Saltar ao contido

Toyotomi Hideyoshi

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaToyotomi Hideyoshi

Editar o valor en Wikidata
Nome orixinal(ja) 豊臣秀吉 Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento17 de marzo de 1537 Editar o valor en Wikidata
Nakamura-ku, Xapón (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Morte18 de setembro de 1598 Editar o valor en Wikidata (61 anos)
Fushimi-Momoyama, Xapón (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaXapón Editar o valor en Wikidata
Daijō Daijin (pt) Traducir
1587 – 1598 – Tokugawa Ieyasu →
Kampaku (pt) Traducir
1585 – 1591
← Konoe Sakihisa (pt) TraducirToyotomi Hidetsugu (en) Traducir →
Dainagon (pt) Traducir
Daimiô (pt) Traducir
Naidaijin (pt) Traducir
Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
RelixiónXintoísmo Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónpolítico, comandante, Ashigaru (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Período de tempoSéculo XVI Editar o valor en Wikidata
Carreira militar
Rango militarsen valor Editar o valor en Wikidata
Outro
TítuloDaimiô (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
FamiliaQ11518060 Traducir, Hashiba clan (en) Traducir e Clã Toyotomi (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
CónxuxeNene
Himeji Dono
Maa-hime
Hirosawa no Tsubone
Getsukei'in
En'yū-in
Minami no Tsubone
Konomae
Yodo-dono
Minami Dono
Kyōgoku Tatsuko
Kai-hime
Sanjō-dono Editar o valor en Wikidata
FillosHashiba Hidekatsu
 ()
Toyotomi Tsurumatsu
 () Yodo-dono
Toyotomi Hideyori
 () Yodo-dono Editar o valor en Wikidata
PaisKinoshita Yaemon Editar o valor en Wikidata  e Ōmandokoro Editar o valor en Wikidata
IrmánsAsahihime
Toyotomi Hidenaga
Tomo Editar o valor en Wikidata
ParentesToyotomi Hidetsugu, fillo adoptivo
Yūki Hideyasu, fillo adoptivo
Kobayakawa Hideaki, fillo adoptivo
Toyotomi Hidekatsu, fillo adoptivo
Ikeda Terumasa, fillo adoptivo
Ikeda Nagayoshi, yūshi
Gōhime, fillo adoptivo
Maeda Kikuhime, fillo adoptivo
Chikurin-in, fillo adoptivo
Oeyo, fillo adoptivo
O-hime, fillo adoptivo
Itohime, fillo adoptivo (incerteza)
Hachijō Toshihito, yūshi
Konoe Sakiko, yūshi
Hashiba Hidekatsu, fillo adoptivo
Maa-hime, fillo adoptivo
Q108491335, fillo adoptivo
Yodo-dono, fillo adoptivo
Ohatsu, fillo adoptivo
Youkouin, fillo adoptivo
Ukita Hideie, yūshi
Date Hidemune, yūshi Editar o valor en Wikidata
Sinatura Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteEnciclopedia Larousse en liña
Grande Enciclopedia de Cirilo e Metodio
Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Editar o valor en Wikidata
BNE: XX6011112 WikiTree: 豊臣-4 Find a Grave: 20258 Editar o valor en Wikidata

Toyotomi Hideyoshi (豊臣秀吉), nado o 2 de febreiro de 1537 e finado en Fushimi-Momoyama o 18 de setembro de 1598, foi un daimio do período Sengoku que unificou o Xapón. É coñecido polas súas invasións de Corea e por deixar un abundante legado cultural, incluíndo a restrición de que só membros da clase samurai puidesen portar armas. De orixe humilde, Hideyoshi converteuse nun dos homes máis importantes da época, e as súas reformas políticas pacificaron efectivamente o país e sentaron as bases do shogunato Tokugawa.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Pouco se coñece con certeza sobre a vida de Hideyoshi antes de 1570, cando o seu nome comeza a aparecer en documentos e cartas que aínda se conservan. A súa autobiografía iníciase en 1577, mais nela Hideyoshi fala moi pouco sobre o seu pasado. A tradición di que naceu en Nakamura-ku, Nagoya, na provincia de Owari, fogar do clan Oda. Non tiña unha liñaxe samurai evidente; o seu pai, chamado Yaemon,[1] servira como ashigaru nos exércitos de Oda Nobuhide, pai de Oda Nobunaga, ata que foi ferido en batalla e tivo que regresar aos labores de agricultura. Debido a circunstancias de nacemento Hideyoshi non tivo apelido. O nome que se lle deu na súa infancia era Hiyoshimaru (Agasallo do Sol) aínda que existen variacións sobre o mesmo.

