Saltar ao contido

Rosa (flor)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Roseiras (xénero Rosa)

Roseira en Bastavalés (Brión), Galiza
Clasificación científica
Reino: Plantae
Haeckel, 1866
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Subclase: Rosidae
Orde: Rosales
Familia: Rosaceae
Subfamilia: Rosoideae
Tribo: Roseae
Xénero: Rosa
L., 1753, Sp.Pl.:491
Especies e subtáxones
Arredor de 100, agrupadas en 4 subxéneros, e varias seccións (véxase texto)
[1]

A rosa é a flor da roseira, arbustos do xénero Rosa e da familia das Rosaceae con máis de 100 especies. Moitas delas son nativas de Asia e un número menor procede de Europa, América do Norte e África noroccidental. Todas elas forman un grupo de arbustos erectos e plantas trepadeiras ou rastreiras, con ramas que frecuentemente están protexidas por espiñas.

Xa na antigüidade grega foi considerada a raíña das flores. A súa beleza e o seu arrecendo fan que na actualidade sexa a flor máis cultivada do mundo e que se empregue tanto na xardinaría ornamental como na floristaría e na industria da perfumaría.

Características

[editar | editar a fonte]

As roseiras son arbustos erectos, plantas trepadeiras ou rastreiras, xeralmente espiñentas, que alcanzan entre 2 e 5 metros de altura e poucas veces chegan aos 20 m rubindo sobre outras plantas. A distribución xeográfica xeral de moitas especies é incerta ou incompleta.

  • Talo: arbusto de talos semileñosos, case sempre erectos (ás veces rastreiros), algúns de textura rugosa e escamosa, con notables formacións epidérmicas de variadas formas, persistentes e ben desenvolvidas (espiñas ou aguillóns).
  • Follas: perennes ou caducas, compostas, imparipinnadas. Pecioladas, folíolos coa beira serrada. É frecuente a presenza de glándulas anexas sobre as marxes, odoríferas ou non.
  • Flor: xeralmente aromáticas, completas e hermafroditas; regulares, con simetría radial (actinomorfas). Perianto ben desenvolvido. Hipanto ou receptáculo floral prominente en forma de urna (tálamo cóncavo e profundo).
    • Cáliz dialisépalo, de 5 pezas de cor verde. Os sépalos poden ser simples, ou ás veces de forma complexa con lobulacións laterais estilizadas.
    • Corola dialipétala, simétrica, formada por 5 pétalos regulares (ou múltiplos de 5), ás veces escotados, e de variadas cores rechamantes; tamén brancos. A corola adoita ser "dobre" ou "plena" por transformación dos estames en pétalos, especialmente no caso dos cultivares.
    • Androceo composto por numerosos estames dispostos en espiral (varios verticilos), xeralmente en número múltiplo dos pétalos (5x).
    • Xineceo apocárpico (composto por varios pistilopistilos separados). Nectario presente, que atrae insectos para favorecer a polinización, predominantemente entomófila. Períxina (ovario medio), numerosos carpelos uniovulados (un primordio seminal por cada carpelo), así cada carpelo produce un aquenio.
    • Inflorescencias racemosas, que forman corimbos; pero ás veces preséntanse flores solitarias por redución.
  • Froito: o produto fecundo da flor é unha infrutescencia coñecida como cinorrodon, un "froito" composto por múltiples froitos secos pequenos (poliaquenio) separados e pechados nun receptáculo carnoso (hipantio) e de cor vistosa cando está maduro.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]
Unha rosa como marca de ceca dunha moeda da illa de Rodas

O termo rosa provén directamente e sen cambios do latín rosa, co significado que coñecemos: 'a rosa' ou 'a flor da roseira'. Este procede do vocábulo previo rodia (ródja) [por cambio similar como en: Clausus por Claudius]. Este último arcaísmo latino é, pola súa parte, emprestado — a través do osco — do grego antigo ρόδον (RhÓDON) (a rosa, a flor da roseira) ou mellor RhODÉA (o talo da rosa, o apoio da flor).

A partir do grego antigo alúdese o posible significado de rhódon como 'efluvio aromático', 'aquilo que é fragrante', ou 'aquilo que desprende aroma'; orixinado como termo composto: por ροή (roí) 'fluxo' + οδμή (odmí) 'fragrancia, olor'. [1]

O termo remóntase alén diso, probablemente de fródon ou tamén de wrodion (bródion) no antigo dialecto eolio, raíces correspondentes co persa antigo VeReDa ou V'ReDa (e os seus dialectos: avéstico WaRDa, sogdiano WaRD e parto WâR), como unha voz irania traspasada desde o sur de Armenia a Frixia e de aí a Grecia. [Confrontar con outros termos: en caldeo V'RâD, en armenio vard, e en árabico VeRD. (Hehn, Pott, Schenkel)]. E previamente dunha orixe tan antiga como do arameo wurrdā e mesmo do asirio wurtinnu. Isto pódese cotexar coa raíz trilítera en hebreo ורד (VRD).

No referido á base, o núcleo deriva dunha raíz indoeuropea vardh- (wardh), vradh- (wradh), 'crecer', 'erguer(se)'; onde en sánscrito wardh-as, significa 'xermolante', e wardhati, 'elevar(se)', 'prosperar'.

Por outra banda, pode ser un derivado dunha raíz grecolatina VRAD-, 'pregarse', 'facerse flexible'. E por aí tamén o grego rodanós, rádinos, e o eolio bradinós, 'mol' ou 'flexible'. [2]

[editar | editar a fonte]

A rosa é quizais a flor máis popular do mundo, da que hai máis de cen especies, xa tendo pegadas delas no antigo Exipto. En Galiza cultívase dende moi antigo, de feito é tan popular que se chega a usar, por extensión, como sinónimo de calquera flor. A rosa branca-vermella é ademais o emblema de Inglaterra dende o século XV. A casa de Lancaster tiña como símbolo unha rosa vermella, e a de York, unha rosa branca; dunha guerra entre as dúas casas resultou vencedor Henrique Tudor, posterior rei Henrique VII de Inglaterra que, en 1486, casa con Elizabeth de York e fundan a dinastía Tudor; o seu símbolo sería a rosa bicolor.[2]

Ditos e refráns

[editar | editar a fonte]
  • Non hai rosas sen espiñas[3];
  • Se no teu xardín hai rosas, no meu hai xasmíns;
  • Marzo marzán pola mañá cara de rosa, pola tarde cara de can[2].

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
Vexa o artigo principal en Galería de imaxes de rosas de Galicia
  1. Crescent Bloom (2011)
  2. 2,0 2,1 Artigo sobre Flores Nacionais no Portal das palabras da RAG
  3. Eladio Rodríguez González (1958-1961): Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo