Tribunal Supremo dos Estados Unidos de América
Tribunal Supremo dos Estados Unidos de América | |
---|---|
Tipo | corte suprema e United States article III court |
Data de fundación | 1789 |
Presidente/a | John Roberts (2005-) |
Nº de membros | 9 (1869) |
Sede | Washington, D.C. e Old Senate Chamber |
En | Washington, D.C. |
País | Estados Unidos de América |
38°53′26″N 77°00′16″O / 38.890555555556, -77.004444444444 | |
Na rede | |
https://www.supremecourt.gov/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
O Tribunal Supremo dos Estados Unidos (en inglés, Supreme Court of the United States), é o tribunal máis alto existente nos Estados Unidos de América. Como tal, o Tribunal é a cabeza do Poder Xudicial dos Estados Unidos.
O Tribunal está formado por un Xuíz Presidente (Chief Justice) e oito Xuíces Asociados (Associate Justices), que son nomeados polo presidente dos Estados Unidos e confirmados co "consello e consentimento" do Senado dos Estados Unidos. Unha vez no tribunal, o cargo e vitalicio e só poden ser depostos polo Congreso mediante un proceso de impeachment, con todo, os xuíces poden renunciar cando o desexen. Ningún xuíz foi destituído do seu cargo, aínda que moitos retiráronse ou renunciaron.
O Tribunal Supremo é o único tribunal establecido pola Constitución dos Estados Unidos; tódolos demais foron creados polo Congreso. O Tribunal posúe a facultade de revisión xudicial e a facultade de declarar inconstitucionais leis federais ou estatais e accións dos poderes executivos federais e estatais. As súas decisións non poden ser apeladas.
O Tribunal Supremo reúnese en Washington, D.C.. Ás veces, de xeito coloquial, faise referencia a el polo seu acrónimo en inglés SCOTUS (de Supreme Court of the United States).
Composición
[editar | editar a fonte]Número de membros
[editar | editar a fonte]A Constitución norteamericana non especifica o número de membros que debe ter o Tribunal Supremo; no seu lugar, o Congreso ten a facultade de fixar o número de xuíces. Orixinalmente, o número total de xuíces foi fixado en seis pola Lei Xudicial (Judiciary Act) de 1789. Mentres o país creceu xeograficamente, o número de xuíces aumentou. O Tribunal foi ampliado a sete membros en 1807, nove en 1837 e dez en 1863.
Pola (Circuit Judges Act) de 1869, o número de xuíces foi fixado outra vez en nove (un Xuíz Presidente e oito Xuíces Asociados), que se mantivo desde entón.
Nomeamento
[editar | editar a fonte]A atribución de nomear aos seus membros correspóndelle ó presidente dos Estados Unidos. Como regra xeral, o presidente nomea a unha persoa que comparta os seus ideais político-xudiciais. Con todo, regularmente o presidente trata de buscar un candidato que sexa aceptado tanto por liberais como por conservadores, xa que un candidato cuxos pensamentos sexan considerados demasiado extremos pode ser rexeitado polo Senado.
Nalgúns casos, as decisións dos xuíces tenden a ser o oposto ao que o presidente esperaba del cando o nomeou. Un exemplo disto é o caso do Xuíz Presidente Earl Warren quen foi nomeado polo presidente Dwight D. Eisenhower anticipando que sería un xuíz conservador. Porén, durante a presidencia de Warren, emitíronse decisións que foron consideradas entre as máis liberais de toda a súa historia.
O "consello e consentimento" do Senado é requirido para calquera proposta de nomeamento ó Tribunal Supremo. O proceso de confirmación regularmente atrae a un gran número de grupos activistas quen fan campaña en prol ou en contra do nomeado. O Comité de Asuntos Xudiciais leva a cabo as vistas e os interrogatorios para determinar a calidade do nomeado. Logo, o pleno do Senado considera o nomeamento; requírese de maioría simple para confirmar ou rexeitar ao nomeado. Doce nomeados foron explicitamente rexeitados polo Senado. O máis recente foi en 1987, cando o Senado rexeitou a Robert Bork. En 1991, o nomeamento do Xuíz Clarence Thomas foi case rexeitada debido a imputacións de índole sexual, pero o nomeado finalmente foi aprobado cunha votación de 52 a 48.
