Saltar ao contido

Antílope negro da India

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Antílope negro da India
Antilope cervicapra

Macho e dúas femias de Antilope cervicapra
Estado de conservación
Case ameazada (NT)
Case ameazada[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Orde: Artiodactyla
Suborde: Ruminantia
Familia: Bovidae
Subfamilia: Antilopinae
Tribo: Antilopini
Xénero: Antilope
Pallas, 1766
Especie: A. cervicapra
Nome binomial
Antilope cervicapra
(Linnaeus, 1758)
Subespecies
  • Véxase o texto
Macho pastando.
Femia deitada.

O antílope negro da India[2] (Antilope cervicapra) é un mamífero artiodáctilo da familia dos bóvidos, que é o tipo da subfamilia dos antilopinos, e a única especie, do xénero Antilope.[3][4][5]

É un antílope asiático de tamaño mediano que se encontra no subcontinente Indio (India, leste de Paquistán e Nepal).[1] e que se coñece na bibliografía cos nomes vulgares de sasin,[6] antílope da India, antílpe indio, antílope negro ou mesmo cervicabra.

Na actualidade (2014) o status da especie está cualificada pola UICN como NT (especie medianamente ameazada).[1]

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Descrición

[editar | editar a fonte]

A especie foi descrita en 1785 por Linneo, na 10ª edición do seu Systema Naturae, baixo o nome de Capra cervicapra,[7] e máis tarde reclasificada no xénero Antilope, despois de que Peter Simon Pallas creara este en 1766.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

O nome xenérico, Antilope, provén do latín antalopus, certo animal fabuloso con cornos.[4][5] (Ver a súa etimoloxía no artigo Antílopes).

O epíteto específico que lle deu Linneo, cervicapra, está composto polos elementos latinos cervi-, xenitivo de cervus, "cervo", e o substantivo capra, "cabra".

Subespecies

[editar | editar a fonte]

Na actualidade recoñécense as seguintes dúas subespecies:[3]

  • Antilope cervicapra (Linnaeus, 1758)
    • Antilope cervicapra cervicapra (Linnaeus, 1758)
    • Antilope cervicapra rajputanae Zukowsky, 1927

Características

[editar | editar a fonte]

Mide de 1 a 1,25 m de lonxitude (sen contar os de 10 a 17 cm da cola), a súa altura na cruz oscila entre os 60 e os 85 cm, e o seu peso entre os 25 aos 35 kg. O seu corpo é relativamente esvelto, semellante ao das gacelas. O fociño é alongado, e o pescozo, delgado e un pouco longo. As patas, longas e delgadas, rematan en pezuños rematados en punta. Só os machos teñen cornos; estes miden de 35 a 73 cm de lonxitude, e presentan tres ou catro ondulacións en forma de espiral e estñán dirixidos cara a atrás e cara a arriba. A pelaxe, mesta, é de cor parda avermellada moi escura, case negra na cara, pescozo, parte superior do tronco (até a liña media nos costados) e lateralmente case até o extremo distal dos catro membros; a punta do fociño, o peito, o ventre, as porcións interna e distal das patas e un s círculos ao redos dos ollos, son de cor branca. As femias e os inmaturos son máis claros, de cor café con leite máis ou menos clara.[5]

Bioloxía

[editar | editar a fonte]

Hábitat, distribución e poboación

[editar | editar a fonte]
Antílopes negros no Blackbuck National Park. Estado de Guiarat (India).
Macho no Hagenbecks Tierpark de Hamburgo.

O antílope negro habitaba orixinariamente, e até o século XIX, en case todo o subcontinente indio en chairas e bosques abertos, e en zonas áridas, e mesmo semidesérticas, desde os pés do Himalaia, até o cabo Comorín (promontorio rochoso ao final da cordilleira dos Gates occidentais, no estado de Tamil Nadu, no extremo sur da India), e desde a rexión de Punjab até o baixo Assam. Era abundante nas Provincias do Noroeste, na Rajputana (rexión do noroeste da India que hoxe comprende o estado de Raiastán e pequenas partes dos de Madhya Pradesh e Guiarat, nalgunhas partes da meseta do Decán), e nas chairas próximas ás costas de Orissa e Bengala, en mandas que ás veces comprendían varios milleiros de animais de ambos os sexos e de todas as idades.[4]

Pero a súa área diminuíu drasticamente durante o século XX, debido á caza e á destrución dos seus hábitats (para conseguir terreos agrícolas), de xeito que o animal practicamente desapareceu de Bangladesh, Nepal e Paquistán, e hoxe en día a súa área de distribución quedou restrinxida a zonas de Bangladesh, a India, o Nepal e o leste de Paquistán.[3]

