Bangladesh
গণপ্রজাতন্ত্রী বাংলাদেশ (bn) বাংলাদেশ (bn) | |||||
Himno | Amar Sonar Bangla | ||||
---|---|---|---|---|---|
Lema | «Bangladesh Godidog» | ||||
Símbolo oficial | Nymphaea nouchali (flor nacional) | ||||
Epónimo | lingua bengalí | ||||
Localización | |||||
| |||||
Capital | Dacca | ||||
Contén a división administrativa | |||||
Poboación | |||||
Poboación | 171.466.990 (2023) (1.161,94 hab./km²) | ||||
Lingua oficial | lingua bengalí | ||||
Relixión | Islam | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 147.570 km² | ||||
Bañado por | Golfo de Bengala | ||||
Punto máis alto | Mowdok Mual (pt) (1.054 m) | ||||
Punto máis baixo | Golfo de Bengala (0 m) | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Creación | 26 de marzo de 1971 | ||||
Organización política | |||||
Forma de goberno | Sistema Westminster (pt) República parlamentaria | ||||
• Presidente | Mohammad Shahabuddin (pt) (2023–) | ||||
Órgano executivo | Government of Bangladesh (en) | ||||
• Primeiro ministro | Muhammad Yunus (2024–) | ||||
Órgano lexislativo | Jatiya Sangsad (en) , (Escano: 350) | ||||
Máxima autoridade xudicial | Suprema Corte de Bangladesh (pt) | ||||
Membro de | |||||
PIB nominal | 416.264.802.185 $ (2021) | ||||
Moeda | taka (pt) | ||||
Identificador descritivo | |||||
Fuso horario | |||||
Dominio de primeiro nivel | .bd e .বাংলা (mul) | ||||
Prefixo telefónico | +880 | ||||
Teléfono de emerxencia | 999 | ||||
Código de país | BD | ||||
Outro | |||||
Irmandado con | |||||
Páxina web | bangladesh.gov.bd | ||||
Bangladesh[1] ou Bangladés[2] (en bengalí: বাংলাদেশ), formalmente República Popular de Bangladesh (en bengalí: গণপ্রজাতন্ত্রী বাংলাদেশ Gônôprôjatôntri Bangladesh) é un estado da Asia Meridional, localizado no fértil delta do Ganxes. Fai fronteira coa República da India polo norte, oeste e leste, con Myanmar polo sueste e co Golfo de Bengala polo sur. Está separado do Nepal e de Bután polo territorio indio coñecido como Corredor de Siliguri. Xunto co estado indio de Bengala Occidental, forma parte da rexión etno-lingüística de Bengala. O nome de Bangladesh significa "País de Bengala" en lingua bengalí.
As fronteiras da moderna Bangladesh foron delimitadas durante a Partición de Bengala e a India británica en 1947, cando a rexión se converteu nunha rexión do estado de Paquistán. Debido á exclusión política, á discriminación étnica e lingüística, á dominación económica polo estado de Paquistán e a unha combinación de axitacións populares, o nacionalismo e a desobediencia civil conduciron á Guerra de Liberación de Bangladesh en 1971, que resultou na separación e independencia mediante a formación do estado de Bangladesh. Despois da independencia, o novo estado proclamou unha democracia multipartidista secular. O país enfrontouse dende entón á pobreza, á fame, á inestabilidade política e a numerosos golpes militares. A restauración da democracia en 1991 foi seguida dun relativo período de calma e progreso económico.[3]
Bangladesh é unha república parlamentaria cun parlamento electo chamado Jatiyo Sangshad. Cunha poboación de máis de 160 millóns de persoas nun territorio de 147 570 km², Bangladesh é o oitavo país do mundo máis poboado, así como o estado máis densamente poboado do planeta. Os bengalís son o grupo étnico maioritario do país, mentres que pobos indíxenas dos distritos do norte e do sueste son unha minoría diversa e significativa. A rexión do delta de Bengala ten un rico patrimonio cultural. As catro meirandes relixións do país son o islam (89%), o hinduísmo (9%), o budismo (1%) e o cristianismo (0.5%).
