Colexio maior
Colexio maior ou colexio universitario é unha institución propia da universidade, que historicamente era unha parte esencial dela. Son similares ás residencias universitarias, pero diferéncianse delas en que nos colexios maiores, ademais de aloxamento, ofrécense actividades culturais, académicas, relixiosas ou deportivas. Na actualidade están desprovistos de funcións docentes e investigadoras, na maioría dos casos, que quedaron circunscritas ás facultades e escolas universitarias.
Historia
[editar | editar a fonte]Historicamente, especialmente nas universidades españolas desde a Baixa Idade Media ata fins do XVIII, un colexio maior era unha institución que daba formación universitaria de grados maiores (licenciatura e doutoramento), ademais de dar aloxamento aos estudantes. Ás veces eran unha especie de prolongación dunha Universidade e outras foron o xerme dunha Universidade. A miúdo eran fundacións de mecenas cun fin moi determinado (p.e. o Colexio Maior de Santiago o Zebedeo, de Salamanca foi creado polo arcebispo de Santiago, Alonso de Fonseca, para os estudantes galegos).
Funcionaban cunha grande autonomía; os profesores ían dar clases neles, aínda que logo os colexiais debían render exame na Universidade. Os propios colexiais rexían o seu Colexio nos aspectos administrativos e económicos e nomeaban reitor de entre eles. Os estudantes dos colexios de máis renome presumían durante toda a súa vida de pertencer a eles.
Na España do século XVII había seis Colexios Maiores; catro en Salamanca: os de San Bartolomeu ou Colexio Vello (1401),[1] de Cuenca (1500), de Santiago o Zebedeo (1519) e de Oviedo (1521); un en Valladolid: o de Santa Cruz (1482) e outro en Alcalá de Henares: o de San Ildefonso (1499).[2]
Tamén existían os Colexios Menores (ou simplemente Colexios), onde se daba o grado menor: Bacharelato; que por entón xa servía para exercer unha profesión.
En San Ildefonso, os estudantes podían ser bolseiros porcionistas cuxos estudos eran pagados por algunha institución ou por membros da alta nobreza, en ocasións en condición de asistentes dos novos membros desas casas nobres que acudían a estudar. Ambos tiñan que facer fronte a oito cursos dun ano de duración cada un (estudos de artes, dereito canónico, teoloxía).[3]
Fundados e dotados por clérigos de alto rango, os colexios estaban orixinalmente destinados aos estudantes de mérito pero de orixe modesta. Os colexios maiores apartáronse do seu destino inicial a medida que as prazas que ofertaban foron monopolizadas polos fillos da elite política española (aristocracia, nobreza e letrados), fenómeno que alcanzou unha rixidez total a partir de mediados do século XVII. Nun contexto de multiplicación dos títulos e escaseza de cargos a desempeñar, estes últimos aseguráronse, por cooptación, o acceso aos colexios de maior prestixio, a mellor opción como trampolín para acceder a brillantes carreiras nas funcións máis elevadas dos medios eclesiásticos ou nos consellos e audiencias. Para un sistema puxante de clientelismo e padroado, os colexios maiores convertéronse "nunha máquina formidable de reprodución dos servidores reais entre os fillos dos letrados",[4] contribuíndo a unha extensa captación de cargos e á pechadura do aparello do Estado. Desta forma, estes letrados representaban o 57,9 % dos membros do Consello de Castela con Filipe II (1578-1598-1621), o 68,5 % con Filipe IV (1605-1621-1665) e o 72,5 % con Carlos II (1661-1665-1700). De tal feito naceu sen dúbida o alcume de Colexio Maior que se aplicaba ironicamente a esa institución.[5]
Non se librou deste acaparamento de cargos a propia Universidade e tal cousa tamén ocorría coas cátedras, na que os "colexiais", acabaron coa anterior e saudable "meritocracia" cambiándoa por un elitismo "de berce". Como mostra, pode verse a lista de reitores de Salamanca que dá Alejandro Vidal y Díaz[6] na que, a partir de 1610, cóntanse moi poucos reitores que non sexan nobres ou fillos de nobres, cando en datas anteriores ocorría exactamente o contrario.
Os Colexios Maiores en España foron suprimidos temporalmente como consecuencia das reformas ilustradas, en 1798.
Na actualidade
[editar | editar a fonte]Actualmente, os Colexios Maiores son centros que proporcionan aloxamento e promoven a formación dos estudantes universitarios. Frecuentemente o centro atópase integrado nunha organización universitaria, pero outras veces son autónomos.
Hoxe en día diferénciase un Colexio Maior dunha Residencia de Estudantes en que no primeiro a organización de actividades formativas, culturais, deportivas e ata gran peso da organización do mesmo recae sobre os mesmos residentes, considerándose necesario este tipo de xestión interna para a formación e capacitación dos colexiais.
Os colexios maiores están situados normalmente nas inmediacións do campus. En xeral, adoitan ofrecer unha serie de servizos demandados polos estudantes universitarios, desde o aloxamento e a manutención ata lavandería e biblioteca, pasando por cine, concertos, excursións ou deportes. En Latinoamérica estas institucións teñen a denominación de Residencia Universitaria, moito máis adecuada pola súa función actual, posto que non se dan clases no seu recinto (non son Colexios). Tamén reciben os nomes de pensión ou pensión universitaria.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Vidal y Díaz, Alejandro (1869). Memoria histórica de la Universidad de Salamanca: redactada en virtud de ... p. 298.
- ↑ Lorenzo Arrazola. Enciclopedia española de derecho y administración (tomo IX). Madrid: Imprenta de la Revista de Legislación y Jurisprudencia; 1856. p.694-708.
- ↑ Michel Cassan (dir), Les sociétés anglaise, espagnole et française au XVIIe, CNED/SEDES, 2007, p. 276
- ↑ Michel Cassan (dir), op.cit., p. 280
- ↑ Michel Cassan (dir), Ibid
- ↑ Alejandro Vidal y Díaz: Memoria histórica de la Universidad de Salamanca: redactada en virtud de ...