars baixo as ordes de Abas, e antes da súa consagración, Ber apareceu cun exército a carón do río Araz, esixindo que a nova igrexa se consagrase baixo o rito de Calcedonia.[33] Abas negouse a facer concesións e emboscou as forzas de Ber nun asalto durante o amencer. Despois de diversas escaramuzas máis, Ber foi finalmente capurado polos homes de Abas. Abas levou ao rei á nova igrexa e díxolle que xamais a vería de novo, deixándoo cego e enviándoo de novo a Abkhazia. Abas morreu no ano 953, deixando o seu reino aos seus dous fillos, Ashot III e Mushegh.

Idade dourada de Armenia

[editar | editar a fonte]
Estatua do rei Gagik I.

A investidura oficial de Ashot III como rei de Armenia aconteceu no ano 961, despois do traslado da Santa Sé de Vaspurakan a Argina, preto da cidade de Ani. Asistiron diversos continxentes das forzas armadas de Armenias, 40 bispos, o rei de Albania caucásica, así como Catholicos Anania Mokatsi, quen coroou ao rei co título de shahanshah.[34] Ese mesmo ano, Ashot tamén trasladara a capital de Kars a Ani. Os reis bagrátidas nunca antes escolleran unha cidade na que se instalar, alternando entre Bagaran, Shirakavan e Kars. Kars nunca estivo nun estado no que se puidera converter en capital e Dvin foi descartada por completo, dada a súa proximidade aos emiratos hostís. As defensas naturais de Ani adaptábanse ben ao desexo de Ashot para asegurar unha área que podería soportar un asedio e cadraba na ruta comercial que conectaba Dvin con Trebisonda.[35]

Grazas a esta ruta comercial, a cidade comezou a medrar rapidamente e converteuse no centro político, cultural e económico dos bagrátidas de Armenia. Os comerciantes e a poboación da cidade abriron tendas, mercados, obradoiros e hostais, mentres que a elite nakharar pasou a patrocinar a construción de magníficas mansións e pazos. A construción tamén se completou coa mesma filantropía que a do rei Ashot, incluíndo a construción das famosas murallas "Ashotashen", que se ergueron arredor de Ani, mosteiros, hospitais, escolas e asilos (a súa dona Khosrovanuysh tamén fundou os complexos monásticos en Sanahin en 966 e en Haghpat no ano 976). O patrocinio da construción de todos estes edificios déronlle a Ashot o alcume de "Voghormats", ou "o Misericordioso".[36] Ashot tamén tivo un grande éxito non asuntos exteriores. Cando un exército bizantino dirixido polo emperador Xoán I Tzimisces invadiu Taron en 973, supostamente para vingar a morte do seu Domestikos morto a mans dos árabes en Mosul, Ashot mobilizou un exército de 80 000 homes para forzar a súa retirada.[37]

O ano seguinte, forxou unha alianza con Tzimisces e enviou 10 000 tropas armenias co emperador para marchar contra os emiratos árabes de Alepo e Mosul. Ashot tamén intentara, sen éxito, capturar Dvin ao emir xaddádida en 953, asediando a cidade durante moito tempo, mais viuse na obriga de levantar o asedio despois de atopar a cidade ben defendida.[38]

O reino de Armenia pasou a chamarse Reino de Ani dende 961, cando a cidade pasa a ser a súa capital, até a súa incorporación ao Imperio Bizantino o ano 1045. Déuselle este nome para distinguilo do reino de Kars, que na repartición entre os dous fillos de Abas, quedou en mans de Mushegh I en 961 (ou 962) mentres Ashot III gobernou a rexión de Ani.

Subreinos

[editar | editar a fonte]

Un novo fenómeno que se iniciou baixo o reinado de Ashot III e que continuou cos seus sucesores, foi a creación de subreinos na Armenia bagrátida. Ashot III enviara o seu irmán Mushegh como gobernador de Kars (Vanand) e permitíralle usar o título de rei. O distrito administrativo de Dzoraget, preto do lago Sevan foille dado ao fillo de Ashot, Kiurike, o proxenitor da liña kyurikida, no ano 966, que máis tarde tomou o título de rei. A proliferación de tantos reinos funcionou en beneficio de Armenia, sempre que o rei de Ani fose forte e mantivese a súa hexemonia sobre os outros reis. En caso contrario, os reis, así como os seus respectivos bispos que reclamaban a posición de Katholikós e formular as súas propias doutrinas, comezarían a poñer a proba os límites da súa autonomía.[39]

Progreso durante Sembat e Gagik

[editar | editar a fonte]

Esta era próspera que vivía Armenia continuou durante o reinado do fillo e sucesor de Ashot, Sembat II. Ani medrara tanto no momento de ascenso de Sembat en 977, que o novo rei fixo construír un segundo conxunto de murallas, coñecido como as murallas Smbatashen.[4]

Armenia bagrátida e os seus estados veciños: Vaspurakan, Taron, Siunia-Baghk, Khachen etc.

