Saltar ao contido

Colleita vermella

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Colleita vermella
Título orixinalRed Harvest
Autor/aDashiell Hammett
OrixeEstados Unidos
Linguainglés
Xénero(s)Novela negra
Editorial Alfred A. Knopf, Inc.
Galicia Editorial Hugin e Munin
Data de pub. 1929
Galicia 2016
ISBNISBN 978-84-944503-3-2
Premios
TraduciónDiego Ameixeiras
editar datos en Wikidata ]

Colleita vermella[1] (en inglés: Red Harvest) é a primeira novela do autor estadounidense Dashiell Hammett, publicada por Alfred A. Knopf, Inc. o 1 de febreiro de 1929. A obra está inspirada nunha cidade mineira do estado de Montana rebautizada como Personville e chamada despectivamente (e en alusión á corrupción imperante)[2] Poisonville ("Cidade-Veleno") polo narrador e protagonista, o Axente da Continental. O primeiro libro de Hammett foi serializado na revista Black Mask en catro entregas mensuais.

Estilisticamente, coas súas frases breves e os seus diálogos nos que os personaxes intercambian continuos lategazos e coas súas escenas de tiroteos, emboscadas e persecucións, Colleita vermella supuxo un dos primeiros exemplos do encontro dos relatos de detectives e a linguaxe cinematográfica. Ademais, Hammett rompeu coa tradición do detective que resolve os casos a través da lóxica e a dedución, tipo Auguste Dupin ou Sherlock Holmes, e presenta un personaxe típico das novelas Hard Boiled[3], un tipo que, aínda que posúe un extraordinario don da observación, resolve os casos pateando as rúas na busca de información e que é capaz de manipular a realidade ao seu antollo.

Foi traducido ao galego por Diego Ameixeiras,[4] e publicado por Editorial Hugin e Munin en 2016.[1]

O director responsable dos dous xornais da cidade mineira de Personville, fillo do magnate fundador da cidade, ponse en contacto cun detective de San Francisco para que acuda na súa axuda, pero cando este chega á cidade o xornalista é asasinado. Investigando o crime pescuda que catro matóns, coa complicidade do magnate, dominan a cidade. O millonario, pola súa vida e pola súa posición na cidade, contrata o detective que ía axudar o seu fillo a «limpar» Personville. Cando se descobre que o seu fillo foi asasinado por celos e non polos matóns, pretende que o detective deixe a investigación, pero o axente non dá marcha atrás e consegue enfrontar os catro mafiosos para que se aniquilen entre si[5].

