Fragmentación (reprodución)
- Para outros usos do termo fragmentación ver Fragmentación (homónimos)
En bioloxía, a fragmentación ou fagmentación clonal é un tipo de reprodución asexual que se dá en organismos multicelulares ou coloniais, fundamentalmente, no cal o organismo se divide en fragmentos que maduran e orixinan novos individuos clónicos.
A fragmentación pode ser intencionada (parte do ciclo vital normal) ou non. Os casos non intencionais poden ocorrer accidentalmente por danos naturais ou causados por depredadores ou provocados polo ser humano. Os organismos que presentan fragmentación poden desenvolver órganos específicos ou zonas que se poden desprender ou descamar facilmente. Se a división ocorre sen unha previa preparación do organismo, ambos os fragmentos deben poder rexenerar o organismo completo para que funcione como unha reprodución.
A fragmentación como método de reprodución pode observarse en moitos organismos desde cianobacterias filamentosas, a mofos, liques, moitas plantas, e animais como esponxas, turbelarios, algúns anélidos, e estrelas de mar.
A fragmentación en fungos e liques
[editar | editar a fonte]Os mofos, lévedos, e cogomelos, todos os cales forman parte do reino dos fungos, producen pequenos filamentos chamados hifas. Estas hifas obteñen alimentos e nutrientes de materia orgánica do medio ou do corpo doutros organismos para crecer e reproducirse. Cando unha parte das hifas se desprende crece formando un novo individuo.
Moitos liques producen estruturas especializadas que poden facilmente desprenderse e dispersarse. Estas estruturas conteñen hifas do micobionte (fungo) e células do ficobionte (alga ou bacteria fotosintética) que rexeneran un lique completo, e que se denominan soredios e isidios. Poden desprenderse tamén fragmentos máis grandes do talo cando os liques secan ou por lesións mecánicas.
Plantas
[editar | editar a fonte]A fragmentación é un tipo moi común de reprodución vexetativa nas plantas. Moitas árbores, arbustos, plantas perennes non leñosas e fentos poden formar colonias clonais producindo novos talos que enraízan a partir de estolóns ou rizomas. Se un destes talos enraizados se separa da colonia, produciuse unha fragmentación. Outros mecanismos de fragmentación natural en plantas son:
- Produción de estruturas reprodutivas especializadas que orixinan novos individuos: Algunhas plantas producen plantiñas adventicias nas súas follas, que se desprenden e dan lugar a plantas independentes, por exemplo, en Tolmiea menziesii e Kalanchoe daigremontiana. Outras producen órganos como bulbilos nas axilas das follas (en certos Lilium) e nas flores (en certos Allium) e turións, que son xemas nos talos de plantas acuáticas como Potamogeton.
- Partes non especializadas que se desprenden con facilidade e poden orixinar novas plantas: Algunhas plantas leñosas como os salgueiros depréndense de forma natural de pequenas poliñas que poden rexenerar unha nova planta. Este fenómeno denomínase cladoptose. Estas ramiñas funcionan como esgallos que poden enraizar en condicións axeitadas e dar lugar a unha nova planta. As correntes dos ríos poden ás veces arrancar fragmentos de pólas de certas especies de lamigueiros que viven nas ribeiras dos ríos, e estes fragmentos poden orixinar novas plantas.[1] Algúns cactos e outras plantas teñen talos articulados. Cando un destes segmentos do talo cae pode enraizar e formar unha nova planta. As follas dalgunhas plantas enraízan facilmente se caen, por exemplo Sedum e Echeveria.
- A fragmentación tamén se dá en plantas non vasculares, como por exemplo nas hepáticas e musgos. O vento, a auga ou os animais poden dispersar pequenos anacos de musgos, e estes freagmentos nun ambiente favorable poden dar lugar a unha nova planta. [2] As hepáticas producen xemas que se desprenden e distribúen.
Animais
[editar | editar a fonte]Animais como esponxas e colonias de corais fragméntanse de forma natural para reproducirse. Moitas especies de anélidos e platihelmintos tamén se reproducen así.
Cando a fragmentación se produce como resultado de cambios no estado de desenvolvemento do organismo utilízanse os termos arquitomía, paratomía e xemación.