Nalgúns casos, o Senado pode rexeitar a un nomeado ao non votar por el. Por exemplo, a minoría pode utilizar a técnica do "filibusterismo" (alongamento do debate por varios días). Ademais, o presidente pode retirar un nomeamento se ve claramente que o nomeado non será confirmado. Recentemente, o presidente George W. Bush retirou o nomeamento de Harriet Miers logo de críticas de parte de sectores republicanos.
Ata a década dos oitenta o proceso de confirmación dos nomeados era relativamente curto; en ao redor dun mes decidíase se o nomeado integraría o Tribunal ou non. Con todo, a partir da presidencia de Ronald Reagan o tempo do proceso de confirmación estendeuse. Estimouse que iso pode deberse á percepción pública de que os xuíces do Tribunal Supremo teñen moito poder.
A media de tempo entre o xurdimiento de vacantes no Tribunal é de aproximadamente dous anos. Porén, hai períodos onde non xurdiron vacantes por un longo tempo. Por exemplo, non houbo vacantes desde o nomeamento do Xuíz Stephen Breyer en 1993 ata que a Xuíza Sandra Day O'Connor anunciou seu retiro no verán de 2005.
Os períodos de xurisprudencia do Tribunal desígnanse comunmente polo nome do Xuíz Presidente de quenda. Por exemplo, o Tribunal durante 1969-1986 coñéceselle como "Período Burger" (polo nome do Xuíz Presidente Warren Burger) e durante 1986 a 2005 coñéceselle como "Período Rehnquist" (polo nome do Xuíz Presidente William Rehnquist).
Cada xuíz do Tribunal Supremo é asignado a un ou dous dos circuítos xudiciais federais. O Xuíz Presidente regularmente é asignado ao Circuíto do Distrito de Columbia e ao Circuíto Federal. Os demais xuíces son asignados aos demais circuítos. Cando un caso quere ser levado ó Tribunal Supremo, débese rexistrar na oficina do xuíz que ten competencia sobre o circuíto onde xurdiu a apelación.
En lingua inglesa, o título oficial dun membro do Tribunal Supremo é justice, o cal tradúcese literalmente como xustiza, mentres o termo judge tradúcese literalmente como xuíz. Con todo, ese non é o título utilizado para os membros do Tribunal Supremo, pero comunmente chámase en español xuíces aos membros do Tribunal Supremo e, ocasionalmente, maxistrados. No caso de España, os membros do Tribunal Constitucional (o equivalente ao Tribunal Supremo norteamericano) denomínanse maxistrados.
Requisitos para ser membro
[editar | editar a fonte]A Constitución non establece explicitamente os requisitos necesarios para ocupar unha cadeira no Tribunal. De feito, non establece parámetros como a nacionalidade ou a idade necesaria, como o fai no caso do poder lexislativo e executivo. Con todo, o presidente comunmente nomea individuos que teñan experiencia xudicial previa xa sexa a nivel estatal ou federal. Dos actuais nove xuíces no tribunal, sete ocuparon postos xurídicos no goberno federal.
Os nomeados ó Tribunal Supremo son avaliados pola American Bar Association e reciben unha de tres avaliacións finais: "moi cualificado", "cualificado" ou "non cualificado". Porén, esa avaliación non representa obrigación algunha nin para o Senado nin para o presidente, aínda que comunmente son tomadas en consideración.
Composición actual
[editar | editar a fonte]Os actuais membros do Tribunal Supremo son os seguintes, en orde de precedencia:
Xuíz Presidente | John Roberts | (69 anos) | George W. Bush | 2005 |
Xuíz Asociado | John Paul Stevens | (104 anos) | Gerald Ford | 1975 |
Xuíz Asociado | Antonin Scalia | (88 anos) | Ronald W. Reagan | 1986 |
Xuíz Asociado | Anthony Kennedy | (88 anos) | Ronald W. Reagan | 1988 |
Xuíz Asociado | David Souter | (85 anos) | George W. Bush | 1990 |
Xuíz Asociado | Clarence Thomas | (76 anos) | George W. Bush | 1991 |
Xuíza Asociada | Ruth Bader Ginsburg | (91 anos) | Bill Clinton | 1993 |
Xuíz Asociado | Stephen Breyer | (86 anos) | Bill Clinton | 1994 |
Xuíz Asociado | Samuel Alito | (74 anos) | George W. Bush | 2006 |
Nótese que o Xuíz Presidente sempre é o xuíz de maior precedencia. Isto débese a que o Xuíz Presidente é primus inter pares (o primeiro entre iguais).
