William Gibbs McAdoo
William Gibbs McAdoo, nado en Marietta, Xeorxia, o 31 de outubro de 1863 e finado en Washington en 1941, foi un avogado, estadista e líder dun movemento progresista estadounidense que ocupou o cargo de secretario do Tesouro dos EEUU durante a Administración do seu sogro, o presidente Thomas Woodrow Wilson.
Como membro do Partido Demócrata representou o estado de California no Senado dos Estados Unidos.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos e formación
[editar | editar a fonte]McAdoo naceu en plena guerra civil dos Estados Unidos en Marietta, estado de Xeorxia,[1][2][3][4] fillo da escritora Mary Faith Floyd (1832-1913)[5] e do avogado e oficial do exército confederado William Gibbs McAdoo (1820-1894).[6] Pouco despois do seu nacemento, o exército do xeneral William Tecumseh Sherman arrasou a granxa da súa familia e esta quedou na ruína.[7]
O seu tío paterno, John David McAdoo, foi xeneral da Confederación e xuíz do Tribunal Supremo de Texas.[8]
Na súa infancia, McAdoo asistiu a escolas rurais ata que a súa familia se trasladou a Knoxville, Tennessee, en 1877, cando o seu pai comezou a exercer a docencia na Universidade de Tennessee. Nesa mesma institución cursou McAdoo os seus estudos universitarios de Dereito.[4][7]
Durante a súa etapa universitaria iniciouse no ámbito da política, como delegado suplente na Convención Nacional Demócrata de 1884.[1]
Inicios profesionais
[editar | editar a fonte]En 1882 foi nomeado secretario adxunto do Tribunal do Distrito Leste de Tennessee.[7] En 1885 colexiouse en Tennessee e comezou a exercer a avogacía, logo de establecer o seu propio despacho en Chattanooga, Tennessee.[2][4]
A principios da década de 1890, perdeu a maior parte dos seus aforros intentando electrificar o sistema de tranvías de Knoxville.[1][9] En 1892 trasladouse a Nova York e alí coñeceu a Francis R. Pemberton, fillo do xeneral confederado John C. Pemberton, con quen constituíu a compañía Pemberton and McAdoo, dedicada á venda de valores de investimento.[7]
En 1895, McAdoo regresou a Knoxville e recuperou o control de parte da súa empresa de tranvías en creba, que fora vendida en poxa pública. Nos meses seguintes, comezou unha disputa co empresario de Ohio C.C. Howell polo control do sistema de tranvías da cidade, que culminou nun confuso incidente coñecido como "a Batalla de Depot Street". Os litixios posteriores como consecuencia deste incidente favoreceron a Howell, polo que McAdoo abandonou os seus proxectos de tranvías en 1897 e regresou a Nova York.[9]
Cara a 1900, McAdoo asumiu a dirección dun proxecto para construír os túneles coñecidos como Uptown Hudson Tubes, baixo o río Hudson, para a conexión ferroviaria entre Manhattan e Nova Jersey.[4][7] As obras comezara xa en 1880 e, con McAdoo como presidente da Hudson and Manhattan Railroad Company, concluíronse os túneles para os pasaxeiros,[2][3] que se inauguraron en 1908.[1][10] McAdoo fíxose moi popular naquel momento e nunha entrevista de prensa declarou que o seu lema era "Que a poboación fique satisfeita!".[7][11]
Secretario do Tesouro dos Estados Unidos
[editar | editar a fonte]O político demócrata Woodrow Wilson arredou a McAdoo do mundo dos negocios logo do seu primeiro encontro en 1910, na estación de ferrocarril de Princeton, Nova Jersey.[1] En 1912 McAdoo pasou a traballar para a súa campaña presidencial como vicepresidente do Comité Nacional Demócrata e, logo de acceder á presidencia do país, Wilson nomeu a McAdoo como secretario do Tesouro, cargo que ocupou de 1913 a 1918.[4][12][13][14]