Declive e invasión bizantina

[editar | editar a fonte]

Os bizantinos achegábanse lentamente para o leste en dirección a Armenia na última década do século X. As numerosas vitorias do emperador Basilio II contra os árabes e as loitas internas árabes axudaron a facilitar o camiño cara ao Cáucaso. A política oficial de Constantinopla foi que ningún gobernante critián era igual ou independente do emperador bizantino, e aínda que fose enmascarato con compromisos diplomáticos, o obxectivo final do imperio era a anexión completa dos reinos armenios.[40] A mediados do século X, o Imperio Bizantino estaba ao longo de toda a lonxitude da fronteira occidental de Armenia. Taron foi a primeira rexión armenia anexionada ao Imperio Bizantino. En certo sentido, os bizantinos consideraban os príncipes bagrátidas de Taron como os seus vasalos, porque aceptaran sistematicamente títulos como o de estratego, e estipendios de Constantinopla. Trala morte de Ashot Bagratuni de Taron, en 967 (non confundir con Ashot III) os seus fillos non foron capaces de soportar a presión do imperio, que anexiou finalmente o seu principado.[40]

O reino dos Ardzruni de Vaspurakan tamén se anexionou máis tarde. En 1003, o último gobernador do reino, Senekerim-Hovhannes, fillastro do rei Gagik I de Ani, deixara de lado os seus sobriños para se converter no único rei de Vaspurakan. O seu goberno fíxose aínda máis precario na década de 1010 coas incursións de saqueo por parte de diversos grupos turcománs. En 1016, Senekerim-Hovhannes ofreceu a Basilio II as terras de Vaspurakan, incluíndo 72 fortalezas e 3.000-4.000 vilas, a cambio dun vasto dominio cara ao oeste no territorio bizantino, centrado na cidade de Sebastia, á que se mudou en 1021 xunto coa súa familia e uns 14 000 refuxiados.[40]

Basilio II, pola súa banda, xa enviara un exército dos Balcáns cara a Vaspurakan (que tamén se chamaba Basprakania, Asprakania ou Media), mesmo ante da oferta de Senekerim-Hovhannes e reduciuno a thema bizantino con Van como capital rexional. Coa caída do reino Ardzruni, o poder bizantino estabeleceuse con firmeza nas terras altas de Armenia, permanecendo independentes só os reinos bagrátidas, Syunik e Baghk.[40]

Armenia bagrátida anexionada ao Imperio Bizantino.

Disputas internas e caída

[editar | editar a fonte]

Trala morte do rei Gagik I (en 1017 ou 1020), o reino da Armenia bagrátida dividiuse entre os seus dous fillos: Hovhannes-Sembat, que recibiu o territorio de Ani, e Ashot IV o Bravo, que herdou un territorio que incluiría Dvin, pero que non puido ocupar por mor da súa captura polo xaddádida Abu'l-Aswar Shavur ibn Fadl de Gandja.[40] Os dous irmáns loitaron toda a súa vida. Nestes días tumultuosos de disputas territoriais, Hovhannes-Sembat, que non tiña fillos, enviou ao Katholikós Petros Getadarts a Bizancio coa finalidade de negociar unha tregua parcial deixando o seu reino ao imperio despois do seu pasamento. Os resultados inmediatos desta acción son descoñecidos, mais despois da morte dos dous irmáns, en 1040-1041, o novo emperador bizantino e sucesor de Basilio II, reclamou o reino da Armenia bagrátida. O fillo de Ashot, Gagik II, co apoio do sparapet Vahram Pahlavouni e os seus seguidores, tan só reinou por un período de dous anos. A pesar da disensión interna liderada polo supervisor pro-bizantino Sargis Haykazn, o rei armenio foi quen de rexeitar un ataque proveniente de Turkmenistán.[40] Así e todo, posiblemente coa persuasión de Sargis, aceptou a invitación do emperador Constantino IX a Constantinopla, onde se viu na obriga de ceder o seu dominio ao imperio a cambio dun dominio na Capadocia. En 1044, os bizantinos invadiron dúas veces Ani, pero non puideron conquistala. Ante esta situación tan grave, o Katholikós Petros Getadarts, que gobernaba Ani en ausencia do rei, rendeu Ani aos bizantinos en 1045. A continuación, Ani foi anexionada ao thema de Iberia, que pasou a chamarse "Iberia e Ani" ou "Iberia e Armenia".[40] 1045 é lembrado como o ano no que se perdeu a soberanía de Armenia no seu territorio tradicional por un período de 850 anos.

