Operación Pokémon
Atención: Este artigo ou apartado precisa dun traballo de revisión. Por favor, vexa a lista de problemas indicados neste modelo e de acordo coas indicacións. Cando os problemas se resolvan, retire esta mensaxe, pero non quite esta mensaxe ata que estea todo solucionado. De ser posible, sería mellor substituír este marcador por outro máis específico. (Desde decembro de 2016) |
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde decembro de 2016.) |
Este artigo (ou sección) está desactualizado(a). A información fornecida mudou ou é insuficiente. |
A Operación Pokémon é unha pescuda xudicial desenvolvida en Galicia desde setembro de 2012 en relación con distintos episodios de suposta corrupción, e onde se viron envoltos algúns políticos galegos, como o alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez, o alcalde de Boqueixón, Adolfo Gacio, ou o ex concelleiro de Urbanismo de Lugo, Francisco Fernández Liñares.
Foron imputadas preto dun centenar de persoas entre directivos empresariais, políticos e funcionarios, convertendo a Pokémon na maior trama de corrupción destapada en Galicia.
Caso
[editar | editar a fonte]A xuíza instrutora do caso é Pilar de Lara Cifuentes, titular do xulgado número 1 de Lugo. Esta xuíza fora a responsable da investigación da Operación Carioca, outra pescuda xudicial de suposta corrupción empresarial e política. A xuíza requiriu información sobre sospeitosos dese caso Carioca á Axencia Tributaria, o organismo de fiscalización das taxas e impostos de España, e os resultados da Axencia levaron á conexión cun novo abano de implicados. Segundo a hipótese inicial, un grupo empresarial con sede en Madrid, Véndex, houbo de recibir contratos por parte de distintas administracións públicas en Galicia en troques de pagamentos ou subornos a cargos directivos, entre eles dous alcaldes. Véndex é un grupo formado por unha trintena de firmas que se dedican a distintos labores de asistencia ás administracións públicas, como á limpeza, ao mantemento de colexios, á asistencia social ou ao cobro de aparcadoiros públicos.
O nome da operación venlle do costume dos pokémon de alcumárense entre eles, como os membros da trama[1].
Detencións e implicacións políticas
[editar | editar a fonte]A pescuda levou aparellada a detención de diversos cargos directivos do grupo Véndex, o rexistro das súas sedes en Asturias, Madrid e Galicia, e a posterior detención de persoas que ostentaban responsabilidades de contratación en catro concellos de Galicia: Ourense, Santiago de Compostela, Lugo e Boqueixón. En Boqueixón foi detido o alcalde Adolfo Gacio (Partido Popular), que quedou en liberdade logo de aboar unha fianza de 10.000€. En Ourense foi detido o alcalde, Francisco Rodríguez (PSdeG), que permaneceu detido e incomunicado durante dous días antes de prestar declaración e quen despois foi liberado cunha fianza de 6.000€ á espera de xuízo. En Santiago o detido foi o xefe do servizo de contratación do concello, mentres que en Lugo foi detido o antigo concelleiro de Urbanismo, Francisco Fernández Liñares (PSdeG), que posteriormente fora director da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil[2]. Liñares recoñeceu a súa implicación na trama logo dun interrogatorio de dez horas. Liñares foi enviado á prisión incomunicada de Monterroso á espera de xuízo, mentres Gervasio Ronaldo Rodríguez, o dono dunha das empresas (Véndex), foi ingresado no cárcere de Bonxe, tamén incomunicado.
O luns 24 de setembro o alcalde de Boqueixón, Adolfo Gacio, dimitiu do seu posto. Ao día seguinte o BNG rompía o acordo de goberno en Ourense e deixaba o alcalde Rodríguez en minoría, ao tempo que o PSdeG o apartaba da militancia. Rodríguez, que non dimitiu nun primeiro momento, fíxoo ao longo da semana seguinte.
As detencións continuaron nos días seguintes, derivadas dos interrogatorios aos primeiros detidos. Por exemplo, as declaracións de Liñares permitiron descubrir que ata cincuenta empresas estaban implicadas na trama. Entre as detencións da segunda quenda estivo a do xefe da policía local de Ourense, que quedou en liberdade baixo fianza, a do concelleiro do BNG en Ourense, Fernando Varela, tamén en liberdade baixo fianza, a do concelleiro do PSdeG en Cospeito, Manuel Pico, así como as de diversos empresarios, ou a do anterior coordinador da policía local de Lugo, xa xubilado[3].
Resultado
[editar | editar a fonte]Polo momento, a pescuda xudicial atópase en proceso de instrución. A xuíza levantou o segredo de sumario en xaneiro de 2014.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ ¿Por qué recibiu o nome de Pokemon? Arquivado 01 de novembro de 2012 en Wayback Machine. (PDF), De luns a venres, páxina 4, 25 de setembro de 2012 (en galego).
- ↑ "El alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez, en el juzgado de Lugo para declarar por la operación Pokémon", La Voz de Galicia, 22 de setembro de 2012 (en castelán).
- ↑ "La trama salpica al BNG y provoca el caos en el Ayuntamiento de Ourense", El País, 27 de setembro de 2012 (en castelán).