Durante as sesións do Tribunal, os xuíces tamén sentan en orde de precedencia, co Xuíz Presidente ao centro e os demais xuíces alternándose aos lados deste. Os actuais membros sentan de esquerda a dereita na seguinte orde: Xuíz Breyer, Xuíz Thomas, Xuíz Kennedy, Xuíz Stevens, Xuíz Presidente Roberts, Xuíz Scalia, Xuíz Souter, Xuíza Ginsburg e Xuíz Alito.
Desde o punto de vista xurídico-político, os Xuíz Presidente Roberts, e os Xuíces Asociados Scalia, Thomas e Alito son considerados parte do á conservadora do Tribunal. Os xuíces Stevens, Souter, Ginsburg e Breyer son considerados membros do á liberal do Tribunal. O xuíz Kennedy considérase moderado e tende a ser o voto decisivo nos casos pechados.
Decisións
[editar | editar a fonte]As decisións do Tribunal Supremo constitúen precedente (binding precedent) que obriga a tódolos demais tribunais a respectalas. Ademais, as súas sentenzas teñen a capacidade de derrogar leis.
Dous casos que marcaron a historia dos Estados Unidos foron Brown contra Consello de Educación (1954) e Roe contra Wade (1973). No primeiro caso, o Tribunal Supremo estableceu que a segregación racial nas escolas públicas era inconstitucional. A partir desa decisión, a segregación en calquera sitio público pasou a ser igualmente inconstitucional. No segundo, o Tribunal determinou que o dereito ao aborto non podía ser negado ás mulleres, xa que existe un dereito á privacidade na constitución que protexe ás mulleres e as súas decisións. Aínda hoxe, esta decisión resulta controvertida e membros do Tribunal, como os xuíces Scalia e Thomas, expresaron que Roe foi unha decisión errónea.
Os xuíces oen os argumentos dos diferentes casos e logo reúnense para discutilo entre eles. Cada xuíz do Tribunal ten un voto en cada caso. Cando hai polo menos cinco xuíces a favor dalgunha decisión, esa pasa a ser a opinión do Tribunal que representa o precedente final. O xuíz de maior experiencia entre os cinco votantes ten o privilexio de escoller cal deles escribirá a opinión do Tribunal. Se o Xuíz Presidente atópase entre a maioría, o privilexio pasa a el.
Todo xuíz ten dereito a escribir unha explicación do seu voto. Se o seu voto atópase entre a maioría, o xuíz escribe unha opinión concorrente. Se o xuíz votou en contra da maioría, escribe entón unha opinión disidente. Téñanse en conta que só a decisión da maioría representa un precedente legal.
As opinións do Tribunal sobre algún caso publícanse algún tempo logo de que este foi visto. Cando se chega a unha decisión, xeralmente infórmase o número de xuíces que votou a favor da opinión do tribunal. Por exemplo, dise que "O Tribunal en Roe contra Wade votou 7-2 a favor da legalización do aborto". É dicir, sete xuíces votaron a favor da decisión e dous en contra.
Historia
[editar | editar a fonte]O Tribunal Supremo é o único establecido pola Constitución dos Estados Unidos, e foi creado en 1789 baixo a Lei Xudicial de 1789. O Tribunal iniciou as súas funcións por primeira vez o 2 de febreiro de 1790 [1].
Os períodos de Jay, Rutledge, e Ellsworth (1789 - 1801)
[editar | editar a fonte]O primeiro Xuíz Presidente do Tribunal foi John Jay. A decisión máis controvertida considerada deste período é Chisholm contra Xeorxia, na cal se sostivo que o tribunal federal podía coñecer demandas en contra de Estados. Desde entón, respondendo á preocupación de varios estados, o Congreso propuxo a Décimo Primeira Emenda, que concedeu inmunidade aos estados baixo certos supostos fronte ás demandas xudiciais nos tribunais federais. A Emenda foi ratificada en 1795.