Moitas lendas relatan que Hideyoshi foi enviado a estudar a un templo cando era rapaz, mais que renunciou ao modo de vida do templo e fuxiu na procura de aventuras. Baixo o nome de 'Kinoshita Tokichiro', uniuse ao clan Imagawa como servente do gobernador local Matsushita Kahei. De aí viaxou ata as terras de Imagawa Yoshimoto, daimio da provincia de Suruga, e serviu aí durante un tempo, ata que fuxiu cunha suma de diñeiro que lle encargara o samurai Matsushita Yukitsuna.

Comezos no clan Oda

[editar | editar a fonte]

Preto de 1557 regresou a Owari e uniuse ao clan Oda como un humilde servente. Converteuse nun dos portadores de sandalias de Nobunaga, e estivo presente na batalla de Okehazama de 1560, na cal Nobunaga derrotou a Imagawa Yoshimoto e se converteu nun dos señores da guerra máis poderosos do período Sengoku. Tempo despois fóronlle encargadas tarefas máis importantes. En 1561, Hideyoshi casou cunha aristócrata chamada Nene; para ese entón a súa nai contraera segundas nupcias cun tal Chikuami, con quen tivo a Hashiba Hidenaga, o seu medio irmán.[2] Hideyoshi tivo moito éxito como diplomático. En 1564 conseguiu, en boa medida por medio de subornos, que un grupo de samurai se separasen do clan Saitō, da provincia de Mino; entre eles estaba o grande estratego Takenaka Hanbei. A fácil vitoria de Oda Nobunaga sobre os Saitō en 1567 debeuse en gran parte aos seus estrataxemas.

A pesar das súas orixes humildes, Hideyoshi converteuse nun dos xenerais máis distinguidos de Oda Nobunaga, e finalmente tomou o nome 'Hashiba Hideyoshi' (羽柴 秀吉). Ese nome derivábase de dous caracteres, cada un tomado dos nomes de dous dos xenerais máis importantes de Nobunaga, Niwa Nagahide (丹羽 長秀) e Shibata Katsuie (柴田 勝家). Así mesmo, Hideyoshi era unha personaxe moi pintoresca, en especial como xeneral e despois como mandatario. Baixo de estatura e delgado, os seus trazos peculiares facíano parecido a un mono, razón pola cal Nobunaga, coñecido por ser groseiro, o chamaba Saru (mono) e a «rata calva». Sobre el dicíase que gozaba bastante do licor e das mulleres, e que cando era novo facía amigos con facilidade. Tiña un sentido innato para a manipulación e para ver as intencións dos outros homes, atributos que sen dúbida o axudaron no seu ascenso a través dos rangos do clan Oda.[2]

En 1570 mandou as tropas de Nobunaga durante a batalla de Anegawa, na cal Oda Nobunaga se aliou con Tokugawa Ieyasu para asediar dúas fortalezas dos clans Asai e Asakura.[3] Tres anos despois, tralo éxito das campañas contra os Asai e Asakura, Nobunaga nomeou a Hideyoshi daimio de tres distritos na parte norte da provincia de Ōmi. Inicialmente radicado na capital do clan Asai en Odani, Hideyoshi desprazouse a Kunitomo, e renomeou a cidade Nagahama en honor a Oda Nobunaga. De aí dirixiuse á cidade costeira de Imahama, onde comezou a traballar no castelo Imahama, e tomou control da próxima fábrica de armas de Kunimoto que fora establecida algúns anos atrás polos Asai e os Asakura. Baixo a administración de Hideyoshi a produción da fábrica incrementouse drasticamente.[4]

Ascenso ao poder

[editar | editar a fonte]