O rei bagrátida de Kars, Gagik-Abas, aínda conservou o seu trono mesmo até despois de 1064, cando Ani caeu en mans dos turcos selxúcidas. Por este motivo, finalmente cedeu as súas terras aos bizantinos e retirouse a Anatolia, só para ver como Kars era capturada polos turcos en 1065. En Baghk e Syunik oriental, só resistiron unhas poucas fortalezas armenias.[40]

Cultura e sociedade

[editar | editar a fonte]

O rei bagrátida de Armenia gozaba de poderes ilimitados e era a máxima autoridade á hora de resolver as cuestións de política interna e externa. Os príncipes e nakharars estaban directamente subordinados ao rei e recibían e mantiñan as súas terras só grazas ao seu permiso. Se algún nobre desobedecía as ordes do rei, este tiña o dereito de confiscarlle as terras e de distribuílas entre os outros nobres.[3] Porén, o concepto de dereito divino non existía.

Relixión

[editar | editar a fonte]
Artigos principais: Igrexa apostólica armenia e Tondrakians.
A catedral de Ani, completada no ano 1001.

A maioría dos armenios pertencían á Igrexa apostólica armenia, aínda que houbo elementos na sociedade armenia que foron tomados da Igrexa ortodoxa, a relixión oficial do Imperio Bizantino. Bizancio pediu unha comuñón coa Igrexa armenia como requisito para enviar axuda aos Bagratuni, mais a maioría dos intentos non deron o seu froito.

A mediados do século X, un novo desafío interno á autoridade da Igrexa armenio e o seu reino xurdiu cando os tondrakians experimentaron un rexurdimento. Tratábase dunha seita cristiá antifeudal e herética que estivera suprimida polos árabes co apoio da Igrexa armenia no século IX. O movemento tondrakian atraeu a moitos seguidores durante este período.[41] Ashot III decatárase do perigo que os tondrakians supoñían para o reino, e foi este unha das razóns polas que someteu a Igrexa baixo o seu dominio, facendo doazóns de terras e patrocinando a construción de novos mosteiros e igrexas.[42] Porén, a mensaxe dos tondrakians continuou espallándose e sucesivos reis armenios traballarían para remprimir a súa expansión.

Economía

[editar | editar a fonte]

O reino bagrátida baseábase esencialmente en dúas economías: unha que se centraba nunha agricultura baseada no feudalismo e outra que se concentraba no mercantilismo entre vilas e cidades. Os labregos (coñecidos como ramiks) formaban a clase máis baixa no estrato económico e en gran parte ocupábanse da gandaría e a agricultura. A maioría deles non posuían terras e vivían alugando e traballando como xornaleiros, ou mesmo como escravos nas terras propiedade de magnates feudais ricos. Os labregos víronse na obriga de pagar fortes impostos ao goberno e á Igrexa apostólica armenia, ademais de aos seus señores feudais.[3] A meirande parte dos campesiños seguiron na pobreza e mantívose a carga impositiva. Esta situación adoitaba culminar en levantamentos campesiños que o estado tivo que reprimir.[43]