Bangladesh é considerada unha economía dos próximos once. De acordo coas Nacións Unidas no 2010, o país fixo a comezos do século XXI grandes esforzos de desenvolvemento humano, incluíndo significativos progresos nas áreas de igualdade de xénero, educación primaria universal, apoio á muller, redución do crecemento da poboación, produción de comida, saúde e enerxías renovables.[4][5][6] A porcentaxe de pobreza diminuíu considerablemente dende a independencia, e a renda per cápita duplicouse dende os valores de 1975. As grandes cidades como Dacca e Chittagong foron as principais responsables do recente crecemento. Porén, o país continúa enfrontándose a numerosos problemas sociais e políticos, como a corrupción burocrática e política, a pobreza, a inestabilidade política, a superpoboación e a vulnerabilidade ó cambio climático.
Bangladesh é un pioneiro e membro fundador de ASACR. É o maior contribuidor do mundo das Forzas da paz das Nacións Unidas. É membro do D-8, do BIMSTEC e da Commonwealth, da Organización da Conferencia Islámica, do Movemento de Países Non Aliñados e do G-77.
Historia
[editar | editar a fonte]Antigüidade
[editar | editar a fonte]Os restos de civilización na gran rexión de Bengala datan de hai catro mil anos, cando a rexión estaba habitada polos antigos polos pobos dravídicos, indoarios, tibetobirmanos e austrasiáticos. A orixe exacta da palabra "Bangla" ou "Bengala" é incerta, mais pénsase que podería proceder de Bang/Vanga, a tribo dravídica que se asentou nesta área no -1000.[7][8]
A rexión era coñecida polos antigos gregos e romanos como Gangaridai, ou "Nación do Ganxes". A historia antiga de Bengala está protagonizada por numerosas cidade estado, ou janapadas, como Vanga, Samatata e Pundravardhana. O Imperio Mauryan liderado por Aśoka conquistou Bengala no século II, e a rexión foi absorbida no goberno das sucesivas dinastías Magadha durante varios séculos. Após o colapso do Imperio Magadha, un líder local chamado Shashanka acadou o poder e fundou un poderoso pero efémero reino. Logo dun período de anarquía, a dinastía bengalí e budista Pala gobernou a rexión durante catrocentos anos, seguida pola hindú Dinastía Sena.
O islam foi introducido na rexión de Bengala no século VIII polos mercadores árabes e os misioneiros sufís, e a subsecuente conquista musulmá de Bengala no século XII axudou a espallar o islam na rexión.[9] Bakhtiar Khilji, un xeneral turco, derrotou a Lakshman Sen da Dinastía Sena e conquistou grandes anacos de Bengal no ano 1204. A rexión foi gobernada polo Sultanato de Bengala e a confederación Baro-Bhuiyan durante os seguintes séculos. No século XVI, o Imperio Mughal fíxose con Bengala, e Dacca converteuse nun importante centro da administración provincial Mughal.