Personaxes

[editar | editar a fonte]
O Axente da Continental
Definido polo personaxe de Dinah Brand como «un tipo gordo e cos seus anos, duro de roer e testalán», este personaxe sen nome será o que máis relatos de Hammett protagonizará, xa que ademais de en Colleita vermella aparece na novela The Dain Curse, así como noutros 27 relatos de menor extensión. Os seus defectos físicos sálvaos grazas á súa grande astucia, a súa rapidez mental e a súa aguda observación; ademais, percorre incansablemente rúas e garitos en busca de confidentes que lle poñan sobre a pista correcta. Amais, o sabuxo caracterízase pola súa facilidade de palabra e a súa facilidade á hora de manipular os acontecementos, que no caso de Colleita vermella cústalle a desconfianza dun compañeiro, unha rifa do xefe e unha acusación de homicidio.
Dinah Brand
A “muller fatal” da novela, cun longo historial de amantes ás súas costas e unha grande ansia de diñeiro. Desempeña un papel fundamental no desenvolvemento de Colleita vermella porque motiva o primeiro dos asasinatos, que se produce por celos, e porque dá as claves para que o Axente da Continental poida enfrontar entre si aos matóns de Personville. O asasinato desta muller será un dos máis complicados de resolver para o axente, porque pasando a noite en casa dela e estando bébedo, á mañá seguinte atópaa morta. O axente que non lembra nada do que pasou aquela noite chega a sospeitar da súa propia culpabilidade.
Elihu Willsson
Foi o dono único da cidade até que unha folga dos mineiros o origou a acudir aos matóns, aos que dá renda solta para resolver o conflito e logo non pode botar. Despois de que Yakima o Anano tente matalo no seu domicilio, Elihu Willsson contrata o Axente da Continental para limpar «o crime e a corrupción política en Personville». Aínda que logo se arrepinte deste contrato, o detective non aceptará abandonar o caso e logrará facerlle entrar en razón chantaxeándoo cunhas cartas de amor que o magnate lle escribira a Dinah Brand.
Noonan
O xefe de policía de Personville é un dos catro matóns que dominan a cidade; a ollos do narrador, " home gordo de ollos averdados e brillantes, afundidos nun rostro redondo e xovial"- O seu estilo consiste en deter a quen convén e en utilizar métodos pouco pacíficos nos interrogatorios. O presunto asasinato do seu irmán Tim por Max Thaler será a escusa utilizada polo detective para enfrontar a ambos os dous, aínda que o Axente da Continental sabe que Thaler non foi o asasino.
Max Thaler
Alcumado o Rouco, Max Thaler é outro dos matóns. Controla o xogo na cidade e padece a traizón da súa amante, Dinah Brand, que lle revela, por erro, como asasino do irmán do xefe de policía. Logra escapar de Noonan tras ser detido, pero non da rabia de Dan Rolff, namorado de Dinah Brand, cando o cre culpable da morte desta.
Pete o Finlandés
O mafioso que se encarga do contrabando de alcol é quizais o máis poderoso dos catro, pero a súa alianza coa policía non será suficiente fronte á unión dos homes de Max Thaler e Reno Starkey. Durante o “encontro de paz” celebrado na casa de Elihu Willsson para acabar coas mortes e enfrontamentos entre as bandas do catro matóns, é o único que fai un chamamento á calma.
Lew Yard
O matón que se encarga de autorizar os roubos na cidade e dar saída aos botíns é o primeiro dos catro en caer a consecuencia da traizón dun dos seus propios homes.
Reno Starkey
É un dos homes que traballan para Lew Yard até que decide traizoalo e asasinalo para ocupar o seu posto, algo para o que tamén termina coa vida de Jerry, a man dereita de Max Thaler. Tamén será o encargado de pór fin á vida de Pete o Finlandés e Max Thaler, ademais da de Dinah Brand.
Peak Murry
Traballa primeiro para Lew Yard e logo para Reno Starkey, e os seus salóns de billar son un coñecido lugar de reunión. Era, xunto con Jerry, George Nelly e O’Brien, a coartada de Max Thaler para o asasinato de Tim Noonan, pero traizóao cando a policía o chama a declarar.
Bill Quint
O Axente da Continental defíneo como “un fulano sindicalista”, e el asegura que el é o que manda sobre os mineiros de Personville. Aparece só nos primeiros capítulos, nos que conta ao detective a situación da cidade e fala sobre os mafiosos. Foi outro dos amantes de Dinah Brand.
Donald Willsson
O primeiro cadáver de Colleita vermella. É o director dos dous xornais de Personville, medios que utiliza para loitar contra a corrupción imperante na cidade. Donald Willsson pide que lle envíen un detective desde San Francisco ao sospeitar que se atopa en apuros. Aínda que nun principio parece que o seu asasinato se debe a un axuste de contas, xa que acudiu á casa de Dinah Brand a comprar papeis que comprometían os mafiosos e a Elihu Willsson, logo compróbase que foi un crime pasional. A súa muller, que  seguiu pensando que se ía a atopar cunha amante, contempla o seu asasinato, pero Max Thaler, que tamén ve como o matan, aconséllalle que non diga nada para que non a incriminen.
Mickey Lineham, Dick Foley e o Vello
Os dous primeiros son compañeiros do Axente da Continental que acoden a Personville para lle botar unha man. O primeiro permanecerá xunto ao protagonista até o final, pero Dick Foley creo culpable da morte de Dinah Brand e regresa a San Francisco. En canto ao Vello, tamén alcumado Poncio Pilatos, é o director da axencia e só aparece na narración mediante telegramas e alusións.
Stanley Lewis e a súa filla Hanna Cornal Lewis
Son os secretarios de Elihu Willsson e Donald Willsson, respectivamente. A moza pon o Axente da Continental sobre a pista dun cheque entregado por Donald a Dinah.
Os Albury
O primeiro dos Albury que aparece na acción é un traballador do banco e ex-amante de Dinah Brand. Coñecedor de que Donald Willsson estendeu un cheque a nome de Dinah, que abandonou o mozo pola súa falta de solvencia económica, espera a que Willsson salga da súa casa para dispararlle. Ademais, cita no lugar a esposa do director dos xornais e a Max Thaler, entón amante de Dinah Brand, confiando en que sexan eles os que o maten ao pensar que asistían a unha cita amorosa.
Tamén ten importancia na acción Helen Albury, irmá do anterior. Confiando na inocencia do novo, aluga unha casa fronte á de Dinah para espiar e demostrar a inocencia do seu irmán. Debido a isto, comproba que o Axente da Continental pasou a noite con Dinah Brand cando esta foi asasinada, información que pon primeiro en mans do avogado Charles Proctor Dawn e, despois, da policía.
Nick, o Mangallón
Axente da policía que dispara contra o detective cando este se dispón a entrar nun dos garitos de Max Thaler. Cae abatido por un tiro do Axente da Continental.
Ike Bush/Al Kennedy
Boxeador subornado por Max Thaler para que se deixe gañar nun combate. Aproveitándose do pasado delituoso do deportista, revelado por Bob MacSwain, o Axente da Continental, ademais de estender pola cidade o sopro de que o combate estaba amañado por Thaler, ameaza a Ike con entregalo á xustiza e logra que Ike Bush venza no combate, frustrando os plans de Max Thaler. Ademais, o detective dá a nova información a Dinah Brand, que logra gañar unha importante suma de diñeiro coas apostas, gañando así a súa confianza.
Dan Rolff
Home enfermo que vive con Dinah Brand, de quen está namorado. Culpa a Max Thaler do asasinato da súa amada e decide vingar a súa morte.
Myrthe Jennison
Ex-amante de Max Thaler, cre que Tim dixo antes de morrer que este o matou, pero ten medo do seu noivo e decide deixar que se crea que foi un suicidio. Durante a acción de Colleita vermella atópase ingresada no hospital, preto de morrer, e por iso non ten inconveniente en asinar unha declaración contra Thaler.
Bob MacSwain
Ex-policía corrupto e verdadeiro asasino de Tim. Aprovéitase dun malentendido de Myrthe Jennison coas últimas palabras de Tim, para que non lo descubran e a axuda a facer crer que se tratou dun suicidio.
Tim Noonan
Irmán do xefe de policía. Asasinado por MacSwain. As súas últimas palabras indican que o matou Max. Refírese a MacSwain pero non pode acabar de pronunciar o nome. Myrthe interpreta que se refire a Max Thaler.
Jerry
Man dereita de Max Thaler. Morre durante o atraco ao banco a mans de Reno Starkey, que o utiliza para que se crea que o asalto é cousa de Thaler.
McGraw
Substituto de Noonan na xefatura de policía tras ser asasinado.
Ted Wright
Home de Max Thaler.
Charles Proctor Dawn
Avogado de dubidosa reputación que se encarga da defensa de Albury, e ao que este rexeita. Sabe da presenza do Axente da Continental na casa de Dinah Brand cando esta foi asasinada, polo que se cita co detective. Pero antes de celebrarse o encontro é asasinado por Hank O’Marra. Tamén é contratado por dous policías para subornar a Elihu Willsson coas cartas de amor que escribiu a Dinah Brand.
Hank O’Marra
Home ás ordes de Reno Starkey.
Tommy Rubins
Xornalista da Prensa Consolidada. Non aparece directamente na narración, pero é utilizado polo detective para obrigar a Elihu Willsson a pórse en contacto coas autoridades e que solucionen a situación da cidade mediante a intervención da garda nacional. En caso de negarse, o axente faríalle chegar as cartas de amor que escribiu a Dinah Brand.
Axentes Shepp e Vanaman
Policías que rexistran a casa de Dinah Brand tras ser asasinada, ocasión que aproveitan para desvalixar a residencia. Ademais, atopas as cartas de amor escritas por Elihu Willsson, coas que confían facer un suculento negocio.

