Saltar ao contido

Kenya

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaKenya
Republic of Kenya (en) Editar o valor en Wikidata

HimnoEe Mungu Nguvu Yetu Editar o valor en Wikidata

Lema«Harambee» Editar o valor en Wikidata
EpónimoMonte Kenya Editar o valor en Wikidata
Localización
Editar o valor en Wikidata Mapa
 0°06′N 38°00′L / 0.1, 38
CapitalNairobi Editar o valor en Wikidata
Contén a división administrativa
Poboación
Poboación48.468.138 (2017) Editar o valor en Wikidata (83,38 hab./km²)
Lingua oficialLingua suahili
lingua inglesa Editar o valor en Wikidata
Xeografía
Parte de
Superficie581.309 km² Editar o valor en Wikidata
Punto máis altoMonte Kenya (5.199 m) Editar o valor en Wikidata
Punto máis baixoOcéano Índico (0 m) Editar o valor en Wikidata
Comparte fronteira con
Datos históricos
Precedido por
Creación1963 Editar o valor en Wikidata
Evento clave
12 de decembro de 1963Independencia de Kenya Editar o valor en Wikidata
Organización política
Órgano executivoGovernment of Kenya (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
• Presidente Editar o valor en WikidataWilliam Ruto (2022–) Editar o valor en Wikidata
Órgano lexislativoParlamento do Quénia (pt) Traducir , Editar o valor en Wikidata
Membro de
PIB nominal109.703.659.313 $ (2021) Editar o valor en Wikidata
MoedaXilin kenyano Editar o valor en Wikidata
Identificador descritivo
Fuso horario
Dominio de primeiro nivel.ke Editar o valor en Wikidata
Prefixo telefónico+254 Editar o valor en Wikidata
Teléfono de emerxencia112 e 999 Editar o valor en Wikidata
Código de paísKE Editar o valor en Wikidata
Outro
Irmandado con

Páxina webpresident.go.ke Editar o valor en Wikidata
BNE: XX451593

Kenya[1] oficialmente República de Kenya, é un país da África oriental e membro fundador da Comunidade Africana Oriental (CAO). A súa capital e meirande cidade é Nairobi. O territorio de Kenya atópase no ecuador e superponse ó Rift de África Oriental cubrindo un extenso e diverso terreo que abrangue dende o lago Vitoria até o lago Turkana (antigamente chamado lago Rudolph) e cara ao sueste co océano Índico. Ten fronteira con Tanzania polo sur, con Uganda polo oeste, co Sudán do Sur polo noroeste, con Etiopía polo norte e con Somalia polo nordés. Kenya abrangue 581 309 km², e no 2014 tiña unha poboación aproximada de 45 millóns de persoas.[2]

Kenya ten un clima cálido, húmido e tropical na liña costeira do océano Índico. O clima é máis frío nas sabanas arredor da capital, Nairobi, e especialmente preto do monte Kenya, que ten neve de forma permanente no seu cumio. Máis no interior, na provincia de Nyanza, hai un clima quente e seco que se converte en húmido arredor do Lago Vitoria, o meirande lago tropical de auga doce do mundo. O lago dá paso ás zonas montañosas temperadas e boscosas da veciña rexión occidental. As rexións do nordés na fronteira con Somalia e Etiopía son áreas áridas e semiáridas case desérticas. Kenya é tradicionalmente famoso polos seus safaris, o clima e a xeografía diversos e polas súas grandes reservas e parques nacionais, como Parque Nacional de Tsavo Leste e Oeste, o Maasai Mara, o lago Nakuru e o Parque Nacional de Aberdare. Kenya ten varios lugares Patrimonio da Humanidade como a cidade de Lamu e varias praias famosas como Diani, Bamburi e Kilifi, onde se celebran cada ano competicións internacionais de vela.

A rexión dos Grandes Lagos Africanos, da cal forma parte Kenya, foi habitada polo ser humano dende o Paleolítico inferior. Arredor do primeiro milenio da nosa era, a expansión bantú chegou até a zona dende África Occidental e Central. As fronteiras do estado moderno comprenden a encrucillada das áreas níxer-congo, nilo-saharianas e afroasiáticas do continente, representando a maioría de grupos etnolingüísticos que hai en África. As poboacións bantú e nilóticos constitúen xuntas arredor do 97% dos habitantes do país.[3] A presenza árabe e europea en Mombasa data de comezos da Idade Moderna, e a exploración europea do interior de África comezou no século XIX. O Imperio Británico estabeleceu o protectorado da África Oriental Británica en 1895, que en 1920 deu paso á Colonia de Kenya. Kenya obtivo a independencia en decembro de 1963. Segundo o referendo de agosto de 2010 e a adopción dunha nova constitución, Kenya está dividida en 47 condados semi-autónomos gobernados por gobernadores electos.

A capital, Nairobi, é o centro rexional do comercio. A economía de Kenya é a maior de África Oriental e Central.[4][5] A agricultura é a principal actividade económica, e o país exporta tradicionalmente té e café, e máis recentemente, flores frescas cara a Europa. O sector terciario tamén é un importante aspecto da súa economía.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

A palabra Kenya procede do nome kamba para o Monte Kenya, Kiinyaa. As prehistóricas erupcións volcánicas do Monte Kenya (hoxe extinto) puideron ser a orixe da súa asociación cunha divindade e co mito da creación entre grupos étnicos kikuyu, que son os habitantes nativos da área agrícola arredor do Monte Kenya.

No século XIX, o explorador alemán Johann Ludwig Krapf estivo co pobo kamba cando viu por vez primeira o monte. Cando preguntou polo nome da montaña, respondéronlle "Kĩ-Nyaa" ou "Kĩĩma- Kĩĩnyaa" probablemente porque a visión da rocha negra coroada de branco pola neve lles lembraba ás plumas dun avestruz.[6] Os agikuyu, que habitan á beira do monte Kenya, Kĩrĩma Kĩrĩnyaga en Kikuyu, que é bastante semellante ó nome kamba.

Ludwig Krapf rexistrou os dous nomes, Kenia e Kegnia (considerado como unha corrupción da versión kamba).[7][8][9] Malia a controversia sobre o significado da palabra Kenya, está amplamente aceptado que foi o nome da montaña o que lle deu o nome ó país.

Xeografía

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Xeografía de Kenya.

Kenya atópase situada no leste de África, nas costas do Índico. Limita ao norte con Sudán e Etiopía, ao nordeste con Somalia, ao oeste con Uganda, ao sur con Tanzania e ao leste co océano Índico.

A superficie total de Kenya é de 582.650 km², e conta con 536 km de costa no océano Índico. O clima varía do tropical na zona costeira ao árido no interior.

O Monte Kenya, que dá nome ao país, encóntrase no centro do territorio, ao norte de Nairobi, é o cume máis alto do estado e o segundo de África, tralo Kilimanjaro. Este último está tamén parcialmente en Kenya, mais a súa cima máis elevada emprázase na súa totalidade o territorio de Tanzania.

Economía

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Economía de Kenya.
  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para kenyano.
  2. Central Intelligence Agency (2012). The World Factbook, ed. "Kenya". Arquivado dende o orixinal o 31 de agosto de 2020. Consultado o 28 de maio de 2013. 
  3. Asongu, J. J. and Marr, Marvee (2007). Greenview Publishing Co., ed. Doing Business Abroad: A Handbook for Expatriates. pp. 12 & 112. ISBN 0979797632. 
  4. Ethiopia GDP purchasing power 2010: 86 billion. Imf.org. 14 de setembro de 2006.
  5. Kenya GDP purchasing power 2010: 66 B llion. Imf.org. 14 de setembro de 2006.
  6. Sullivan, Paul (2006). Mkuki na Nyota Publishers, ed. Kikuyu Districts. Dar es Salaam, Tanzania. 
  7. Krapf, Johann Ludwig (1860). Frank Cass & Co. Ltd, ed. Travels, Researches, and Missionary Labours in Eastern Africa. Londres. 
  8. Krapf, Johann Ludwig (13 de maio de 1850). "Extract from Krapf's diary". Church Missionary Intelligencer i: 452. 
  9. Foottit, Claire (2006). Bradt Travel Guides Ltd, ed. Kenya. ISBN 1-84162-066-1. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]

Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre xeografía é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.