Os xeógrafos medievais europeos situaron o paraíso na desenbocadura do Ganxes, e malia que isto non era certo, Bengala foi probablemente a máis rica parte do subcontinente ata o século XVI. A partir de 1517, os comerciantes portugueses de Goa foron atravesando o mar cara a Bengala. Só en 1537 lles foi permitido asentarse e ter as aduanas abertas en Chittagong. En 1577, o emperador Mughal Akbar permitiu ós portugueses construír asentamentos permanentes e igrexas.[10] A influencia dos comerciantes europeos medrou ata que a Compañía Británica das Indias Orientais gañou o control de Bengala coa Batalla de Plassey en 1757.[11] A sangueta rebelión de 1857, coñecida como Rebelión india, motivou a transferencia da autoridade á Coroa, cun vicerrei británico que gobernase a administración.[12] Durante o control colonial, a fame asolou a Asia Meridional varias veces, como a Gran fame bengalí de 1943 que acabou con 3 millóns de vidas.[13]
O Imperio Maratha, un imperio hindú que invadiu ós mogois no século XVIII, devastou os territorios controlados polos Nawab de Bengala entre 1742 e 1751. Nunha serie de ataques a Bengala e Bihar, logo controladas polos Nawab, os Maratha acabaron coa economía bengalí, que non foi quen de resistir o seu embate continuo. Nawab Ali Vardi Khan fixo a paz con Maratha mediante a cesión de Orissa e parte de Bengala Occidental ó imperio. Ademais, un imposto – o Chauth, que ascendía a unha cuarta parte dos ingresos totais – foi aplicado en parte de Bengala e Bihar. Este imposto ascendía a vinte lakhs para Bengala e doce lakhs para Bihar por ano.[14][15] Despois da derrota Maratha en Panipat por unha coalición de forzas musulmás, o imperio volveu estar baixo o control do xeneral Maratha Madhoji Sindhia e invadiron Bengala outra vez. O Imperio Británico acabou co pagamento do Chauth invadindo o territorio de Bengala na década de 1760. Os ataques continuaron ata que os Maratha foron finalmente derrotados polos británicos despois das Guerras Anglo-Maratha, entre 1777 e 1818.
Século XX
[editar | editar a fonte]Os comerciantes europeos chegaron no fin do século XV e finalmente a Compañía Británica das Indias Orientais dominou a rexión no final do século XVIII, a partir de onde os británicos estenderon o seu dominio sobre toda a India. Cando a independencia india foi alcanzada en 1947, motivacións políticas de orixe relixiosa causaron a división da rexión de Bengala entre o Paquistán musulmán e a India hindú.
Despois da independencia, Bengala foi dividida entre os dous novos países: a parte leste chamada Bengala Oriental, correspondente ao actual Bangladesh, e a parte oeste, que é o estado indio da Bengala Occidental. A abolición do sistema Zamidari (que dividía a sociedade en señores propietarios dos bens e terras, e plebeos) na Bengala Oriental en 1950, foi o maior marco no movemento para levar ao “Estado Popular”. O Movemento da Lingua de 1952 estableceu o dereito da comunidade bengalí a falar a súa propia lingua. Paga a pena mencionar a importancia dese movemento, por ter sido a única revolución feita apenas para preservar o dereito á lingua nai, e por esta razón, a UNESCO recoñeceu o día 21 de febreiro como o día internacional da lingua nai. En 1955, o goberno do Paquistán mudou o nome da provincia de Bengala Oriental para Paquistán Oriental.
Paquistán Oriental era dominado e desprezado polo Paquistán Occidental, que compuña o resto do Paquistán (Punxab Occidental, Sindh, Baluquistán e a Provincia da Fronteira Noroeste). A frecuente explotación da poboación maioritaria bengalí por unha minoría non bengalí irritou o pobo de ambos os lados do Paquistán. A tensión chega ao máximo en 1971 cando, despois da divulgación do resultado das eleccións, que daba a maioría esmagadora do parlamento á Liga Awami (167 dos 169 asentos reservados ao Paquistán Oriental), o presidente paquistaní Yahya Khan rexeitou aceptar o resultado.
Baixo o liderado de Sheikh Mujibur Rahman, tamén coñecido como Bongobondhu (amigo de Bengala), Bangladesh comeza a súa loita pola independencia. O ataque do exército paquistaní no 25 de marzo de 1971 sobre os civís bengalís foi un dos máis sanguentos xenocidios en tempos recentes. Practicamente toda a elite intelectual bengalí foi eliminada. Debido ao esforzo do Paquistán Occidental en manter o país libre de xornalistas estranxeiros, os números precisos do xenocidio son difíciles de conseguir, mais estímase en 50 000 o número de mortos nos primeiros tres días da entón chamada “Operación Holofote” do exército paquistaní. Máis de dez millóns de bengalís fuxiron para a veciña India.