Como secretario do Tesouro, McAdoo recibiu do presidente a encarga de converter o Sistema da Reserva Federal dos Estados Unidos nun banco central operativo, logo da aprobación polo Congreso en 1913 da lei pola que se creaba o Sistema.[7] Na súa xefatura do Departamento do Tesouro, McAdoo tivo que facer fronte a unha grave crise financeira nas vésperas e no momento do estoupido da primeira guerra mundial, en xullo e agosto de 1914.[12][15]
O seu éxito á fronte desa institución nunha conxuntura tan complicada debeuse ás decididas accións que emprendeu, entre elas o mantemento da moeda estadounidense no padrón ouro ou o pechamento da Bolsa de Nova York durante un período sen precedentes de catro meses, para evitar que os europeos vendesen valores estadounidenses e cambiasen os seus beneficios por dólares e ouro.[7][12][15]
Para evitar que se repetisen as suspensións bancarias que asolaron os Estados Unidos durante o Pánico de 1907, McAdoo tamén invocou as disposicións monetarias de emerxencia da Lei Aldrich-Vreeland de 1908. Silber atribúe ás súas accións a conversión dos Estados Unidos nunha potencia financeira mundial.[15]
Do mesmo xeito que o presidente Wilson, McAdoo era segregacionista. Durante o seu mandato como secretario do Tesouro rompeu coa política establecida desde había tempo e ordenou a implantación das coñecidas como "leis Jim Crow", que propugnaban a segregación racial, en todas as dependencias da institución, mesmo nas delegacións do norte do país, onde antes non estaban en práctica.[16] McAdoo declarou ao xornalista Oswald Garrison Villard que a segregación racial era necesaria no Tesouro para evitar friccións.[17]
Carreira política posterior
[editar | editar a fonte]Logo da entrada dos Estados Unidos na primeira guerra mundial en abril de 1917 creouse a Administración de Ferrocarrís dos Estados Unidos, para xestionar o sistema de transporte do país durante a guerra. McAdoo foi nomeado director xeral de Ferrocarrís,[1][3][7] cargo que ocupou ata o armisticio de novembro de 1918.[3][4]
En marzo de 1919, tras abandonar o gabinete de Wilson, McAdoo retomou a súa actividade como avogado,[4] logo de fundar o despacho McAdoo, Cotton & Franklin. Este despacho actuou como asesor xeral dos fundadores de United Artists, e McAdoo fíxose cunha participación do 20 por cento nas accións ordinarias da empresa, ata que en 1922 a abandonou e se trasladou a California, inicialmente para seguir co exercicio da avogacía e logo para se concentrar na súa carreira política.[4]
McAdoo presentouse dúas veces á candidatura demócrata para a presidencia, que perdeu ante James M. Cox, en 1920,[18] e ante John W. Davis, en 1924.[3][4][19][20] Durante a campaña previa ás eleccións presidenciais de 1920, McAdoo manifestou o seu apoio a medidas como a indemnización por lesións, o seguro de desemprego e a xornada laboral de oito horas, así como á idea dunha lexislación federal permanente no ámbito laboral, sinaladamente no relativo á indemnización por desemprego e o salario mínimo.[21]
Comprometido partidario da Lei Seca, a primeira candidatura presidencial de McAdoo foi desactivada pola delegación do estado de Nova York e outros opositores do Norte á prohibición do alcohol na Convención Nacional Demócrata de 1920.[22]
McAdoo foi elixido senador por California en 1933.[3][4] Promoveu a candidatura de Franklin Roosevelt e apoiou o New Deal, pero xa non se sentía cómodo co radicalismo crecente en California a mediados da década de 1930, e foi derrotado para a reelección como senador en 1938.[23]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]McAdoo casou coa súa primeira esposa, Sarah Hazelhurst Fleming (finada en 1912), o 18 de novembro de 1885, cando el exercía a avogacía en Chattanooga, Tennessee.[7] A parella tivo sete fillos: Harriet Floyd, Francis Huger, Julia Hazelhurst, Nona Hazelhurst, William Gibbs, Robert Hazelhurst e Sarah Fleming.[24]