Na arquitomía a animal divídese nun determinado punto da súa anatomía e os dous fragmentos orixinados rexeneran os órganos e tecidos que lles faltan ata formar organismos completos. A fragmentación neste caso non está precedida do desenvolvemento dos tecidos que se van perder. Antes da fragmentación o organismo forma fendas na zona onde se vai producir a división. O fragmento que carece de cabeza ten que rexenerar unha nova cabeza, e o que lle falta a cola, unha nova cola.
Na paratomía, a división ocorre perpendicularmente ao eixe anteroposterior e a división está precedida dunha "prexeración" das estruturas anteriores na porción posterior. Os dous organismos teñen os seus eixes corporais aliñados, é dicir, desenvólvense da cabeza á cola. A xemación pode considerarse similar en moitos aspectos á paratomía, pero os eixes do corpo non teñen por que estar aliñados: a nova cabeza ou zona oral pode crecer cara a un lado ou cara a abaixo (por exemplo, no verme platihelminto acelo Convolutriloba retrogemma).[2][3]
Corais
[editar | editar a fonte]Moitos tipos de colonias de coral poden aumentar o número de individuos na colonia por fragmentación, que ocorre como un fenómeno natural (rotura de ramas de coral polas tormentas)[4] ou artificial. Nos acuarios con corais, os donos poden fragmentar os corais con distintos propósitos para reproducilos. Entre os xéneros que son moi tolerantes á fragmentación están: Acropora, Montipora, Pocillopora, Euphyllia, e Caulastraea entre moitos outros.
Equinodermos
[editar | editar a fonte]Nos equinodermos, o proceso coñécese xeralmente como fisiparidade (un termo que menos frecuentemente se usa tamén para referirse á fisión en xeral). Algunhas especies poden reproducirse deliberadamente desta maneira por medio de autotomía. Este método é máis común durante os estados larvarios.[5][6]
Desvantaxes deste proceso de reprodución
[editar | editar a fonte]Como este proceso é unha forma de reprodución asexual, non produce diversidade xenética na descendencia, o que o fai máis vulnerable aos cambios ambientais. Pero en determinadas condicións pode servir para aumentar rapidamente a poboación, o que pode ser unha vantaxe.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Rood, S.B., Kalischuk, M.L., and Braatne, J.H. 2003. Branch propagation, not cladoptosis, permits dispersive, clonal reproduction of riparian cottonwoods. Forest Ecology and Management 186: 227–242. [1]
- ↑ Åkesson, Bertil; Robert Gschwentner; Jan Hendelberg; Peter Ladurner; Johann Müller; Reinhard Rieger (2001-12-01). "Fission in Convolutriloba longifissura: asexual reproduction in acoelous turbellarians revisited" (PDF). Acta Zoologica 82 (3): 231–239. ISSN 1463-6395. doi:10.1046/j.1463-6395.2001.00084.x. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04 de marzo de 2016. Consultado o 2011-07-13.
- ↑ Egger, Bernhard (December 2008). "Regeneration: rewarding, but potentially risky" (PDF). Birth Defects Research. Part C, Embryo Today: Reviews 84 (4): 257–264. ISSN 1542-9768. doi:10.1002/bdrc.20135. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 11 de agosto de 2011. Consultado o 2011-07-13.
- ↑ Lirman, Diego (2000-08-23). "Fragmentation in the branching coral Acropora palmata (Lamarck): growth, survivorship, and reproduction of colonies and fragments" (PDF). Journal of Experimental Marine Biology and Ecology 251 (1): 41–57. ISSN 0022-0981. doi:10.1016/s0022-0981(00)00205-7. Consultado o 2011-07-13.
- ↑ Helen Nilsson Sköld, Matthias Obst, Mattias Sköld, & Bertil Åkesson (2009). "Stem Cells in Asexual Reproduction of Marine Invertebrates". En Baruch Rinkevich, Valeria Matranga. Stem Cells in Marine Organisms. Springer. p. 125. ISBN 978-90-481-2766-5.
- ↑ "W. K. Fisher. Asexual reproduction in the starfish, Sclerasterias" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 23 de setembro de 2015. Consultado o 08 de xullo de 2014.