Sociedade Esportiva Palmeiras
Palmeiras | ||||
---|---|---|---|---|
Nome | Sociedade Esportiva Palmeiras | |||
Alcume(s) | Alviverde, Verdão | |||
Fundación | 26 de agosto de 1914 (110 anos) | |||
Estadio | Allianz Parque, São Paulo, Brasil | |||
Capacidade | 43.713[1] | |||
Presidente | Leila Pereira | |||
Adestrador | Abel Ferreira | |||
Liga | Campionato Brasileiro Série A Campionato Paulista | |||
2021 2021 | Série A: 3.º de 20 Paulista: 1.º de 16 | |||
Vestimenta | PUMA | |||
Na rede | ||||
Páxina web do club | ||||
| ||||
A Sociedade Esportiva Palmeiras é un club polideportivo brasileiro da cidade de São Paulo que ten como modalidade deportiva principal o fútbol, cun dos equipos máis vencedores e de maior afección do país. As cores do club, presentes no escudo e bandeira oficial, son o verde e o branco. O vermello, presente desde a súa fundación en 1914, foi excluído durante a segunda guerra mundial, por presión do goberno nacional, na mesma reunión que formalizou o cambio de nome de Palestra Italia para Palmeiras.
O Palmeiras é o equipo que máis veces conquistou o Campionato Brasileiro (11) e o único equipo brasileiro en gañar todas as competicións oficiais a nivel nacional. Entre os seus títulos destacan tamén tres Copa Libertadores (1999, 2020 e 2021), unha Recopa Suramericana (2022) e a Copa Río de 1951, considerada na época como o primeiro Mundial de clubs de fútbol da historia. Con 24 títulos, é ademais o segundo club máis laureado do Campionato Paulista, só por detrás do Corinthians.
Historia
[editar | editar a fonte]Palestra Italiano
[editar | editar a fonte]A Sociedade Esportiva Palmeiras fundouse co nome de Palestra Italia o 26 de agosto de 1914. Foi fundada por emigrantes italianos chegados á cidade de São Paulo. As décadas de 1920 e 1930 estiveron cheas de títulos para o conxunto alviverde no Campionato Paulista. Por motivos políticos, en 1942, durante a segunda guerra mundial o verdão tivo que cambiar de nome e eliminar o vermello coma a seu cor principal. Tras este cambio por mor dos conflitos bélicos, chegou a tempada coñecida como "Arrancada Heroica". O Palmeiras chegaba ó penúltimo partido do Campionato Paulista sen ter perdido ningún partido e se gañaba ó São Paulo sería campión. O preludio ó partido foi moi tenso debido ás acusacións de que o Palmeiras era un equipo de "italianos fascistas". Para rematar coas azueiras o equipo saltou ó terreo de xogo coa bandeira brasileira. A primeira parte acabou con dous a un a favor dos alviverdes, grazas ao gran partido do ídolo verdão, o cancerbeiro Oberdan Cattani. Xa con tres a un no marcador, o árbitro pitou penalti a favor do Palmeiras e a expulsión dun xogador do São Paulo e tras unha gran revolta os xogadores paulistas abandonaron a partida e certificaron o título do Palmeiras [2]. Tras a vitoria o adestrador palmeirense dixo unha frase para á historia: "O Palestra morre líder, e o Palmeiras nace campión".
