Saltar ao contido

Placa de Petri

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Metade inferior dunha placa de Petri sen usar. Ademais teñen unha tapa similar dun diámetro lixeiramente maior para cubrilas.

Unha placa de Petri (ou caixa de Petri, cápsula de Petri ou placa de cultivo celular) é un recipiente con forma de disco, cilíndrico de baixa altura de vidro ou plástico cunha tapa similar utilizado en microbioloxía para realizar cultivos celulares principalmente bacterianos[1] ou de pequenos brións.[2] Levan o nome do bacteriólogo alemán Julius Richard Petri,[3] que as inventou no século XIX cando traballaba como axudante de Robert Koch. As placas de Petri de vidro poden ser reutilizadas despois de seren esterilizadas (por exemplo, nunha autoclave ou por quentamento seco nun forno de aire quente a 160 °C durante unha hora). Nos experimentos nos que podería ser un problema a contaminación microbiolóxica dun experimento ao seguinte, úsanse con frecuencia as placas de Petri de plástico desbotables.

Os diámetros das placas de Petri son variables, pero as máis comúns son as de arredor de 10 cm de diámetro. As tapas non cerran hermeticamente a placa. As placas de Petri modernas poden ter aneis nas tapas e bases, que permiten amontoalas sen que esvaren. Poden incorporarse moitas placas de Petri nun contedor de plástico para crear o que se denomina "placa multipozo".

Microbioloxía

[editar | editar a fonte]
Véxase tamén: Placa de ágar.
Unha placa de Petri con colonias bacterianas nun medio de cultivo baseado no ágar.

As placas de Petri utilízanse xeralmente para preparar placas de ágar para estudos microbiolóxicos. A placa énchese parcialmente con líquido quente que contén ágar e unha mestura de ingredientes específicos que poden ser nutrientes, sangue, sales, carbohidratos, tinguiduras, indicadores, aminoácidos e antibióticos. Unha vez que o ágar arrefría e solidifica, a placa está lista para recibir unha mostra cargada de microbios nun proceso chamado inoculación da placa. Para cultivos de virus bacteriófagos faise unha inoculación en dúas fases: primeiro fanse crecer bacterias, que servirán de hóspedes para a inoculación posterior dos virus.

As placas de Petri incúbanse boca abaixo, é dicir, dadas volta, co ágar na parte de arriba, apoiadas sobre a tapa, para diminuír así o risco de contaminación por partículas traídas polo aire e impedir a condensación de auga, que se acumularía e empecería o cultivo dos microbios.

Outros usos

[editar | editar a fonte]

As placas de Petri tamén se usan para o cultivo de células eucariotas en medio líquido ou utilizando ágar sólido. As placas de Petri baleiras poden utilizarse para observar a xerminación de plantas ou o comportamento de pequenos animais, ou para outras prácticas correntes de laboratorio como o secado de fluídos nun forno ou para transportar e almacenar mostras. A súa transparencia óptica e perfil baixo permiten o seu uso común como receptáculo temporal para examinar mostras (especialmente as líquidas) con microscopios de baixo aumento.

  1. Mosby's Dental Dictionary (2nd ed.). Elsevier. 2008. Consultado o 8 xuño 2013. 
  2. Ralf Reski (1998): Development, genetics and molecular biology of mosses. Botanica Acta 111, pp 1–15.
  3. Petri dish Arquivado 22 de outubro de 2013 en Wayback Machine. in the American Heritage Dictionary

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]