O 20 de xuño de 1582 Oda Nobunaga e o seu fillo foron asasinados no templo Honnōji, en Kyoto, polas tropas de Akechi Mitsuhide, xeneral de Nobunaga. O incidente, coñecido como «incidente de Honnō-ji», trouxo consigo grandes oportunidades non só para Mitsuhide, senón tamén para Hideyoshi e o clan Mōri, dependendo de cal dos dous descubrise as noticias primeiro. A Mitsuhide convíñalle que o xefe do clan Mōri, Terumoto, fose o primeiro en decatarse, pois probablemente estaría en condicións de enfrontar e conter o exército de Hideyoshi. Non obstante, o mensaxeiro que Mitsuhide enviou coas novas da morte de Nobunaga foi capturado en menos de 48 horas e a carta que levaba con el foi entregada a Hideyoshi.[2] Hideyoshi sabía que tiña que aproveitar a oportunidade: dos xenerais do clan Oda, só el e Shibata Katsuie, o xeneral en xefe do clan, eran capaces de tomar a iniciativa para vingar a Nobunaga. Nese momento Katsuie atopábase no medio dunha contenda co clan Uesugi na provincia de Etchū, razón pola cal tardou en enfrontar a Mitsuhide. Por outra banda, aínda que Hideyoshi estaba en condicións de chegar rapidamente a Kyoto, tiña antes que enfrontar o clan Mōri, que non estaban enterados da morte de Oda Nobunaga.[2]

Dende abril de 1582, o clan Oda achábase en guerra co clan Mōri. Nese contexto, baixo ordes de Nobunaga, Hideyoshi emprendeu o asedio ao castelo Takamatsu, considerado unha fortaleza impenetrable. O castelo estaba defendido por Shimizu Muneharu, un dedicado guerreiro que rexeitara varios intentos de suborno.[2] Nese tempo Hideyoshi notara que o castelo xacía sobre unha chaira baixo o nivel do mar, e ordenou que se desviasen as augas do próximo río Ashimōrigawa cara ao castelo, anegándoo.[2]

Oda Nobunaga

Se quería aproveitar a coxuntura e chegar a Kyoto, Hideyoshi debía tomar o castelo o máis axiña posible, pois só así o clan Mōri estaría disposto a negociar. Foi entón que Hideyoshi decidiu comunicarse directamente con Shimizu Muneharu e lle prometeu que non danaría nin a súa familia nin os seus soldados se se rendía. Muneharu, quen coñecía as deplorables condicións en que se atopaban os seus soldados pola inundación do castelo, aceptou a proposta e cometeu seppuku. Hideyoshi entón apresurouse a establecer negociacións de paz cos Mori, e Terumoto acordou ceder as provincias ocupadas polo clan Oda: Hōki, Mimasaka e Bitchū.[2]

Así, apenas dous días despois do asasinato de Nobunaga, Hideyoshi ingresou a Takamatsu e despois non tardou en realizar preparativos para avanzar cara á capital, Kyoto. Pero primeiro se dirixiu á provincia de Settsu, á que chegou tras catro días de marcha forzada. Aí tomou a Mitsuhide desprevido e derrotouno na batalla de Yamazaki. Entón os xenerais de Nobunaga reuníronse para elixir un sucesor formal para dirixir o clan. Por unha banda, o xeneral en xefe do clan Oda, Shibata Katsuie, apoiou a Oda Nobutaka como posible sucesor do seu pai. En cambio, Hideyoshi decidiu levarlle a contraria apoiando o neto máis vello de Nobunaga, Oda Hidenobu.[5]

O tema da sucesión foi acaloradamente debatido nas «Conferencias de Kiyosu», onde o dominio do clan Oda foi dividido entre os máis importantes xenerais; Hideyoshi recibiu as provincias de Yamashiro, Tamba e Kawachi, mentres que Shibata retivo Echizen e agregou Ōmi ao seu feudo. Takigawa Kazumasu, opoñente de Hideyoshi en Kiyosu, recibiu Ise, a cal fortificou en caso de que ocorrese unha guerra. Non se chegou a un acordo.[2] Quizais todo o asunto fose unha simple formalidade para Hideyoshi, co fin de establecer a súa lexitimidade como sucesor de facto de Nobunaga e imporse sobre os seus opositores. Esta posibilidade pode fundamentarse nunha carta que enviou durante este período a unha das súas consortes novas, que dicía o seguinte:

Cando haxa tempo recuperarei Osaka e instalarei os meus homes aí. Ordenareilles que boten abaixo os castelos de todo o territorio e preveñan futuras rebelións e manteñan a nación en paz durante cincuenta anos.[2]

Cando se gañou o apoio de dous anciáns xenerais do clan, Niwa Nagahide e Ikeda Tsuneoki, Hideyoshi fortaleceu a posición de Hidenobu e ao mesmo tempo incrementou a súa influencia dentro do clan Oda. Axiña aumentou a tensión entre Shibata e Hideyoshi, dando lugar á batalla de Shizugatake, ao ano seguinte, na cal Hideyoshi derrotou a Shibata e se estableceu como sucesor de facto de Nobunaga, á fronte do clan Oda. En 1583, Hideyoshi comezou a construción do castelo Osaka. Non obstante, Hideyoshi aínda non se consolidara no poder dentro do clan. Outro fillo de Nobunaga, Oda Nobukatsu, aínda lle era hostil. Na primavera de 1584 Tokugawa Ieyasu e Nobukatsu aliáronse e comezaron a facer declaracións difamatorias contra Hideyoshi ao mesmo tempo que pedían o apoio dos outros clans.[2]

Castelo Osaka, reconstruído trala segunda guerra mundial

Ieyasu tomou a iniciativa e invadiu a provincia de Owari, mais o 7 de maio de 1584 Hideyoshi respondeu tomando o mando dun exército, que se encamiñou cara a esa provincia. Antes de que os dous bandos se enfrontasen, o xeneral Ikeda Nobuteru suxeriu a Hideyoshi que, como a maioría das tropas de Ieyasu estaban despregadas en Owari, podían atacar a provincia de Mikawa, relativamente indefensa. Consecuentemente, Tokugawa non tería outra opción máis que retirarse para facer fronte á ameaza, e nese momento Hideyoshi podería facer suficiente presión como para conseguir un arranxo.[2] Hideyoshi aprobou o plan e enviou a Nobuteru, que se fixo acompañar polos seus dous fillos máis vellos, a levalo a cabo. Desafortunadamente para a familia Ikeda, os moradores informaron a Ieyasu dos seus movementos, e este puido organizar o seu exército para sorprendelos pola retagarda, o 15 de maio preto de Nagakute. Durante a batalla de Nagakute, Nobuteru e o seu fillo Yukisuke morreron e o exército fuxiu. Entón en vez de enfrontarse ao poderoso Ieyasu, Hideyoshi decidiu atacar o seu aliado Nobukatsu, que tiña un exército que era moito máis vulnerable. Nobukatsu sufriu unha serie de derrotas, e para decembro estaba ansioso por conseguir unha solución diplomática á crise. Finalmente asinou a paz con Hideyoshi, e Tokugawa non tivo outra opción que asinar a paz en xaneiro. Así acabou o pretexto para a guerra entre os clans Tokugawa e Hashiba. Finalmente Tokugawa consentiu en converterse en vasalo de Hashiba Hideyoshi.

Unha vez rematadas as hostilidades con Tokugawa, Hideyoshi dispúxose a consolidar os dominios do clan Oda. Como territorios persoais tomou as provincias centrais e máis importantes, mentres que nos restantes territorios designou como gobernadores tanto os antigos dependentes do clan como os seus seguidores persoais. Existía un método decidido para a maioría das súas ratificacións e recompensas, as cales eran empregadas para manter intactos os seus novos dominios. A eficacia destas disposicións quedou demostrada polo feito de que as terras dentro das fronteiras establecidas en 1584 do dominio de Hideyoshi se mantiveron virtualmente libres de rebelións ata a súa morte. Máis alá desta esfera inmediata, as relacións fortalecéronse cos clans Mōri e Uesugi; ambas as familias esencialmente convertéronse en obedientes vasalos a pesar de que eran tratados como aliados.[2]