A Jay sucedeulle o Xuíz Presidente John Rutledge, e logo Oliver Ellsworth. Durante estes períodos non xurdiron casos importantes.
O período Marshall (1801 - 1835)
[editar | editar a fonte]Un dos períodos máis importantes da historia do Tribunal foi o do Xuíz Presidente John Marshall. No caso Marbury contra Madison (1803), Marshall sostivo que o Tribunal Supremo podía cambiar unha lei aprobada polo Congreso se violaba a Constitución, establecendo legalmente o poder xudicial de revisións (judicial review). No período Marshall tamén tomáronse varias decisións importantes en relación ao federalismo. Marshall tomou unha visión ampla dos poderes do goberno —particularmente respecto da cláusula de comercio entre os estados e a cláusula relativa a algúns poderes do estado (necessary and proper clause). Por exemplo, en McCulloch vs. Maryland (1819), o Tribunal sentenciou que o Congreso podía crear un banco nacional baseándose nas cláusulas de comercio entre os estados e outras cláusulas semellantes, sendo que este poder para crear un banco non se atopaba explicitamente mencionado na Constitución. De forma semellante, en Gibbons contra Ogden (1824), o Tribunal atopou que as cláusulas de comercio entre os estados permitían ao Congreso regular sobre a navegación interestatal.
O Tribunal de Marshall tamén tomou varias decisións restritivas sobre as accións dos gobernos estatais. A noción de que o Tribunal Supremo podía coñecer sobre as apelacións dos Tribunais estatais foi estalecida en Martin contra Hunter's Lessee (1816) e en Cohens contra Virxinia (1821). En varios sentenzas, o Tribunal Marshall confirmou a supremacía das leis federais sobre as leis estatais. Por exemplo, no fallo McCulloch contra Maryland, o Tribunal sostivo que un estado non podía xerar impostos sobre unha axencia do goberno federal. Con todo, ao mesmo tempo, o Tribunal Marshall sostivo no caso Barron contra Baltimore (1833) que a Bill of Rights (Carta de Dereitos) restrinxía só ao goberno federal, e non era aplicable aos estados. A pesar diso, o Tribunal Supremo sostivo uns anos despois que a Décimo Cuarta Emenda tiña o efecto de poderse aplicar a Bill of Rights aos Estados.
Jefferson dixo sobre o período Marshall, "A Constitución é unha mera peza de barro nas mans dos tribunais, que eles poden moldear e formar do xeito que queiran."
O período Rehnquist (1986 - 2005)
[editar | editar a fonte]O Xuíz Presidente William Rehnquist exerceu desde o retiro de Burger en 1986 ata a súa morte, o 3 de setembro de 2005. O Tribunal Rehnquist tiña un punto de vista limitado respecto dos poderes do Congreso baixo a cláusula de comercio, como se viu en United States contra López (1995). O Tribunal tivo moitas sentenzas controvertidas, incluíndo Texas contra Johnson (1989), onde declarou que o queimar unha bandeira era unha forma de expresión protexida pola Primeira Emenda; Lee contra Weisman (1992); Stenberg contra Carhart (2000); e Lawrence contra Texas (2003), na que suprimiu as leis que prohibían a sodomía. Outra decisión controvertida no período Rehnquist foi Gratz contra Bollinger. Quizais a maior controversia causada polo Tribunal foi no caso Bush contra Gore (2000), baixo o cal terminouse o reconto de votos electorais en Florida logo das eleccións presidenciais do 2000, permitindo así a George W. Bush converterse no 43º Presidente dos Estados Unidos.
Rehnquist liderou un Tribunal notablemente estable —por once anos ata a morte de Rehnquist, a composición do Tribunal non variou— o que a converte na máis estable nos últimos 180 anos.
