Escultura
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde agosto de 2015.) |
A escultura[1] (do latín sculptūra) é unha das belas artes que representa imaxes plásticas de relevancia total ou parcial. Existen varias técnicas de traballar os materiais para a creación dun obxecto. A diferenza da pintura, a cal se crea nun plano -un espazo ficticio de dúas dimensións-, a escultura é unha forma de expresión artística en tres dimensións o vulto redondo, ou de relevo, altorrelevo ou baixorrelevo, todo empregando o espazo real. O escultor actúa sobre diferentes materiais que transforma mediante procesos de talla e modelaxe, que son os métodos tradicionais. O emprego de diferentes combinacións de materiais e medios orixinou un novo repertorio artístico que comprende procesos co construtivismo e ensamblado. As técnicas escultóricas consisten principalmente en retirar ou xuntar ou moldear materia ou ben dando forma a un obxecto, sexa cal for a súa dimensión ou material usado. Nun sentido xenérico, enténdese por escultura a obra de arte plástica feita polo escultor.
Giorgio Vasari (1511-1573), empeza Le vite de' più eccellenti pittori, scultori e architettori cun prólogo técnico que fala de arquitectura, escultura e pintura, unhas disciplinas agrupadas baixo a denominación de «artes do deseño». A obra é un tratado informativo e valioso sobre as técnicas artísticas empregadas na época. En referencia á escultura comeza así:
... o escultor saca todo o superfluo e reduce o material á forma que existe dentro da mente do artista.
Dende tempos remotos o home tivo a necesidade de esculpir. Ao principio fíxoo cos materiais máis simples e que tiña máis á man: pedra, arxila e madeira. Despois empregou ferro, bronce, chumbo, cera, xeso, plastilina, resina de poliéster e plásticos con reforzo de fibra de vidro, formigón, a cinética e a reflexión da luz, entre outros. A escultura tivo no seu principio unha única función, o seu uso inmediato; posteriormente engadiuse unha función ritual, máxica, funeraria e relixiosa. Esta funcionalidade foi cambiando coa evolución histórica, adquirindo unha principalmente estética ou simplemente ornamental e chegou a ser un elemento duradeiro ou efémero.
O día 6 de marzo celébrase o Día Internacional do Escultor, en lembranza da data de nacemento de Miguel Anxo Buonarroti, acontecida nese día de 1475[2].
Técnicas
[editar | editar a fonte]Existen fundamentalmente tres maneiras de abordar a creación dunha obra tridimensional, a modelaxe, a talla e a ensamblaxe.
- A modelaxe: o método consiste en engadir ou retirar materia arredor dun ou varios centros que se tornarán "a alma" da escultura. Esta técnica de modelaxe aplicase nos materiais ditos "plásticos", é dicir susceptíbeis de se deformar de xeito reversíbel baixo o efecto de forzas mínimas (arxila, cera, escaiola e outras pastas diversas). En todo momento, a materia pode ser retirada ou engadida, os trasacordos están autorizados (ata un cero punto, porén). A elasticidade dos materiais permite rexistrar as impresións máis fuxidías cunha total liberdade. A limitación principal do material reside na súa resistencia con frecuencia abondo feble. O secado lento da escultura é a etapa seguinte para a arxila e a escaiola, o arrefriado para a cera e a cocción para a arxila seca.
- A talla: hai dúas técnicas fundamentais para traballar deste xeito : a talla directa, ou desbastado, e a talla de posta a punto.
- A ensamblaxe: e a técnica que consiste en unir pezas diversas dun mesmo ou distintos materiais.
Nos seus últimos escritos, Joan Miró afirmou aínda que no futuro, se podería imaxinar esculturas que utilizasen os gases como material. Facéndolle eco, Louis Leygue, no seu discurso de recepción en honra de Nicolas Schöffer, como membro Academia "des Beaux-Arts", definía así a escultura :
«A escultura pode realizarse consonte tres procedementos : o que consiste en despoxar de materia un bloque compacto, esoutro que consiste en modelar unha materia mol para crear formas, e en fin aqueloutro que consiste en fabricar o que un queira realizar. »
Materiais
[editar | editar a fonte]Tradicionalmente, os materiais utilizados na escultura son polo xeral de orixe mineral, a pedra, a arxila, pasta Fimo, que se secan nun forno ou as arxilas que secan ao aire libre en 24 h., mais poden tamén ser metais (bronce, ferro, aceiro, aluminio, estaño etc.) ou mesmo de orixe animal como o almafí, ou vexetal como a madeira, e aínda certas froitas, legumes ou cucurbitáceass (a cabaza de Halloween). A escultura moderna e contemporánea utiliza tamén o téxtil (de feito utilizado desde o século XVI), o vidro, o sal, a area (cfr. os castelos de area), o xeo, a auga, os cristais líquidos e outros materiais fabricados polo ser humano, de xeito que non importa moito cal sexa o obxecto empregado.