As maiores poboacións consérvanse en varias áreas protexidas da India.[8]

No Nepal, a última poboación sobrevivente encóntrase na área de conservación Blackbuck, no sur do Parque Nacional Bardia; en 2008, os seus efectivos esrimábanse en tan só 184 individuos.[9]

En Paquistán o antílope negro móvese vagabundo por varias zonas limítrofes coa India. Algñuns exemplares mantéñense en recintos pechados no Parque Nacional de Lal Suhanra para a súa posíbel reintrodución. E en Bangladesh considérase totalmente extinguido.[8]

E, en efecto, recentemente está intentándose reintroducilo en Paquistán e Nepal.[1]

Nos últimos anos a poboación aumentou, pasando de 22.000-24.000 individuos na década de 1970 a uns 50.000 na actualidade. As maiores subpoboacións encóntranse nos estados de Raiastán, Punjab, Madhya Pradesh, Maharashtra e Guiarat.[1]

Ademais, o antílope indio foi introducido, como especie de caza, na Arxentina (onde viven uns 8.600 exemplares), nos Estados Unidos (cuns 35.000 individuos),[1] e no norte, centro e leste de México.[8]

Comportamento

[editar | editar a fonte]
Macho saltando.

Os antílopes da India son fundamentalmente dirúrnos, aínda que dependedendo da estación os animais poden seren activos de maneira intermitente ao longo de todo o día durante o inverno ou pola mañá cedo e ao anoitecer na época máis calorosa.[5]

Coas súas patas longas e delgadas pode alcanzar na carreira velocidades de máis de 80 km/h, sendo unha das especies de antílopes máis veloces.[5]

Os antílopes da India son animais gregarios, que forman grupos mixtos de 5 a 50 animais formados por femias e con non máis de 4 machos adultos. Os machos novos forman grupos independentes.[5]

A densidade media da poboación é dun animal por cada dúas hectéreas.[5]

Os sentidos do olfacto e oído non están tan ben desenvolvidos como noutros antílopes, polo que dependen fundamentalmenta da vista para advertiren os perigos. Cando están en perigo é xeralmente unha femia a que alerta ao grupo mediante un salto, e toda a manda foxe correndo a gran velocidade, e saltando.[5]

Alimentación

[editar | editar a fonte]

Os antílpes negros son principalmente herbívoros e evitan as zonas boscosas. Necesitan auga cada día e poden percorrer grandes distancias en busca de auga e de pasto en verán. Xeralmente aliméntanse durante o día. A súa dieta consiste principalmente en herbas curtas, pero ocasionalmente de follas de acacias, poliñas e froitos silvestres,[5][10] aínda que tamén poden pastar en campos de cereais cultivados,[11]

Reprodución

[editar | editar a fonte]
Loita entre machos.

O antílope negro pode reproducirse durante todo o ano, aínda que se rexistran dous picos de apareamentos de marzo a maio e de agosto a outubro, períodos nos que os machos defenden agrsivamente os seus territorios, que marcan coas secrecións das súas glándulas e, en ocasións, loitan entre eles trucando cos seus cornos; estas loitas de intimidación son violentas, pero raramente fatais.[11]

A xestación dura 6 meses, ao cabo dos cales nace unha cría (ás veces dúas). As fenias paren só unha vez ao ano. A desteta dos cabritos prodúcese aos 2 meses, e alacanzan a madureza sexual aos 16 meses.[11]

Loxevidade

[editar | editar a fonte]

Alcanzan unha lonxevidade duns 12 anos na natureza, e de até os 16 anos en catividade (máximo, 18 anos).

Caza de sasins con guepardos adestrados. Ilustración do Akbarnama (o Libro de Akbar).
Caza do sasín mediante guepardos, no sur de Guiarat, 1812.

Os antílopes negros foron cazados polos homes e os guepardos, (máis rarement polos lobos, tigres e leopardos).[12]

Na actualidade, as principais ameazas para a especie son a caza furtiva, a depredación, a destrución do seu hábitat, o sobrepastoreo, as enfermidades, a endogamia e o exceso de visitantes dos santuarios onde se conservan.

Antano grandes mandas percorrían libremente as chairas do norte da India, onde encontraban o seu mellor hábitat. Durante os séculos XVIII, XIX e a primeira metade do XX, o sasin era o animal salvaxe máis buscado por toda a India. Até a independencia da India en 1947, en moitos Estados principescos cazábase este antílope e a gacela india (Gazella bennettii), mediante guepardos asiáticos cativos especialmente adestrados. (O guepardo asiático, Acinonyx jubatus venaticus, extinguiuse na década de 1960).