Como proba da violencia de Colleita vermella e da complexidade da súa trama, basta sinalar que na novela se narran até 26 mortes violentas, aínda que o número de falecidos na historia é superior. No capítulo vinte, titulado “Láudano”, o Axente da Continental, durante unha conversación con Dinah Brand, fai un reconto dos asasinatos que até entón houbo, un total de dezaseis:

Esta cidade infernal tenme farto. Se non lisco canto antes, voume converter nun matón perralleiro de vez, coma os de aquí. Que pasou? Unha ducia de asasinatos, como mínimo, desde que cheguei. Donald Willsson; Ike Bush; os catro italianos e o policía en Cedar Hill; Jerry; Lew Yard; Jake o Holandés; Blackie Whalen e Put Collings no Silver Arrow; Nick o Mangallón, ao que liquidei eu mesmo; o rapaz louro que matou aquí o Rouco; Yakima o Anano, o que lle entrou na casa ao vello Elihu; e agora Noonan. Son dezaseis en menos dunha semana, e os que están por chegar.

Efectivamente, os crimes proseguen, e apenas hai que esperar un capítulo para que apareza o seguinte cadáver, o de Dihan Brand acoitelada cun picaxeos, ao que seguirán os corpos sen vida do avogado Charles Proctor Dawn, de Dan Rolff, Max Thaler e Reno Starkey.

A todas as anteriores quedan por engadir as mortes producidas nos masacres no almacén de whisky de Pete o Finlandés e no asalto ao cárcere para liberar a Max Thaler. Non se di en ningún momento cantas persoas perden a vida exactamente, pero durante a acción si se narran as mortes dun vixía da banda de Pete o Finlandés, de Hank O’Marra, dun dos homes da banda de Reno, do propio Pete e, por último, dun home da banda de Reno alcumado o Gordo.

  1. 1,0 1,1 Hammett, Dashiell (2016). Colleita vermella. Traducido por Diego Ameixeiras (1ª ed.). Santiago de Compostela: Editorial Hugin e Munin. ISBN 9788494540332. 
  2. Mais que a história, forte deste Hammett é a linguagem, recensión da edición brasileira da obra na Folha de São Paulo o 24 de agosto de 2002 (en portugués).
  3. Hardboiled, Terse, Straightforward Arquivado 14 de decembro de 2017 en Wayback Machine., análise da obra no sitio web de documentación académica e estudantil Shmoop.com (en inglés).
  4. Editorial Hugin e Munin (ed.). "Catálogo da Editorial Hugin e Munin (actualizado o 1 de xaneiro de 2019)" (PDF). p. 42. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 03 de abril de 2019. Consultado o 26 de marzo de 2019. 
  5. Resumo da trama en enotes.com (en inglés).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]