A guerra da liberación de Bangladesh tivo lugar durante a guerra fría. Os Estados Unidos e maila China, ao consideraren a guerra un asunto interno de Paquistán, preferiron apoiar o Paquistán Occidental. Por outra banda, a India, a Unión Soviética, o Xapón e os países occidentais demostraron solidariedade con Bangladesh. Para gañar vantaxe sobre o eixe China-Estados Unidos-Paquistán, o Tratado de Amizade Indo-Soviético foi asinado o 9 de agosto do 1971.
A India, debido á súa localización xeográfica e ao seu antagonismo militar co Paquistán, apoiou vehementemente a guerra da liberación, especialmente despois de que a URSS tamén apoiase a causa. Estratexicamente, a independencia de Bangladesh significaría un punto menos de ataque do Paquistán á India. Certamente o goberno rexional daría apoio ás terras dos grupos étnicos. O 27 de marzo do 1971, a primeira ministra da India Indira Gāndhi, expresou total apoio á loita bengalí pola liberdade. A fronteira Bangladesh-India foi aberta. Os gobernos dos estados indios de Bengala Occidental, Bihar, Assam, Meghalaya e Tripura estableceron campos de refuxiados ao longo da fronteira. Eses campos volvéronse de inmediato lugares de recrutamento para combatentes na loita pola liberación bengalí. O cuartel xeral das forzas de Bangladesh foi establecido en Calcuta, comezando a funcionar o 12 de abril de 1971. O tenente coronel M. A. Rab e o capitán A. K. Khandaker foron designados como Xefe e Vice-Xefe respectivamente.
Durante a guerra, baixo severa oposición do goberno do Paquistán, a BBC continuou a cobertura a través da radio BBC Bangla no sur da Asia. Entre os esforzos internacionais para aumentar a concienciación houbo o “Concerto para Bangladesh” promovido polo ex-Beatle George Harison.
Sheikh Mujibur Rahman, identificado como o influenciador máis carismático dos bengalís, foi preso polo goberno paquistaní. Antes de ser preso, fixo unha declaración formal de independencia o 26 de marzo. Desde entón o 26 de marzo é considerado o día da independencia de Bangladesh. Primeiro M. A. Hannan o 26 de marzo e deseguido o 27 de marzo Ziaur Rahman, entón maior do exército, que se tornaría despois presidente, declaran a independencia de Bangladesh en nome do Pai da Nación Bongobondhu (Sheikh Mujibur Rahman), usando un transmisor de radio temporal en Kalurghat próximo ao porto da cidade de Chittagong (aínda que algunhas persoas de Bangladesh, particularmente os membros do Partido Nacionalista de Bangladesh dixesen que Sheikh Mujibur Rahman foi quen declarou a independencia de Bangladesh primeiro). Coa axuda dos oficiais bengalís do exército, o apoio humanitario de civís e militares da India, Bangladesh rapidamente formou o Mukti Bahini (Combatentes da Liberdade), un grupo armado. Alén dos perturbadores ataques ao exército paquistaní residente, o Mukti Bahini deu apoio de intelixencia local ás tres unidades tácticas de 80 000 soldados do exército indio que atacaron o exército paquistaní de ocupación no comezo de decembro de 1971. O tenente xeneral A. A. K. Niazi, do exército paquistaní, rendeuse ao exército indio o 16 de decembro de 1971. A India fixo 93 000 prisioneiros de guerra que foron mantidos en campos na India para evitar a furia da poboación de Bangladesh. A nova nación de Bangladesh fíxose efectiva e Sheikh Mujibur Rahman, preso polo Paquistán en marzo, retornou triunfalmente para ser o primeiro ministro da nación. A India retirou as súas tropas de Bangladesh tres meses despois do final da guerra. O Paquistán, axudado por partidarios en Bangladesh, cometeu crimes de guerra antes e durante o conflito e as lembranzas do horror entre os bengalís non cicatrizaron ata hoxe.
Sheikh Mujibur Rahman converteuse despois presidente de Bangladesh. El, xunto coa maioría da súa familia, foi masacrado por un grupo de oficiais do exército decepcionados co goberno o 15 de agosto de 1975. Despois da súa morte, o Maior Xeneral Khaled Mosharraf conduciu un golpe militar o 3 de novembro de 1975. Khaled Mosharraf foi asasinado nun contragolpe o 7 de novembro de 1975, en Dhaka, levando ao Xeneral Ziaur Rahman ao poder. El enseguida gañaría a Presidencia. Mais en 1981, Ziaur Rahman morreu noutro golpe, en Chittagong. En 1982 o Xeneral Hosain Mohammad Ershad conduciu un sanguento golpe e despois o presidente Ahsan Uddin Choudhury, un ex-membro da Suprema Corte de Xustiza. Ershad despois declarouse a si mesmo presidente e inaugurou un novo partido político denominado Xanadal, que el despois renomeou como Partido Jatiya. O goberno de Ershad durou ata 1990. Unha revolta popular forzou a Ershad a renunciar e abrir camiño a unha democracia parlamentaria. Desde entón, Bangladesh tivo tres mandatos de goberno electos democraticamente.
Política
[editar | editar a fonte]O Presidente, que ocupa o posto de Xefe de Estado, posúe un posto maiormente cerimonial, ficando o poder real no Primeiro Ministro, que é o Xefe de Goberno. O presidente é electo para un mandato de 5 anos e os seus poderes limitados son substancialmente expandidos durante os períodos de goberno provisorio, principalmente controlando a transición ao novo goberno. Un goberno provisional, presidido por un conselleiro en xefe (o último Xefe de Xustiza) e un grupo de conselleiros independentes elixidos pola sociedade civil, toma o poder durante os tres meses de campaña electoral ao parlamento. Durante este período o presidente ten xurisdición sobre o Ministerio de Defensa e do de Asuntos Exteriores.
O primeiro ministro é nomeado polo presidente e debe ser un membro do parlamento que teña o liderado sobre os demais membros do parlamento. O gabinete é composto de ministros seleccionados polo primeiro ministro e nomeados polo presidente.
O parlamento único de Bangladesh é a Casa da Nación ou Jatiya Sangsad, composta de 300 membros electos polo voto popular para 5 anos de mandato. O alto corpo xudicial é a Suprema Corte, sendo os xefes do Tribunal Superior de Xustiza e outros xuíces nomeados polo presidente.
Organización territorial
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Organización territorial de Bangladesh.
Bangladesh está dividido en sete divisións administrativas,[16] que reciben o nome da súa capital administrativa: Barisal, Chittagong, Dacca, Khulna, Rajshahi, Sylhet e Rangpur.
As divisións están organizadas en distritos (zila). Hai 64 distritos en Bangladesh, cada un deles subdividido en upazila (subdistritos) ou thana. Cada área ten a súa estación de policía, agás nas áreas metropolitanas. Dacca é a capital e maior cidade de Bangladesh.