O retiro de O'Connor
[editar | editar a fonte]O 1 de xullo de 2005, a xuíza O'Connor anunciou que se retiraría do Tribunal Supremo unha vez confirmado o seu sucesor. O presidente Bush orixinalmente nomeou a John Roberts, xuíz do Tribunal de Apelacións do Distrito de Columbia, para substituír a O'Connor o 19 de xullo de 2005. Con todo, logo da morte do Xuíz Presidente Rehnquist o 3 de setembro, Bush nomeou a Roberts para o cargo de Xuíz Presidente. Con posterioridade o Presidente nomeou á Conselleira da Casa Branca Harriet Miers para substituír a O'Connor o 3 de outubro de 2005, pero Miers retirou o seu nomeamento o 7 de outubro ao xurdir unha controversia respecto dunha petición do Congreso sobre o papel de Miers como Conselleira da Casa Branca. O 31 de outubro, o Presidente Bush nomeo ao Xuíz do Tribunal de Apelacións do Terceiro Distrito, Samuel Alito para substituír a xuíza O'Connor. O 24 de xaneiro de 2006, o Comité Xudicial do Senado mandou o nomeamento de Alito ao Senado. O 31 de xaneiro de 2006, o Senado confirmou a Alito, por 58 votos a favor e 42 en contra, e nese momento o retiro de O'Connor fíxose efectivo.
O período Roberts (2005 - )
[editar | editar a fonte]O Xuíz Presidente John Roberts foi confirmado polo Senado o 29 de setembro de 2005 e presidiu o Tribunal por primeira vez o 3 de outubro do mesmo ano, o día no que comezou a sesión 2005-2006 . O 31 de outubro o Presidente Bush anunciou o nomeamento de Samuel Alito para o cargo de O'Connor, e someteu o nomeamento ao Senado o 10 de novembro de 2005. O 31 de xaneiro de 2006 o Senado aprobou o nomeamento de Samuel Alito como Xuíz Asociado do Tribunal Supremo.
Edificio do Tribunal Supremo
[editar | editar a fonte]O edificio que alberga o Tribunal Supremo dos Estados Unidos está situado en Washington, D.C., a capital do país, na rúa situada ao leste do Capitolio dos Estados Unidos.
Historia
[editar | editar a fonte]Antes da creación da capital federal, o goberno dos Estados Unidos residiu brevemente en Nova York (onde o Tribunal Supremo foi albergado no edificio Merchants Exchange) e en Filadelfia (onde o Tribunal tivo como residencia inicialmente o Independence Hall, e posteriormente o Concello de Filadelfia) [2].
Despois de que o goberno federal fose establecido en Washington, o Tribunal foi emprazado nun pequeno espazo, o soto do Capitolio dos Estados Unidos [3]. O Tribunal Supremo permaneceu no Capitolio ata 1935, fóra dun período entre 1812 e 1817, durante o cal o Tribunal deixou Washington debido á guerra anglo-estadounidense de 1812.
Como o Senado ampliouse, o espazo do Tribunal foise facendo cada vez máis pequeno, e o Tribunal tivo que trasladarse á cámara abandonada polo Senado dúas veces, primeiro en 1810 [4] (un espazo que debía compartir "con outros varios tribunais, como o Tribunal de Circuítos dos Estados Unidos e o Tribunal dos Orfos do Distrito de Columbia"[5]), e outra vez en 1860 cando o Tribunal se trasladou á Vella Cámara do Senado, onde permaneceu ata o seu traslado á súa localización actual.[6] En 1929, o Xuíz Presidente William Howard Taft, deu ó Tribunal o seu propio edificio, para distanciarse do Congreso, e ser unha rama independente do goberno.
"Templo de Xustiza"
[editar | editar a fonte]O edificio do Tribunal Supremo foi deseñado polo arquitecto Cass Gilbert.[7] A primeira pedra foi posta o 13 de outubro de 1932 e a construción foi completada en 1935, habendo costado 9.740.000 dólares, 94.000 dólares menos que o tope do orzamento. "O edificio foi deseñado tendo como escala a importancia e dignidade do Tribunal e a Xudicatura como unha rama igual e independente do Goberno dos Estados Unidos, e como un símbolo do ideal nacional de xustiza na máis alta esfera de actividade"[8].