Cambio de nome
[editar | editar a fonte]No ano 1951 o Palmeiras acadou unha das maiores fazañas na súa historia. Só un ano despois do Maracanazo no Mundial de 1950 celebrouse nese país o Torneo Internacional de Clubs Campións. Neste mundial participaron o Palmeiras (campión paulista), o Estrela Vermella (campión da Primeira Liga de Iugoslavia), o Austria Viena (campión austríaco), a Juventus (campión italiano), o Nacional de Montevideo (campión uruguaio), o OGC Nice (campión francés), o Sporting de Lisboa (campión portugués) e o Vasco da Gama (campión carioca). O verdão pasou como segundo de grupo tras gañar ó Nice e ó Estrela Vermella e perder catro a cero contra a Juventus. Nas semifinais fronte ao Vasco, gañaron na ida por dous goles a un e empataron sen goles na volta. Na final volvían enfrontarse ao conxunto italiano. No primeiro partido conseguiron gañar por un gol a cero e no segundo empataron a dous goles, polo que o Palmeiras coroouse simbolicamente como campión do mundo no estadio do Maracanã.[3][4][5] Con todo, non foi así recoñecido pola FIFA, que o 15 de decembro de 2007 emitiu comunicado oficial sobre o tema, volvendo atrás unha decisión tomada meses antes e comunicada ao club polo entón secretario xeral da entidade, Urs Lins. En novembro de 2014 o Comité Executivo da FIFA confirmou a Copa Río de 1951 unicamente como a primeira competición de clubs en todo o mundo.[4]
A Academia
[editar | editar a fonte]En 1965, foi inaugurado o Estadio Magalhães Pinto, o "Mineirão", e, para coroar os festexos da inauguración, organizouse un amigábel entre a selección brasileira e a do Uruguai. Por primeira vez na historia do fútbol brasileiro, un equipo, a Sociedade Deportiva Palmeiras, foi invitado a compoñer toda a delegación, dende técnico ó masaxista, do porteiro ao punta-esquerda, incluíndo os reservas. Unha primacía única en recoñecemento a un dos mellores equipos do país na época, que vencía a todos os adversarios, convencía e encantaba de tal xeito que recibiu da prensa e do pobo o alcume de "Academia de Fútbol". O partido foi xogado o día 7 de setembro (data da independencia brasileira), e o Palmeiras derrotou o Uruguai por 3 a 0.[6]
Coincidentemente, tras o retiro da maior icona da Academia, Ademir da Guia, en 1977, o Palmeiras ficou durante un longo período sen conquistar títulos. Coñecido como "Divino" por conta da gran clase no trato da pelota e pola eficiencia, Ademir é considerado o mellor xogador da historia do alviverde, coa impresionante marca de 901 partidos disputados, 153 goles marcados e numerosos títulos conquistados, entre campionatos oficiais e torneos amigábeis nacionais e internacionais.
Era Parmalat
[editar | editar a fonte]O xaxún de títulos entre 1976 e 1993 foi o máis longo da historia do club e esixiu paciencia da afección, que viu os seus maiores rivais dominaren as conquistas da década de 1980. O martirio alviverde foi sepultado despois de que a dirección ideou unha inédita colaboración para a xestión do fútbol coa empresa multinacional de orixe italiana Parmalat. Tal acordo, posibilitou a contratación de grandes xogadores e técnicos competentes. A era Parlamat comezou en 1992 e ao ano seguinte, case vinte anos despois do último título do Palmeiras, o club gañou o Campionato Paulista e o seu sétimo Brasileirão con Vanderlei Luxemburgo como adestrador e con xogadores como Roberto Carlos. En 1994 o verdão volveu ser bicampeón xa con Rivaldo no equipo. En 1996, o alviverde conquistou o Campionato Paulista daquel ano coa mellor campaña dun equipo na era profesional neste campionato, xa co mago Djalminha no cadro de futbolistas. Nesta ocasión foi campión con 83 puntos dos 90 posíbeis, cun índice de aproveitamento de 92,2% dos puntos disputados e 102 goles marcados en 30 partidos. Dende entón, esta marca xamais foi alcanzada por calquera outro equipo na competición. En 1997 chegou á bancada Luiz Felipe Scolari, co que o equipo gañou en 1998 a Copa do Brasil e a primeira edición da Copa Mercosur.[7]
En 1999 o Palmeiras gañou a súa primeira Copa Libertadores. Nos cuartos de final eliminaron o Corinthians. No encontro de ida os alviverdes gañaron dous a cero e na volta perderon polo mesmo resultado, polo que todo se decidiu nunha quenda de penaltis na que o Palmeiras conseguiu o pase ás semifinais. Nestas semifinais xogaron fronte o River Plate, perdendo dous a cero en Bos Aires e remontando cun tres a cero na volta. A final foi contra o Deportivo Calí. En Colombia o verdão perdeu por un gol a cero, pero na volta conseguiu empatar cun dous a un, polo que o título se decidiu noutra quenda de penaltis, resultando vitorioso o alviverde trala grande actuación do gardameta Marcos.[8]
Século XXI
[editar | editar a fonte]Despois do novo período de alegría e xa co remate da era Parmalat, a afección alviverde conviviu coa enorme tristeza do descenso no Campionato Brasileiro de 2002. Nunha demostración de paixón e fidelidade, apoiou o Palmeiras na conquista da Série B do 2003 [9]. A primeira década do Século XXI foi un período de intentos de reestruturación política e administrativa para o club, que non volveu erguer un título de primeira división ata 2008, cando gañou o Campionato Paulista, de novo con Vanderlei Luxemburgo no banco.