O reino bagrátida non emitía moeda propia e utilizaba a moeda de Bizancio e dos califatos árabes. A expansión do comercio entre Bizancio e o califato estabeleceu diversas rutas comerciais que se desenvolveron a través de Armenia. A ruta máis importante comezaba en Trebisonda, en Bizancio, e dende alí conectaba as cidades de Ani, Kars e Erzurum. A cidade de Kars permitiu o comercio cara ao norte, cos portos do mar Negro e de Abkhazia. Outras vías conectaban as cidades de Anatolia e Irán, e a ruta principal que ía dende o califato ao Rus de Kíiv chegou a ser coñecida como a "Grande autoestrada armenia".[44] Ani non ficaba preto de ningunha das rutas comerciais importantes, mais polo seu tamaño, poder e riqueza, chegou a ser un importante centro de comercio. Dende Ani, Armenia exportaba téxtiles, ourivaría, armaduras, xoias, cabalos, gando, sal, viño, mel, madeira, coiro e peles.[45] Os seus principais socios comerciais éran o Imperio Bizantino, os árabes, o Rus de Kíiv e Asia Central.[4] Dvin seguía sendo unha cidade importante xunto con Ani, tal e como se evidencia nunha vívida descrición do historiador e xeógrafo árabe al-Muqaddassí:

Dabil [Dvin] é unha cidade importante, nela hai unha cidadela inaccesible e grandes riquezas. O seu nome é antigo, as súas roupas famosas, o seu río caudaloso, está envolta por xardíns. A cidade conta con suburbios, a súa fortaleza e fiable, as súas prazas teñen forma de cruz, os seus campos son marabillosos. A mesquita principal atópase nun outeiro e a carón da mesquita está a igrexa... A carón da cidade hai unha cidadela. Os edificios dos habitantes son de barro e pedra. A cidade conta con portes principais como Bab ['porta'] Keydar, Bab-Tbilissi e Bab-Ani.[46]

Dvin fíxose famoso no mundo árabe pola súa produción de lá e seda e pola exportación de coxíns, alfombras, cortinas e mantas.

Demografía

[editar | editar a fonte]

Durante o período bagrátida, a gran maioría da poboación de Armenia era de etnia armenia. As fontes árabes do século X dan fe que as cidades do val do río Araz permaneceron predominantemente armenias e cristiás a pesar da dominación arábida e musulmá. De feito, no século X xeógrafo árabe Ibn Hawqal especificaba que os armenios eran numerosos en Dvin e Nakhichevan.[47] De tódolos xeitos, houbo unha notable presenza musulmá nalgunhas rexións de Armenia. Por exemplo, a rexión do sur de Altzniq foi fortemente arabizada en períodos anteriores á dominación musulmá. Na beira norte do lago Van, nos séculos IX e X, tamén había unha considerable poboación musulmá, primeiro de etnia árabe, e máis tarde dailamitas de Acerbaixán.[47]

Arte e literatura

[editar | editar a fonte]
Retrato de Gregorio de Narek nun manuscrit iluminado de 1173.
Manuscrito iluminado dos evanxeos Echmiadzin completados o 989.

As incursións árabes e a invasión de Armenia, así como a devastación causada á terra durante as guerras bizantino-árabes suprimiron en gran parte unha expresión da cultura armenia en campos como a historiografía, a literatura e a arquitectura. Estas restricións desapareceron cando se estebeleceu o reino bagrátida, marcando o comezo dunha nova idade de ouro da cultura armenia.

A falta dunha forte presenza árabe houbo un aumento no número de historiadores que escribiron e documentaron as relacións entre Armenia e outros países, así como moitos acontecementos que tiveron lugar entre os séculos VII e XI. Grazas ao mecenado dos reis e nobres, os mosteiros convertéronse en centros de estudo e escritura en todo o reino.[45] Os mosteiros de Haghpat e Sanahin foron centros coñecidos para a educación superior. Entre as figuras máis notables da literatura e filosofía armenias desta época destacan o místico Grigor Narekatsi e Grigor Magistros.

A arte dos manuscritos iluminados e as miniaturas tamén viu un rexurdimento durante esta época. O período de relativa paz entre Bizancio e Armenia durante a segunda metade do século X trouxo unha forte interacción entre os artistas armenios e os seus homólogos gregos. Os autores dos manuscritos tiñan tendencia ora a resaltar o aspecto natural do corpo humano, ora a renunciar a el e concertrarse no aspecto da decoración nas ilustracións.[48]

A arquitectura armenia durante a era bagrátida foi especialmente prominente e "a maioría das igrexas sobreviventes na Armenia actual son deste período".[49] A cidade de Ani, sita nun punto de intercambio comercial entre os bizantinos, os árabes e comerciantes doutros países, medrou durante o século IX, tanto comercialmente como culturalmente, gañando fama polas súas "40 portas e 1.001 igrexas".[18] As igrexas deste período melloraron os deseños das do século VII, aumentando en altura, introducindo os retratos dos doantes no interior e introducindo elementos da arquitectura bizantina e islámica.[50] As igrexas construíanse sempre en pedra, con teitos abovedados e cunha cúpula esférica.[51] Moitas igrexas e outras formas de arquitectura sufriron vandalismo ou a destrución absoluta tralas invasións selxúcidas dos séculos XI e XII.

  1. Grigoryan, M. (2012). "Բագրատունյաց թագավորության սկզբնավորման թվագրության շուրջ [On Dating Bagratid Armenia]". Lraber Hasarakakan Gitutyunneri (en armenio). pp. 114–125. Arquivado dende o orixinal o 10 de xuño de 2019. Consultado o 03 de setembro de 2018. 
  2. Bournoutian, George A. (2006). Mazda, ed. A Concise History of the Armenian People: From Ancient Times to the Present. Costa Mesa, CA. p. 89. ISBN 978-1-56859-141-4. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 (en armenio) Ter-Ghevondyan, Aram N. «Բագրատունիների Թագավորություն» (Bagratuni Kingdom). Soviet Armenian Encyclopedia. vol. ii. Yerevan, Armenian SSR: Armenian Academy of Sciences, 1976, p. 202.
  4. 4,0 4,1 4,2 (en armenio) Ghafadaryan, Karo. «Անի» (Ani). Soviet Armenian Encyclopedia. vol. i. Yerevan: Armenian SSR: Armenian Academy of Sciences, 1974, pp. 407-412.
  5. Bournoutian. Concise History, p. 87.
  6. Ter-Ghevondyan, Aram N. (1965). Armenian Academy of Sciences, ed. Արաբական Ամիրայությունները Բագրատունյաց Հայաստանում (The Arab Emirates in Bagratuni Armenia) (en armenio). Yerevan, Armenian SSR. pp. 42–43. 
  7. Ter-Ghevondyan. Arab Emirates, p. 44.
  8. Ter-Ghevondyan. Arab Emirates, p. 45.
  9. Bournoutian. Concise History, p. 74.
  10. Bournoutian. Concise History, pp. 74-75.
  11. Bournoutian. Concise History, p. 75.
  12. Ter-Ghevondyan. Arab Emirates, pp. 68-69.
  13. Grigoryan, Gnel (1983). Armenian Academy of Sciences, ed. Տարոնի Բագրատունիների Ֆեոդալական Իշխանությունը IX - X Դարերում (The Feudal Bagratuni Principality of Taron from the 9th to 10th Centuries) (en armenio). Yerevan, Armenian SSR. p. 56. 
  14. Ter-Ghevondyan. Arab Emirates, pp. 83–86.
  15. 15,0 15,1 15,2 (en armenio) Arakelyan, Babken N. «Աշոտ Ա» (Ashot I). Soviet Armenian Encyclopedia. vol. i. Yerevan: Armenian SSR: Armenian Academy of Sciences, 1974, pp. 486-487.
  16. Garsoian. "The Independent Kingdoms of Medieval Armenia" in The Armenian People from Ancient to Modern Times, Volume I, The Dynastic Periods: From Antiquity to the Fourteenth Century. Richard G. Hovannisian (Ed.) New York: Palgrave Macmillan, 1997, p. 146. ISBN 978-0-312-10169-5.
  17. Garsoian. "Independent Kingdoms", p. 147.
  18. 18,0 18,1 Toumanoff, Cyril. "The Bagratids[Ligazón morta]." Iranica. Consultado o 4 de setembro de 2018.
  19. Treadgold, Warren (1997). Stanford University Press, ed. A History of the Byzantine State and Society. Palo Alto, CA. pp. 460. ISBN 978-0-8047-2630-6. 
  20. Grigoryan. Principality of Taron, pp. 116–117.
  21. Ter-Ghevondyan. Arab Emirates, p. 242.
  22. Ter-Ghevondyan. Arab Emirates, p. 123.
  23. Garsoian. "Independent Kingdoms", p. 157.
  24. Garsoian. "Independent Kingdoms", pp. 157–158.
  25. Runciman, Steven (1988). The Emperor Romanus Lecapenus and his Reign: A Study of Tenth-Century Byzantium. Nova York: Cambridge University Press. p. 130. ISBN 978-0-521-35722-7. 
  26. Runciman. Romanus Lecapenus, p. 131.
  27. Treadgold. Byzantine State and Society, p. 474.
  28. Ter-Ghevondyan. Arab Emirates, pp. 136–137. En armenio clásico, o título era Shahan Shah Hayots Metsats (Շահան Շահ Հայոց Մեծաց).
  29. Runciman. Romanus Lecapenus, p. 134.
  30. Treadgold. Byzantine State and Society, p. 483.
