Saltar ao contido

Comunidade de Taizé

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Igrexa da Reconciliación de Taizé.

A Comunidade de Taizé é unha comunidade monástica cristiá que acolle a integrantes de diversas confesións, promovendo o ecumenismo.

En agosto de 1940 o Irmán Roger Louis Schutz-Marsauche, fillo dun pastor suízo e estudante de teoloxía, decidiu "construír unha vida comunitaria en que a reconciliación, segundo os Evanxeos, sería vivida nunha realidade concreta". Para iso deixou Suíza ós 25 anos e instalouse en Taizé, na Borgoña francesa.

Durante a segunda guerra mundial acolleu a refuxiados, entre eles a xudeus que abandonaban a zona ocupada. Máis tarde, foron uníndose compañeiros doutras igrexas. Nos anos 50 algúns irmáns abandonaron Taizé e marcharon cara lugares onde a pobreza é extrema para vivir cos que máis sofren. É tamén dende finais dos anos 50 cando milleiros de mozos comezan a ir a Taizé para participar nos encontros de oración e reflexión. Tamén teñen visitado Taizé homes de Igrexa como o Papa Xoán Paulo II, tres arcebispos de Canterbury, metropolitas ortodoxos, os catorce bispos luteráns de Suecia e numerosos pastores do mundo enteiro. Hoxe a comunidade reúne a un centenar de irmáns, de diversas confesións cristiás, de máis de vinte e cinco nacionalidades.

O Irmán Roger foi prior da comunidade ata a súa morte ós 90 anos, o 16 de agosto de 2005, apuñalado por unha muller romanesa con aparentes trastornos mentais durante a oración vespertina. O seu sucesor, designado por el mesmo anos antes, é o irmán Alois Löser.

Principios

[editar | editar a fonte]

Os irmáns comprométense para toda a vida a compartir os bens materiais e espirituais, o celibato e a unha grande simplicidade de vida, e viven do seu traballo. Non aceptan ningunha doazón nin agasallos para eles mesmos. Entre os seus fins está a intención de promover a reconciliación e a unidade entre os cristiáns.