Xa no ano 2012 o Palmeiras volveu conseguir un novo título nacional, a Copa do Brasil, coa volta de Scolari. Pero o ano seguinte volveu descender á Serie B. Volveu subir na seguinte tempada coincidindo co centenario do Palmeiras e a estrea do seu novo estadio, o Allianz Parque. No ano 2016 o Palmeiras volveu alzarse campión do Brasileirão coa segunda mellor campaña da súa historia.[10]
Rivalidades
[editar | editar a fonte]O maior rival do Palmeiras é o Corinthians co que xoga o derbi paulista, recoñecido como un dos dez mellores derbis do mundo.[11] Son os dous equipos máis antigos de São Paulo e a súa rivalidade provén de numerosos encontros no Campionato Paulista, Campionato Brasileiro e na Copa Libertadores. Tamén ten unha gran rivalidade co São Paulo, no chamado Choque-Rei. Un dos maiores partidos deste choque foi o da "Arrancada Heroica" na que o Palmeiras se corou campión paulista. Tamén ten unha forte rivalidade co Santos FC, no chamado Clásico da Saudade, sendo os dous equipos máis laureados do Brasil.
Escudo
[editar | editar a fonte]Dende os primeiros partidos disputados, a letra "P" sempre estivo presente nos escudos dos uniformes do Palmeiras. En 1915, na primeira partida do entón Palestra Italia, as letras "P" e "I" , nas cores brancas, adornaban o escudo que se situaba no lado esquerdo do uniforme verde. En 1916, para a disputa do Campionato Paulista daquel ano, a dirección do club decidiu importar de Italia un xogo de camisas co escudo da Cruz de Savoia, símbolo da Casa Real Italiana.
En 1917, o contorno da Cruz de Savoia permaneceu, mais o deseño interno trouxo de volta as letras “P” e “I”, desta vez inseridas nun fundo verde. En 1918, no novo distintivo permaneceu o contorno da Cruz de Savoia pero de cor vermella, cun fondo de cor branca, e coas letras “P” e “I” en verde. No ano 1919, o formato pasou a ser circular e cas letras “P” (de cor verde) e “I” (en vermello) no centro. En 1928, as dúas letras pasaron a ser vermellas. No ano 1937, mudouse só a disposición das cores: un fondo verde e as letras “P” e “I” de novo en vermello.
En 1942, coa mudanza do nome do equipo para Palmeiras, o vermello e a letra “I” desapareceron do escudo, quedando só o fondo verde coa letra “P” no centro en branco. En 1959, o distintivo sufriu un gran cambio, na circunferencia menor, de fondo branco, foi recolocado o contorno da Cruz de Savoia, recheo por 26 liñas alusivas ao día de fundación do club e coa tradicional “P” inserida no centro. Na circunferencia maior, de fondo verde, aparece a inscrición “Palmeiras” en branco e as oito estrelas, que representa ó mes de fundación do club do Palestra. É o símbolo usado até hoxe na camisa do Palmeiras [12].
Estadio
[editar | editar a fonte]O estadio Palestra Italia foi construído pola empresa Companhia Antarctica Paulista co nome de Parque da Antarctica. Este establecemento tiña o campo de fútbol, un lago, e outras instalacións para realizar varios deportes. Coa crecente paixón do fútbol no Brasil a empresa comezou a alugar o campo. O Palestra Italia comezaría a usar este estadio no ano 1917. O día 27 de abril de 1920 efectuouse a compra do campo de fútbol e a maior parte do terreo do Parque Antarctica por parte do Palestra Italia. O primeiro partido como propietario foi unha gran goleada (12-0) fronte ó Mackenzie.
O “Stadium Palestra Itália” foi inaugurado en agosto de 1933 despois das reformas nas que investiu o club no antigo Parque Antarctica. A finais da década de 1950 houbo outra gran reforma. modernizando as bancadas e construíndo vestiarios no subsolo. Tamén durante a década de 1990 aconteceron numerosas reformas para modernizar o estadio. O 9 de xullo de 2010 xogouse o último partido do estadio Palestra Italia nun amigable fronte a Boca Juniors.[13] Non foi ata o ano 2014 cando remataron as obras do novo Allianz Parque [14].
O partido inaugural do Allianz Parque foi o 19 de novembro fronte ó Sport, onde o alviverde caeu derrotado por dous goles a cero. O Allianz Parque conta cunha capacidade de 43.713 persoas, sendo 25.395 nas bancadas inferiores, 3.430 nas intermedias e 14.888 nas bancadas superiores [1].