  31. Chamchyants, Mikhail (2005). Adamant Media Corporation, ed. History of Armenia from B.C. 2247 to the Year of Christ 1780, or 1229 of the Armenian Era: Volume 2. Boston. pp. 74–75. ISBN 978-1-4021-4853-8. 
  32. Runciman. Romanus Lecapenus, pp. 156–157.
  33. Chamchyants. History of Armenia, pp. 82–83.
  34. (en armenio) Arakelyan, Babken N. "Բագրատունյաց թագավորության բարգավաճումը" ("The Flourishing of the Bagratuni Kingdom"). History of the Armenian People. vol. iii. Yerevan, Armenian SSR: Armenian Academy of Sciences, 1976, p. 53.
  35. Arakelyan. "Bagratuni Kingdom", pp. 52-58.
  36. (en armenio) Stepanos Taronetsi (Asoghik). Պատմութիւն տիեզերական (Universal History). Editado por Stepan Malkhasyants. San Petersburgo: SPB, 1885, pp. 180-181.
  37. Grigoryan. Principality of Taron, pp. 153-155. De acordo con Sempad o Conestable, o motivo real do exército bizantino era o de invadir a Armenia bagrátida; outros historiadores explicaron que os bizantinos tamén querían consolidar os seus dominios sobre Taron, que se converteran nun tema militar cando fora anexionado no ano 966. Véxase Grigoryan. Principality of Taron, pp. 153-154, nota 165.
  38. Ter-Ghevondyan. Arab Emirates, pp. 168-171.
  39. Bournoutian. Concise History, pp. 87-88.
  40. 40,0 40,1 40,2 40,3 40,4 40,5 40,6 40,7 Hovannisian, Richard G. (2004). Palgrave Macmillan, ed. The Armenian People From Ancient to Modern Times, Volume I: The Dynastic Periods: From Antiquity to the Fourteenth Century. New York. pp. 187–193. ISBN 1-4039-6421-1. 
  41. Ter-Ghevondyan. Arab Emirates, pp. 234-236.
  42. Ter-Ghevondyan. Arab Emirates, p. 236.
  43. Hewsen, Robert H (2000). University Of Chicago Press, ed. Armenia: A Historical Atlas. Chicago. p. 112. ISBN 978-0-226-33228-4. 
  44. Garsoian. "Independent Kingdoms", p. 178.
  45. 45,0 45,1 Hewsen. Armenia, p. 112.
  46. Garsoian. "Independent Kingdoms", p. 179.
  47. 47,0 47,1 Hovannisian. The Armenian People From Ancient to Modern Times, Volume I, pp. 176-177.
  48. Bournoutian. Concise History, pp. 90-91.
  49. Bournoutian. Concise History, p. 90.
  50. Taylor, Alice. "Armenian Art and Architecture" in Oxford Dictionary of Byzantium. Alexander P. Kazhdan (ed.) New York: Oxford University Press, 1991, p. 178.
  51. Kouymjian, Dickran. [Ligazón morta of Armenia [Architecture]]. Armenian Studies Program at California State University, Fresno

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Hovannisian, Richard G. (ed.) The Armenian People from Ancient to Modern Times, Volume I, The Dynastic Periods: From Antiquity to the Fourteenth Century. Nova York: Palgrave Macmillan, 1997. ISBN 978-0-312-10169-5.
  • Grousset, René. Histoire de l'Arménie: des origines à 1071. París: Payot, 1947. (en francés)
  • Ter-Ghevondyan, Aram N. Արաբական Ամիրայությունները Բագրատունյաց Հայաստանում (The Arab Emirates in Bagratuni Armenia). Yerevan, Armenian SSR: Armenian Academy of Sciences, 1965. (en armenio)
  • Toumanoff, Cyril. "Armenia and Georgia." Cambridge Medieval History. vol. vi: part 1. Cambridge: Cambridge University Press, 1966.
  • Yuzbashyan, Karen. N. Армянские государства эпохи Багратидов и Византия, IX-XI вв (The Armenian State in the Bagratuni and Byzantine Period, 9th-11th centuries). Moscova, 1988. (en ruso)

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]