Bangaldesh | División | Bangla | Censo da Poboación de 2011[17] | Área (km2)[17] | Densidade de poboación 2011 (persoas/km2)[17] |
Maior cidade |
---|---|---|---|---|---|---|
Divisións de Bangladés | ||||||
Barisal | বরিশাল | 8 325 666 | 13 297 | 626 | Barisal (328 278) | |
Chittagong | চট্টগ্রাম | 28 423 019 | 33 771 | 841 | Chittagong (2 592 439) | |
Dacca | ঢাকা | 47 424 418 | 31 120 | 1 523 | Dacca (7 033 075) | |
Khulna | খুলনা | 15 687 759 | 22 272 | 704 | Khulna (663 342) | |
Rajshahi | রাজশাহী | 18 484 858 | 18 197 | 1 015 | Rajshahi (449 756) | |
Rangpur | রংপুর | 15 787 758 | 16 317 | 960 | Rangpur (343 122) | |
Sylhet | সিলেট | 9 910 219 | 12 596 | 780 | Sylhet (479 837) | |
Bangladesh | বাংলাদেশ | 144 043 697 | 147 570 | 976 | Dacca (7 033 075) |
Principais cidades
[editar | editar a fonte]Posición | Cidade | Poboación (censo de 2011)[17] |
1 | Dacca | 10,468,510 |
2 | Chittagong | 3,761,337 |
3 | Khulna | 1,448,975 |
4 | Narayanganj | 1,406,963 |
5 | Sylhet | 479,837 |
6 | Tongi | 476,350 |
7 | Rajshahi | 449,756 |
8 | Bogra | 350,397 |
9 | Barisal | 328,278 |
10 | Comilla | 326,386 |
Xeografía
[editar | editar a fonte]Bangladesh está emprazado nun delta dun río no subcontinente indio o cal ten unha costa composta dunha extensa xungla pantanosa no golfo de Bengala coñecida como o Sundar Ban ("fermosa selva"), hábitat natural do tigre de Bengala. O delta tan densamente poboado está formado pola confluencia dos ríos Ganges (nome local: Padma), Brahmaputra (Yamuna), e Meghna e os seus afluentes, os cales descenden desde o Himalaia. As terras de aluvión de Bangladesh son moi fértiles, ao mesmo tempo que vulnerables ás inundacións e á seca. Unha importante parte do territorio de Bangladesh formouse a partir dos sedimentos que os múltiples ríos que se entrelazan e flúen na rexión depositaron.
As únicas montañas fóra da chaira son os treitos de outeiros de Chittagong (montaña de máxima altura: o Keokradong con 1230 m) no sueste e a división de Sylhet no nordés.
A medio camiño do trópico de Cáncer, o clima de Bangladesh é tropical, cun inverno suave desde outubro ata marzo, un húmido e caloroso verán desde marzo ata xuño e un monzón húmido, cálido e chuvioso desde xuño ata outubro. Os desastres naturais como as inundacións, ciclóns tropicais ou os tornados afectan ao país todos os anos, coas súas consecuencias en deforestación, a degradación da terra e a erosión.
Dacca é a capital do país e a cidade máis grande. Outras cidades importantes son Chittagong, Rajshahi e Khulna. Cox's Bazar, ao sur de Chittagong, é a praia natural máis longa do mundo, cuns 120 quilómetros de lonxitude.
Economía
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Economía de Bangladesh.
A pesar dos prolongados esforzos nacionais e internacionais para mellorar a situación económica e social, Bangladesh continúa sendo unha nación subdesenvolvida e superpoboada. Aínda que máis da metade do PIB sexa xerado polo sector de servizos, máis ou menos dous terzos da poboación están empregados do sector agrícola, sendo o arroz o produto máis importante.
Entre os maiores impedimentos para o crecemento inclúense frecuentes ciclóns e enchentes, un rápido crecemento na forza de traballo que non ten sido absorbida pola agricultura, uso ineficiente dos recursos enerxéticos (como o gas natural), a distribución insuficiente de enerxía eléctrica, e a implantación lenta de reformas económicas, causadas por batallas políticas e corrupción. No2001, 2002 e 2003, a Transparencia Internacional colocou Bangladesh no cumio da lista dos países máis corruptos do mundo.
Desde xuño de 2004, Bangladesh ten sido devastado polo peor asolagamento dos últimos 6 anos, que levou á morte 628 persoas, cubrindo cerca de 60% do país. Preto de 20 millóns de persoas precisaron de comida por causa da perda das colleitas, e a industria téxtil que fica con cerca de 80% do que o país exporta, tivo os seus lucros diminuídos. Estimacións oficiais identifican prexuízos de cerca de US$ 7 billóns.