Xogadores
[editar | editar a fonte]Cadro actual
[editar | editar a fonte]Actualizado a 23 de xullo de 2017 [15][16]
|
|
Récords
[editar | editar a fonte]Xogadores con máis goles
[editar | editar a fonte]Actualizado a 14 de agosto de 2017[17]
Xogadores | Goles | Partidos | Tempadas |
---|---|---|---|
Heitor | 327 | 358 | 1916-1931 |
César Maluco | 180 | 324 | 1967-1974 |
Ademir da Guia | 153 | 901 | 1962-1978, 1984 |
Lima | 149 | 458 | 1938-1954 |
Servílio | 140 | 289 | 1963-1968 |
Evair | 127 | 245 | 1991-1994, 1999 |
Humberto Tozzi | 126 | 135 | 1953-1958, 1960-1961 |
Rodrigues Tatu | 125 | 221 | 1950-1955 |
Luizinho Mesquita | 123 | 163 | 1935-1941 |
Tupãzinho | 122 | 231 | 1963-1968 |
Xogadores con máis goles nunha tempada
[editar | editar a fonte]Actualizado a 14 de agosto de 2017[18]
Xogador | Goles | Tempada |
---|---|---|
Evair | 53 | 1994 |
Mirandinha | 46 | 1986 |
Romeiro | 45 | 1959 |
Luizão | 43 | 1996 |
Servilio | 43 | 1965 |
Mazzola | 43 | 1957 |
Echevarrieta | 42 | 1940 |
Américo Murollo | 42 | 1959 |
Ademar Pantera | 42 | 1965 |
César Maluco | 40 | 1971 |
Títulos
[editar | editar a fonte]Actualizado a 3 de novembro de 2022[19]
Internacionais
[editar | editar a fonte]- Copa Internacional de Río (1): 1951.
- Copa Libertadores (3): 1999, 2020, 2021.
- Recopa Suramericana (1): 2022.
- Copa Mercosur (1): 1998.
Nacionais
[editar | editar a fonte]- Campionato Brasileiro (11): 1960, 1967, 1967, 1969, 1972, 1973, 1993, 1994, 2016, 2018, 2022.
- Copa do Brasil (4): 1998, 2012, 2015, 2020.
- Copa dos Campeões: 2000.
Interestatais
[editar | editar a fonte]- Torneo Río-São Paulo (5): 1933, 1951, 1965, 1993 e 2000.
- Torneo dos Campións Estatais Río-São Paulo (4): 1926, 1934, 1942, 1947.
Estatais
[editar | editar a fonte]- Campionato Paulista (24): 1920, 1926, 1927, 1932 , 1933, 1934, 1936, 1940, 1942, 1944, 1947, 1950, 1959 , 1963, 1966, 1972, 1974, 1976, 1993, 1994, 1996, 2008, 2020, 2022.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 http://laudosestadios.fpf.org.br/Laudo%20Engenharia%20-%20S%C3%A3o%20Paulo%20-%20Est.%20Arena%20Allianz%20Parque%20-%20Palmeiras-%2029-10-16.pdf
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 07 de xaneiro de 2017. Consultado o 14 de agosto de 2017.
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 14 de agosto de 2017. Consultado o 14 de agosto de 2017.
- ↑ 4,0 4,1 "Ao GloboEsporte.com, explicação da entidade que comanda o futebol é de que Copa Rio tem nível mundial, mas é diferente dos torneios organizados depois de 2000" (en portugués). 11/08/2014.
- ↑ "LA COPA RIO E ALTRI FINTI “MONDIALI”" (en italiano).
- ↑ https://esporte.uol.com.br/futebol/ultimas-noticias/2014/08/20/no-dia-em-que-jogou-como-brasil-palmeiras-venceu-com-golaco-e-mao-na-bola.htm
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 13 de marzo de 2017. Consultado o 14 de agosto de 2017.
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 28 de abril de 2016. Consultado o 14 de agosto de 2017.
- ↑ https://esporte.uol.com.br/futebol/ultimas/2003/11/22/ult59u77755.jhtm
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 21 de decembro de 2016. Consultado o 14 de agosto de 2017.
- ↑ http://www.dailymail.co.uk/sport/football/article-1214200/THE-LIST-The-greatest-rivalries-club-football-Nos-10-1.html
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 19 de setembro de 2017. Consultado o 14 de agosto de 2017.
- ↑ http://www.palmeiras.com.br/historia/estadio
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 20 de agosto de 2019. Consultado o 14 de agosto de 2017.
- ↑ https://www.transfermarkt.co.uk/sociedade-esportiva-palmeiras/startseite/verein/1023
- ↑ http://www.palmeiras.com.br/futebol/elenco
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 14 de agosto de 2017. Consultado o 14 de agosto de 2017.
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 15 de agosto de 2017. Consultado o 14 de agosto de 2017.
- ↑ "Galeria de Títulos". palmeiras.com (en portugués). Consultado o 3 de novembro de 2022.