A escultura pode permanecer núa ou ser pintada (como as imaxes do Pórtico da Gloria con coloración hoxe practicamente desaparecida, como desapareceran os da fachada do Obradoiro) ou patinada.
Arxila
[editar | editar a fonte]A arxila (caolín, barro) é un dos materiais máis antigos empregado polos humanos, por ser fácil de modelar e non neceistar utensilios especiais, xa que se pode utilizar simplemente as mans. Co barro pódense sacar moldes para despois traballar con outros materiais ou facer reproducións. Se se emprega como material definitivo debe cocerse; neste caso recibe o nome de terracota. Para a preparación do barro, os procesos de industrialización modificaron e alixeiraron o traballo manual de prensar e relar a arxila. Atópanse no mercado bloques preparados para o uso dos escultores.[3]
Pedra
[editar | editar a fonte]Este material emprégase dende a antigüidade por atoparse de forma abondosa na natureza. Para traballar a pedra precísanse ferramentas especiais. A pedra utilizouse nas Venus paleolíticas, en estatuas gregas e nas posteriores copias romanas, nas obras de grandes escultores do renacemento como Michelangelo, Donatello ou Bernini e emprégase dende moito tempo atrás en monumentos públicos de todo o mundo.[4]
As pedras máis comúns na escultura son a calcaria, mármore, arenito, alabastro, granito ou pedra de gra e diorita, esteatita, cuarzo e xade.
Estuco
[editar | editar a fonte]O estuco é unha pasta conseguida a base de cal, po de mármore, area e cola de caseína. Empregouse xa na Grecia e na Roma antiga para facer moldes. A arte islámica utilizouno tallándoo como adornos que se poden ver na Alhambra de Granada. No renacemento volveu rexurdir a súa aplicación para baleirados de xeso do natural, é dicir, sobre diversas partes do cuerpo humano e para facer máscaras mortuorias. Quizais foi no barroco cando máis se utilizou, como motivo decorativo nos teitos de palacios. No século XX, escultores como George Segal ou Claes Oldenburg realizaron obras figurativas en xeso.[5][6]
Metal
[editar | editar a fonte]As placas de cobre, bronce, ouro e prata pódense utilizar na técnica de elaboración directa, que se traballa con martelo, burís ou punzóns. Con pezas pequenas ou de baixorrelevos úsase o repuxado. Para a realización dunha escultura exenta e en maior tamaño emprégase un corpo duro normalmente de madeira que se cobre con betún para a mellor adhesión das chapas que se fixan con cravos ou con costuras por medio de fíos metálicos, hai que ir golpeando o metal e para seguir o traballo, hai que quentar as láminas conseguindo así elasticidade ao metal. Despois deta primeira parte, a obra retócase cos burís e os punzóns. Antigamente, estas esculturas realizábanse moito para o seu uso como relicarios, deixando o interior baleiro para a custodia de reliquias.[7]
O aceiro corten é un tipo de aceiro fabricado cunha composición química que fai posible que a súa oxidación quede máis protexida ante a corrosión atmosférica. Por iso, moitos artistas utilízano como un dos materiais máis axeitados para expor a súa obra á intemperie.
Madeira
[editar | editar a fonte]É un material moi prezado polos escultores polas súas propiedades físicas e bos resultados. Hai moitos tipos de madeira e en función da súa cualidade pode deixarse a escultura na súa cor natural ou polo contrario tinxir con anilinas á auga ou ao alcohol, policromarse ou protexela con goma laca. As madeiras chamadas nobres adoitan deixarse na súa cor natural, protexidas cunha cera neutra. Son a nogueira, carballo, faia, cedro e caoba entre outras.[8]
Almafí
[editar | editar a fonte]O almafí obtense dos cairos dalgúns animais, en especial dos elefantes. O uso ornamental do tallado xa se producía no Antigo Exipto e Mesopotamia. É doado de cortar e se se queren obter superficies planas córtanse os cairos lonxitudinalmente e mergúllanse nunha mestura de aceite de améndoas con vinagre; ao absorber este líquido abrándase e pode modelarse lixeiramente.[9]
Formigón
[editar | editar a fonte]O uso do formigón na escultura é relativamente novo e adquiriu máis importancia a medida que aumentou a súa utilización nas fachadas arquitectónicas dos edificios. Sobre o formigón pódense conseguir texturas diferentes co uso de ciceis ou limas. É un material económico e permite a súa exposición ao aire libre. Henry Moore empregouno en varias obras.[10] Utilízase facendo un baleirado sólido dentro dun molde de xeso empapado en auga, para evitar que ao pór a mestura de formigón, absorba a auga que leva a mestura. Convén que a masa do formigón sexa o máis compacta posible para que manteña a súa densidade homoxénea e para evitar burbullas de ar ao final. Pódense utilizar moldes realizados con caixóns de madeira previamente untados con graxas ou aceites.[11]
-
Sheik-el-Beled, escultura de madeira (Museo Exipcio do Cairo)
Formas
[editar | editar a fonte]Distínguense dúas grandes categorías de esculturas : o relevo e o vulto redondo.