Outrora foi un dos mamíferos con pezuños máis abundante no subcontinente indio; tanto, que a principios do século XX o naturalista Richard Lydekker citaba mandas de centos de individuos nos seus escritos. Hoxe en día só se poden ver pequenos rabaños, en gran parte dentro das reservas. A principal causa da súa decadencia foi a excesiva caza;[13] aínda que o deporte cinexético real xa terminara, os agricultores das zonas de expansión dos cultivos víano como un inimigo. Finalmente, cando na década de 1970, varias axencias informaron do risco da súa extinción, foi catalogado como animal protexido na Wildlife Protection Act of 1972.[13]

O sasin cázase pola súa carne e a súa pel. A pesar de que a lexislación da India prohibe estritamente a caza deste animal en perigo de extinción, aínda ocorren incidentes ocasionais de caza furtiva. As poboacións que quedan, illadas, están baixo a ameaza da endogamia. O hábitat natural dos sasins está sendo invadido pola necesidade dos agricultordes de obter novas terras cultivábeis e de pastoreo para o gando doméstico. Ademais, a exposición a este gando doméstico tamén os expón a enfermidades do gando bovino.

O seu estado de protección gañou publicidade grazas a un xuízo que foi amplamente divulgado, no cal unha das principais estrelas do cinema da India, Salman Khan, foi condenado a cinco anos de prisión por matar a dous antílopes negros e varias gacelas asiáticas nunha área protexida. O xuízo foi promovido por intensas protestas do grupo étnico Bishnoi, que no seu territorio albergan animais e árbores considerados sagrados, e en cuxas terras se producira a polémica caza.

Noutro incidente notorio de furtivismo, Mansoor Ali Khan Pataudi tamén matou unha femia de antílope negro,[14] fuxindo despois como un delincuente. Finalmente entregouse ás autoridades cando acerptaron transferir o xuízo do tribunal penal a un tribunal especial de medio ambiente, onde enfrontaría unha condena máis leve.

Estado de conservación

[editar | editar a fonte]
Antílopes negros en Balaghat Lane.

Na India, a caza do antílope negro está prohibida, como quedou dito, pola Wildlife Protection Act of 1972,[1] e pode verse nos parques zoolóxicos e nas zonas proptexidas.[15]

Tamén se encontran estes antílopes en zonas abertas cerca de Dindori, Madhya Pradesh, na área deconservación de Karopani Black Buck a uns 15 km de Dindori, e tamén cerca de Koppal no distrito de Koppal.

En Balaghat Lane, no Kolar Gold Field, o antílope negro encóntrase nunha zona non protexida.

Historia do seu status

[editar | editar a fonte]

Nos anos 1900, a súa poboación estimábase en torno aos 4 milóns de individuos, pero poucos anos máis tarde case desaparecera debido á caza intensiva. Nos anos 1970 a súa poboación medrara até uns 25.000 individuos, e no censo de 2001 subira até os 50.000.[1]

[editar | editar a fonte]

O antrílope negro coñécese por varios nomes locais como pulvaai, thirugumaan, velimaan, kadamaan, ralai, karinchikedai e murugumaan en támil. Tamén se coñece como jinka krishna e rishna mruga en kanarés, e en telugu. Está declarado como o animal propio dos estados de Andhra Pradesh e Telangana. Outros nomes locais para esta especie son kishnasar en bengalí, kala hiran, sasin (en nepalés), iralai maan e kalveet (en maratí).[16] Chámase habitualmente antílope negro ou antílope indio, ou antílope da India, aínda que estes últimos termos tamén poden empregarse para outro antilopino da rexión.

A pel do krishna mrugam xoga un papel importante no hinduísmo e os mozos da casta dos bramáns tradicionalmente deben usar unha tira desta pel sen curtir despois de realizar a cerimonia da upanaiana.

Segundo a mitoloxía hindú, o sasin ou krishna jinka considérase como o vehículo (vahana) da lúa-deusa Chandrama.

E segundo a Garuda Purana da mitoloxía hindú, os krishna jinka outorgan prosperidade nas zonas onde viven.