O seu segundo matrimonio tivo lugar o 7 de maio de 1914, cando McAdoo residía en Washington, polas súas funcións coimo secretario do Tesouro. A súa esposa foi Eleanor Randolph Wilson, a filla máis nova do presidente Wilson[3], e o casamento tivo lugar na Casa Branca.[3][25] Tiveron dúas fillas: Ellen Wilson e Mary Faith.[24]
Este segundo matrimonio de McAdoo terminou coa solicitude de divorcio por parte da súa esposa en 1934,[26] que se formalizou en 1935. En setembro dese mesmo ano casou unha terceira vez, con case 72 anos, coa enfermeira Doris Isabel Cross (1909-2005), de 26 anos.[27][24]
Falecemento e legado
[editar | editar a fonte]McAdoo finou o 1 de febreiro de 1941 dun ataque ao corazón mentres viaxaba por Washington logo da terceira toma de posesión de Franklin D. Roosevelt,[28] e foi soterrado no Cemiterio Nacional de Arlington, en Virxinia.[4][29][30]
Entre as citas máis habituais de McAdoo destaca "É imposible derrotar un ignorante nunha discusión".[31][32] Tamén, en relación a Warren Harding, McAdoo dixo que as súas declaracións públicas eran "un exército de frases pomposas a moverse pola paisaxe na procura dunha idea".[33]
A casa onde naceu McAdoo fora adquirida polo seu pai o mesmo ano do nacemento de William, en 1863, e foi inscrita no Rexistro de Lugares Históricos dos Estados Unidos en 1978 co nome de "Casa de William Gibbs McAdoo".[34][35]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 "California's McAdoo". En Time. 22 de agosto de 1938. Páxina 1
- ↑ 2,0 2,1 2,2 "William Gibbs McAdoo". Encyclopedia.com
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 3,7 "William G. McAdoo". Encyclopaedia Britannica.
- ↑ 4,00 4,01 4,02 4,03 4,04 4,05 4,06 4,07 4,08 4,09 4,10 "McAdoo, William Gibbs. 1863-1941". Biographical Directory of the United States Congress.
- ↑ "Mary Faith Floyd McAdoo". Findagrave.com
- ↑ "William Gibbs McAdoo Sr.". Findagrave.com
- ↑ 7,00 7,01 7,02 7,03 7,04 7,05 7,06 7,07 7,08 7,09 Roabins, M. (2016). "Chattanooga's Secretary of the Treasury". En Chattanooga Times Free Press. 8 de maio.
- ↑ "McAdoo, John David (1824-1883)". Texas State Historical Association.
- ↑ 9,0 9,1 Deaderick, L. ed. (1976). Heart of the Valley: A History of Knoxville, Tennessee. East Tennessee Historical Society, Knoxville. Páxinas 216-228.
- ↑ "Trolley Tunnel open to Jersey". En The New York Times. 26 de febreiro de 1908
- ↑ Fitzherbert, A. (1964). "The Public Be Pleased: William Gibbs McAdoo and the Hudson Tubes". Electric Railroaders Association. Xuño.
- ↑ 12,0 12,1 12,2 Shook, D. N. (1987).
- ↑ "Four Men Certain in Wilson Cabinet; Bryan, McAdoo, Burleson, and Daniels Accept". En The New York Times. 26 de febreiro de 1913. Páxina 1.
- ↑ "Cabinet Members Sworn; McReynolds, Houston, and McAdoo Take Oath of Office". En The New York Times. 6 de marzo de 1913. Páxina 2.
- ↑ 15,0 15,1 15,2 Silber, W. L. (2007). When Washington Shut Down Wall Street: The Great Financial Crisis of 1914 and the Origins of America's Monetary Supremacy. Princeton University Press. ISBN 978-0-691-12747-7
- ↑ Packard, J. M. (2003). American Nightmare: The History of Jim Crow. St. Martin's Press. Páxinas 124 e seguintes. ISBN 978-1-4299-7919-1
- ↑ Yellin, E. S. (2013). Racism in the Nation's Service: Government Workers and the Color Line in Woodrow Wilson's America. UNC Press Books. Páxinas 162 e seguintes. ISBN 978-1-4696-0721-4
- ↑ Bagby, W. M. (1959). "William Gibbs McAdoo and the 1920 Democratic Presidential Nomination". En East Tennessee Historical Society's Publications. 31. Páxinas 43-58.