A fachada pública do edificio do Tribunal está feita de mármore de Vermont, e o dos patios, que non están á vista do público, de mármore xeorxiano. A maior parte dos espazos interiores son de mármore de Alabama, pero para a Sala do Tribunal, utilizouse mármore español [9]. Para as 24 columnas da Sala do Tribunal, "Gilbert sentiu que só o marfil castaño e o mármore dourado das canteiras Montarrenti, preto de Siena, Italia bastarían". Con este fin, en maio de 1933, Gilbert presentou unha solicitude ao entón primeiro ministro italiano, Benito Mussolini, para "pedirlle a súa axuda para garantir que o mármore de Siena non fose inferior ao mármore da mostra"[10].
Non a todos os xuíces gustáronlles as novas estancias, a Sala do Tribunal en particular. Harlan Fiske Stone queixouse de que era "demasiado pretenciosa [...] Totalmente inadecuada para un grupo tranquilo de vellos rapaces, como era o Tribunal Supremo". Outro xuíz comentou que el sentiu que o Tribunal sería como "nove escaravellos negros no Templo de Karnak", mentres que outro se queixou de que con tal pompa e cerimonia, suxerirían que os xuíces debesen entrar na sala do Tribunal montados en elefantes[11]. O columnista do The New Yorker, Howard Brubaker, escribiu que o edificio tiña "grandes fiestras finas para lanzar o New Deal fóra del"[12].
Na fachada oeste do edificio pódese ler "Igual Xustiza Baixo a Lei", mentres que na fachada leste lese "A Xustiza, a Gardiá da Liberdade".
As instalacións do edificio son:
- No soto: instalacións de mantemento, garaxe e correo local.
- Na planta baixa: a oficina pública de información, a oficina de emprego, a unidade de publicacións, salas de exposicións, cafetería, a tenda de agasallos e oficinas administrativas.
- No primeiro andar: o Great Hall, a Sala do Tribunal, a sala de conferencias, e os despachos de tódolos xuíces excepto o da Xuíza Ginsburg (preferiu ter o seu despacho na segunda planta).
- No segundo andar: o comedor dos xuíces e as salas de lectura están neste andar. Tamén, a oficina do reporteiro de decisións, a oficina legal e as oficinas dos avogados de oficio.
- No terceiro andar: a biblioteca do Tribunal.
- No cuarto andar: o ximnasio do Tribunal Supremo.
O edificio do Tribunal Supremo, está baixo a xurisdición do Arquitecto do Capitolio. Ademais, o edificio mantén á súa propia policía, a Policía do Tribunal Suprema. Separada da Policía do Capitolio, a forza foi creada en 1935 para coidar do edificio e do seu persoal. O Tribunal manexa un orzamento anual de aproximadamente 15 millóns de dólares, e solicitou un orzamento de 16,7 millóns de dólares para o ano fiscal 2006 [13].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Constitución dos Estados Unidos Arquivado 12 de setembro de 2008 en Wayback Machine. DATES TO REMEMBER
- ↑ Información sobre o edificio do Tribunal Supremo.
- ↑ W. Rehnquist, The Supreme Court, p.24.
- ↑ Tour Virtual polo Senado, parte 1
- ↑ Catherine Hetos Skefos, O Tribunal Supremo ten un fogar Arquivado 28 de novembro de 2005 en Wayback Machine.
- ↑ Tour Virtual polo Senado, parte 2
- ↑ "Study for Woolworth Building, New York". World Digital Library. 1910-12-10. Consultado o 2013-07-25.
- ↑ Edificio do Tribunal Supremo, supra n1
- ↑ Casas do Tribunal Arquivado 28 de novembro de 2005 en Wayback Machine., Sociedade Histórica do Tribunal Supremo
- ↑ Catherine Hetos Skefos, supra n4
- ↑ Homes, supra n7
- ↑ "Columnista New Yorker.". Arquivado dende o orixinal o 23 de decembro de 2007. Consultado o 20 de novembro de 2007.
- ↑ Xuíces Kennedy e Thomas, Testemuña ó Subcomité de Apropiacións da Casa, 12/4/2005.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Tribunal Supremo dos Estados Unidos de América |