Introducións como especie exótica

[editar | editar a fonte]

Nos últimos anos o antílope indio foi introducido, como especie de caza, na Arxentina (onde viven uns 8.600 exemplares), nos Estados Unidos (cuns 35.000 individuos),[1] e no norte, centro e leste de México.[8][11]

Efectos sobre a a flora e a fauna nativas

[editar | editar a fonte]

De maneira xeral, a introdución de fauna exótica pode traer como consecuencia a modificación dos hábitats en que se encontre, xa que estes evolucionaron sen a súa presenza.[8] O antílipe indio é un competidor potencial das especies nativas de fitófagos que se alimentan de herba, follas e froitos, chegando a afectar ás poboacións destas. Por outra parte, poden ser unha presa alternartiva dos depredadores autóctonos, como o puma, o lobo, os coiotes ou o xaguar. E, indirectamente, a presenza desta especie podería exercer un impacto negativo sobre os seus depredadores, xa que podería dar lugar á promoción de camnpañas para o control destes.[11]

Ademais, esta especie pode ser portadora e transmisora potencial de enfermidades e parasitos aos animais nativos, en partgicular ás poboacións de ungulados como o berrendo (Antilocapra americana).[11]

No caso de que as poboacións do antílope negro medraran demasiado, poderían chegar a alterar a dinámica de poboación dalgunhas plantas e, por conseguinte, a súa abundancia e a composición das comunidades vexetais da zona.[11]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 1,8 Antilope cervicapra na Lista Vermella da IUCN. Versión 2014.2
  2. "bUSCatermos". aplicacions.usc.es. Consultado o 2024-12-20. 
  3. 3,0 3,1 3,2 D. E., & Reeder, D. M. (editors) (2005): Mammal Species of the World.
  4. 4,0 4,1 4,2 Blanford, W. T. (1888–1891). The fauna of British India, including Ceylon and Burma. Mammalia. Taylor and Francis, London.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 5,6 5,7 5,8 Nowak, R. M. (1999). Blackbuck. Pages 1193–1194 in: Walker's Mammals of the World. Volume 1. The Johns Hopkins University Press, Baltimore, USA and London, UK.
  6. Voz que entrou no inglés (e de aí ás linguas modernas) a mediados do século XIX procedente do nepalés, segundo o Oxford Dictionary Arquivado 06 de outubro de 2014 en Wayback Machine..
  7. Capra cervicapra Linnaeus, 1758 Arquivado 06 de outubro de 2014 en Wayback Machine. en gbif.org (en inglés)
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 Mellink, E. (1991).
  9. Bhatta, S. R. (2008): "People and Blackbuck: Current Management Challenges and Opportunities" Arquivado 04 de outubro de 2013 en Wayback Machine.. The Initiation 2 (1): 17–21.
  10. Mallon, D. P. & Kingswood, S. C., eds. (2001): Antelopes: Global Survey and Regional Action Plans, Volume 4. IUCN. ISBN 2-8317-0594-0, p. 184
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 11,4 11,5 11,6 Antilope cervicapra Nocon, 2001.
  12. Gee, E. P. (1969): The Wildlife of India. London: Collins. Fontana Books. ISBN 978-0-00-612076-6.
  13. 13,0 13,1 Luna, R. K. (25 de maio de 2002). "Black bucks of Abohar". The Tribune (Chandigarh). 
  14. Female black buck hunted by Nawab Pataudi with his team - Naresh Kadyan Vídeo.
  15. Walther, F. R.; Mungall, E. C.; Grau, G. A. (1983). Gazelles and their relatives: a study in territorial behavior. William Andrew. p. 74. ISBN 0-8155-0928-6. 
  16. "After Black bucks, leopards to be bred in captivity". Business Line. 18 de novembro de 2008. Consultado o 9 de xaneiro de 2020. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Kleiman, Devra G. & Valerius Geist, eds. (2003): Grzimek's Animal Life Encyclopedia: Mammals, segunda edición. Farmington Hills, Míchigan, EEUU: Gale. ISBN 978-0-7876-5792-5.
  • Kowalski, Kazimierz (1981): Mamíferos. Manual de teriología. Madrid: H. Blume Ediciones. ISBN 84-7214-229-9.
  • Mellink, E. (1991): "Exotic herbivores for the utilization of arid and semiarid rangelands of Mexico"; en Renecker L. A. & R. J. Hudson, eds., Wildlife Production: Conservation and Sustainable Development, pp. 261–266. Proc. 2 International Wildlife Ranching Symposium, Edmonton, 601 pp.
  • Nowak, Ronald M. (1999): Walker's Mammals of the World. Volume 2, 6th Edition. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopins University Press. ISBN 978-0-8018-5789-8.
  • Wilson, D. E., & Reeder, D. M. (editors) (2005): Mammal Species of the World — A Taxonomic and Geographic Reference. Third edition. ISBN 978-0-8018-8221-4.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]