- ↑ Allen, L. N. (1963). "The McAdoo Campaign for the Presidential Nomination in 1924". En Journal of Southern History 29. Maio. Páxinas 211-228.
- ↑ Prude, J. C. (1972). "William Gibbs McAdoo and the Democratic National Convention of 1924". En Journal of Southern History. 38. Novembro. Páxinas 621-628.
- ↑ Chase, P. M. (2008). "William Gibbs McAdoo: The last Progressive, (1863-1941)". University of Southern California ProQuest Dissertations Publishing.
- ↑ Palmer, N. (2006). The Twenties in America: Politics and History. Edinburgh University Press. Páxinas 23-24. ISBN 978-0748620371
- ↑ Broesamle, J. J. (1974). "McAdoo, William Gibbs". En Garraty, J. A. (ed.). Encyclopedia of American Biography. Páxina 700.
- ↑ 24,0 24,1 24,2 "Descendants of William Gibbs McAdoo, 31 OCT 1863 - 1 FEB 1941". Ourfamtree.org
- ↑ "Eleanor Wilson Weds W.G. M'Adoo. President's Youngest Daughter and Secretary of Treasury Married at White House". En The New York Times. 8 de maio de 1914. Páxina 1.
- ↑ "Eleanor Wilson McAdoo Divorces Senator At Five-Minute Hearing on Incompatibility". En The New York Times. 18 de xullo de 1934. Páxina 1.
- ↑ "M'adoo Weds Nurse in Colonial Style; Senator, 71, and Bride, 26, Take Vows in Flower-Decked Home of Son-in-Law". En The New York Times. 15 de setembro de 1935.
- ↑ "William G. M'Adoo Dies in the Capital of a Heart Attack". En The New York Times. 2 de febreiro de 1941. Páxina 1.
- ↑ "McAdoo, William G, Sr". Army Cementeries Explorer.
- ↑ "William Gibbs McAdoo Jr.". Findagrave.com
- ↑ "It is impossible to defeat an ignorant man in an argument Arquivado 12 de marzo de 2023 en Wayback Machine.". FinestQuotes.com
- ↑ Northrup, C. C. (2011). The American Economy: A Historical Encyclopedia. Vol. 1. ABC CLIO, Santa Barbara. Páxina 280. ISBN 978-1-59884-462-7
- ↑ Purdy, M. (2011). "Harding’s Pompous Phrases". En Presidentialhistory.com. 12 de agosto.
- ↑ "William Gibbs McAdoo House". National Regiuster of Historic Places.
- ↑ "William Gibbs McAdoo House". National Park Service.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: William Gibbs McAdoo |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Broesamle, J. J. (1973). William Gibbs McAdoo: A Passion for Change, 1863-1917. Kennikat Press, Port Washington.
- Craig, D. B. (2013). Progressives at War: William G. McAdoo and Newton D. Baker, 1863-1941. Johns Hopkins University Press, Baltimore. ISBN 978-1421407180
- McKinney, Gordon B (1976). "East Tennessee Politics: An Incident in the Life of William Gibbs McAdoo, Jr". En East Tennessee Historical Society's Publications. 48. Páxinas 34-39.
- Prude, J. C. (1972). "William Gibbs McAdoo and the Democratic National Convention of 1924". En Journal of Southern History. 4. Páxinas 621-628.
- Radford, G. (1999). "William Gibbs McAdoo, the Emergency Fleet Corporation, and the Origins of the Public-Authority Model of Government Action". En Journal of Policy History. 11. 1. Páxinas 59-88.
- Shook, D. N. (1987). William G. McAdoo and the Development of National Economic Policy, 1913-1918. Garland Publishing, Nova York. ISBN 9780824080921
- Synon, M. (1924). McAdoo, the Man and His Times: A Panorama in Democracy. Bobbs-Merrill Co., Indianapolis.