Mapas e imaxes
[editar | editar a fonte]-
Mapa (1996)
-
Delta do río Ganxes
-
Demografía
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Santa María, Inés; Massó, Noé (2009). Atlas xeográfico e histórico de Galicia e do Mundo. Do Cumio. ISBN 978-84-8289-328-0.
- ↑ Benigno Fernández Salgado, ed. (2004). Dicionario Galaxia de usos e dificultades da lingua galega. Editorial Galaxia. p. 1303. ISBN 9788482887524.
- ↑ Banco Mundial (2007). "Bangladesh: Strategy for Sustained Growth". World Bank.org (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 29 de febreiro de 2016. Consultado o 19 de marzo de 2010.
- ↑ United Nations Development Programme in Bangladesh: HDR 2010 recognises Bangladesh's great progress over time Arquivado 15 de xaneiro de 2013 en Wayback Machine.. 5 de novembro de 2010. Consultado o 25 de outubro de 2012.
- ↑ "Meeting Millennium Development Goals". BBC News. Consultado o 25 de outubro de 2012.
- ↑ "Ban lauds Bangladesh’s progress on women’s and children’s health". UN News Center (United Nations). 15 de novembro de 2011. Consultado o 25 de outubro de 2012.
- ↑ James Heitzman and Robert L. Worden, ed. (1989). "Early History, 1000 B.C.-A.D. 1202". Bangladesh: A country study. Library of Congress. ISBN 82-90584-08-3. OCLC 15653912.
- ↑ Bharadwaj, G (2003). "The Ancient Period". En Majumdar, RC. History of Bengal. B.R. Publishing Corp.
- ↑ Eaton, R (1996). The Rise of Islam and the Bengal Frontier. University of California Press. ISBN 0-520-20507-3. OCLC 26634922.
- ↑ D'Costa, Jerome (1986). Bangladeshey Catholic Mondoli (The Catholic Church in Bangladesh). Dhaka: Pratibeshi Prakashani.
- ↑ Baxter
- ↑ Baxter, pp. 30–32
- ↑ Sen, Amartya (1973). Poverty and Famines. Oxford University Press. ISBN 0-19-828463-2. OCLC 10362534.
- ↑ Stewart Gordon (1993). The Marathas 1600–1818. Cambridge University Press. pp. 133–. ISBN 978-0-521-26883-7. Consultado o 16 de novembro de 2011.
- ↑ Brijen Kishore Gupta (1966). Sirajuddaullah and the East India company, 1756–1757, background to the foundation of British power in India. Brill Archive. pp. 134–. GGKEY:RS7D7HRH8KA. Consultado o 16 de novembro de 2011.
- ↑ "Rangpur becomes a division". bdnews24.com. 25 de xaneiro de 2010. Arquivado dende o orixinal o 07 de abril de 2013. Consultado o 6 de agosto de 2011.
- ↑ 17,0 17,1 17,2 17,3 "2011 Population & Housing Census: Preliminary Results" (PDF). Bangladesh Bureau of Statistics. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de xaneiro de 2013. Consultado o 12 de xaneiro de 2012.
- ↑ "Bangladesh: Divisions, Districts, Major Cities & Municipalities - Statistics & Maps on City Population". Citypopulation.de. Consultado o 11 de maio de 2013.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Bangladesh |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Baxter, C (1997). Bangladesh, from a Nation to a State (en inglés). Westview Press. ISBN 0-8133-3632-5. OCLC 47885632.
- CIA (2010). "Bangladesh". The World Factbook (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 29 de decembro de 2017. Consultado o 27 de marzo de 2010.
- Pelayo Fernández, Cristina (1985). Pakistán, Bangladesh y Sri Lanka (en castelán). Cidade de México: Universidad Nacional Autónoma de México. ISBN 9789688376324.