Saltar ao contido

Caso Naseiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O caso Naseiro foi o termo xornalístico co que se coñeceu un caso xudicial de corrupción política que se coñeceu en España en 1990. Débelle o seu nome ao político de Vilalba Rosendo Naseiro, imputado no caso.

Acontecementos

[editar | editar a fonte]

Antecedentes

[editar | editar a fonte]

Entre 1989 e 1990, no marco dunha investigación por narcotráfico de cocaína en Valencia onde estaba afectado o irmán[1] do concelleiro do Partido Popular e exsecretario xeral desa formación en Valencia, Salvador Palop[2], a policía gravou unhas conversas que indicaban a existencia dun posible delito de financiamento ilegal do Partido Popular a nivel estatal. Nesa trama estarían presuntamente implicados o daquela tesoureiro do Partido Popular, o galego Rosendo Naseiro; Arturo Moreno[3], subssecretario xeral do PP para Asuntos Electorais; Eduardo Zaplana, daquela presidente do PP de Alacant (despois President da Generalitat e Ministro) [4][5]; José Luis Olivas[6], tamén concelleiro do PP na cidade de Valencia (e despois foi Concelleiro da xunta valenciana con Zaplana e máis tarde substituíuno como Presidente da Generalitat) ; Luis Janini, delegado en Valencia da empresa Dragados y Construcciones; José Balaguer, director-xerente da firma ETRA; Carlos Bonet, delegado en Valencia de Horta i Cia; e Francisco Javier Domínguez, arquitecto municipal de Cullera. Posteriormente sumaríase á lista o deputado popular por Valencia, Ángel Sanchis[7], que tamén fora tesoureiro da formación a nivel de Madrid e antecesor de Naseiro.

Trámite xudicial

[editar | editar a fonte]

Os principais acusados, Rosendo Naseiro e Salvador Palop, así como Javier Domínguez, Luis Janini, José Balaguer e Carlos Bonet, foron detidos o 9 de abril abril de 1990 e postos en liberdade poucos días despois baixo fianza, por orde do xuíz valenciano Luis Manglano.

Despois dos interrogatorios, o xuíz decidiu inhibirse e enviar o expediente chegou ao Tribunal Supremo, debido á condición de deputado de Ángel Sanchis, ao que Manglano cre que se debe procesar a teor dos interrogatorios. O fiscal do Supremo considerou os feitos constitutivos dun delito de suborno en grao de conspiración, e solicitou 3 meses de prisión e 9 anos de inhabilitación para Palop e Sanchis, e 3 meses de prisión e 4 anos de inhabilitación para Naseiro.

O Supremo arquivou a causa por mor das irregularidades na instrución do sumario: as escoitas telefónicas ordenáranse para investigar unicamente o caso de narcotráfico e, xa que logo, a súa utilización no presunto delito de financiamento ilegal non gozaba de supervisión xudicial. O tribunal ordenou a posterior destrución das cintas inculpatorias coas conversacións dos implicados que, no entanto, pódense ler nas hemerotecas, pero sen valor probatorio.

Trámite político

[editar | editar a fonte]

O caso Naseiro afectou o primeiro ano do mandato (1996-2004) de José María Aznar como presidente do Partido Popular, quen solicitou el mesmo a apertura dunha comisión de investigación no Congreso dos Deputados, que foi rexeitada pola maioría parlamentaria socialista, aínda que parte da súa información se recuperou en 1994 para unha comisión de investigación sobre financiamento dos partidos políticos.

Como consecuencia do proceso, diversos altos cargos do Partido Popular foron expulsados da formación[8], entre eles os imputados Ángel Sanchis e Rosendo Naseiro, e o concelleiro Salvador Palop deixou o seu posto[9]. Sanchis volveu logo da absolución á vida política, actuando como asesor económico do Partido Popular[10].