- O relevo : é a escultura que permanece ligada a un fondo sólido, mais parte dela se destaca ou sobresae dese fondo. Segundo o grao de proxección das figuras a respecto do fondo, os relevos son cualificados distintamente : le relevo esmagado (stacciato relievo) : o relevo moi feble. O contornos das figuras son apenas apreciábeis (p.ex.: certos relevos asirios).
- O baixorrelevo (do italiano basso-relievo) : a proxección dunha figura por encima da superficie de fondo é inferior á metade do seu espesor. Diferenciase ás veces o semi-relevo (mezzo-relievo) : o avance da figura ao exterior con respecto ao fondo é igual ou lixeiramente superior á metade do seu espesor.
- O altorrelevo (italiano: alto-relievo) : as formas son case completas en volume, porén permanecen aínda ligadas a un fondo. Algunhas partes (membros, cabeza) poden estar completamente libres.
- A entalladura: relevo no que o obxecto está inciso no espesor da superficie de traballo. Esta técnica foi usada polos exipcios, de onde vén que ás veces se denomine "relevo exipcio", pero, en realidade, xa se utilizara no Paleolítico Superior.
- O vulto redondo: trátase dunha escultura concibida de xeito que pode ser observada desde tódolos lados. Ou desde case tódolos lados: o vulto redondo repousa sobre o chan e con frecuencia está colocado nun nicho.
Lémbrese a un Michelangelo a xogar con estes dous principios, executando estatuas nas que as personaxes emerxen do bloque de mármore, mais non completamente.
Outras formas
[editar | editar a fonte]-
Estatua vulto redondo: Apolo do Belvedere nos Museos Vaticanos.
-
Baixorrelevo: Cleopatra e seu fillo Cesarión no templo de Denderah.
-
Busto: Voltaire por Jean-Antoine Houdon.
-
Torso, de Auguste Rodin.
-
Escultura cinética: Móbil en Stuttgart de Alexander Calder.
Algunhas formas comúns de esculturas occidentais son:
- Estatua: son as esculturas illadas que representan unha entidade específica tridimensional.
- O busto, representación dunha persoa desde o torso para arriba.
- A escultura ecuestre, mostra unha persoa significada da cabalo.
- Fonte ou chafariz: a escultura está deseñada con auga móbil.
- Xoiaría, calquera tipo de ornamento persoal realizado con pedras ou metais preciosos ou incluso materiais máis pobres.
- Instalación (inglés: Site-Specific Art), forma tridimensional complexa, ligada dun xeito permanente a un espazo aberto ou pechado, no que poden incluírse elementos como o tempo, iluminación, son, mass-media e compoñentes cinéticos
- A escultura cinética implica aspectos da física de movemento, como as fontes ou os móbiles.
- A vídeo escultura emprega o vídeo como elemento escultórico para a representación tridimensional.[12]
Ata certo punto a maioría da arte pública é escultura.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para escultura.
- ↑ "Día Internacional del Escultor" (en castelán). Consultado o 8.03.2024.
- ↑ Maltese 2001: p.85
- ↑ Fuga 2004: p.153
- ↑ Midgley 1982: p.141
- ↑ Fuga 2004: p.167
- ↑ Fuga 2004: p.158-159
- ↑ Medina Ayllón 2006: p.21
- ↑ Fuga 2004: p.150
- ↑ Midgley 1982: p.160
- ↑ Midgley 1982: p.165
- ↑ Groves, Jeff David (2004-09-30). Video sculpture:spatio-temporal warping (en inglés). Texas A&M University. Consultado o 2020-12-03.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Escultura |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Fuga, Antonella (2004). Técnicas y materiales del arte. Barcelona: Electa-Mondadori. ISBN 84-8156-377-3.
- Maltese, Conrado (2001). Las técnicas artísticas. Madrid: Cátedra. ISBN 84-376-0228-9.
- Medina Ayllón, Juan María; Pascual, Eva (2006). La talla en madera. Barcelona: Parramón. ISBN 84-342-2888-2.
- Midgley, Barry (1982). Escultura, modelado y cerámica. Madrid: Hermann Blume. ISBN 9788487756290.