En recoñecemento aos seus logros, a corte imperial outorgoulle o título de naidaijin en abril, o mesmo mes en que el atacou os monxes guerreiros dos complexos budistas Negoroji e Saiga da provincia de Kii e os someteu. o complexo Negoroji foi destruído, mentres que o complexo Saiga foi salvado unha vez que os monxes se renderon. Hideyoshi entón dispúxose a conquistar Shikoku. Chosokabe Motochika, para entón amo daquela illa, hai tempo en teoría se opuxera a Hideyoshi, aínda que o único que fixo foi derrotar a Sengoku Hidehisa, un guerreiro de Shikoku aliado con Hideyoshi. De todos os xeitos, Hideyoshi aínda podía considerar aquilo como pretexto, e demandou ao clan Chosokabe que entregase as provincias de Iyo e Awa. Motochika solicitou que só Awa fose entregada, un intento de negociación que incitou a Hideyoshi a ordenar unha invasión.[2]

Na máis grande operación efectuada durante o período Sengoku, un total de 90 000 guerreiros desembarcou en Shikoku en xuño, entre forzas de Hideyoshi e o clan Mōri. Tras pouco máis dun mes de vaga resistencia, Motochika rendeuse. Apartándose claramente das políticas de Oda Nobunaga, Hideyoshi mostrou ao derrotado Chosokabe indulxencia. Motochika foi obrigado a entregar Iyo, Awa e Sanuki, mais foille permitido que conservase Tosa. O grupo de dependentes do clan Chosokabe tamén foi indultado, e agardábase que Motochika continuase como cabeza do seu clan. O acontecido cos Chosokabe contrastaba co que Nobunaga fixo cos clans Asai, Asakura e, especialmente, Takeda, os cales foron erradicados tras seren derrotados. Hideyoshi podía darse o luxo de ser xeneroso co clan Chosokabe, e máis tarde, o clan Shimazu, pois estaban na periferia da política xaponesa e tamén resultaron ser aliados útiles e agradecidos.[2] En comparación, Hideyoshi xamais perdoaría a Shibata Katsuie, e a súa política cara á resistencia por parte das clases inferiores non era moi diferente á de Nobunaga. En todo caso, a conquista de Shikoku enviou unha poderosa mensaxe aos demais daimio: catro provincias foran sometidas nun mes e medio, e os Mōri, unha das familias máis poderosas do Xapón, acometeran a invasión ás ordes de Hideyoshi.

Exercicio da rexencia imperial

[editar | editar a fonte]
Blasón do clan Toyotomi

Hideyoshi desexaba o título de shōgun para poder ser considerado o gobernante activo do Xapón. Non obstante, o emperador do Xapón non podía outorgar tal distinción a unha persoa de orixes humildes. Entón solicitou ao último sogún Muromachi, Ashikaga Yoshiaki, que o aceptase como fillo adoptivo, mais Yoshiaki refusou. Tras verse imposibilitado de converterse en shōgun, o 6 de agosto de 1585 adquiriu a máis prestixiosa posición de «Rexente Imperial» (Kanpaku), un feito notable, pois ata entón todos os rexentes foran membros do clan Fujiwara.[6] Para agregar algo de lexitimidade ao seu novo posto, conseguir ser adoptado por Konoe Sakihisa, un nobre cortesano.[2] Hideyoshi tratou os asuntos domésticos coa mesma velocidade e amplitude coa que lanzaba as súas guerras; estableceu un equipo de cinco administradores (bugyō) para administrar Kyoto e publicou un edicto no que se convertían en ilegais os gremios (za) de comerciantes. Unha serie de agrimensuras a todas as terras circundantes comezaron case inmediatamente e contra 1597 realizáranse en todo o país.

Así mesmo, para ocultar as súas orixes humildes, dedicouse ao estudo da cerimonia do té xaponesa e da poesía. En novembro de 1585 Hideyoshi mostrou a súa agudeza cultural cunha gran cerimonia do té realizada no santuario de Kitano,[7] un evento extravagante onde se mostraron os mellores artigos de cerámica e que proveu uns poucos afortunados a oportunidade de que o Kanpaku persoalmente les preparase o , a tal punto que Hideyoshi serviu 803 persoas nun só día.[2] Nunca se vira algo parecido en máis dun século, e Hideyoshi superou o shōgun Ashikaga Yoshimitsu en canto a extravagancia, quizais coa intención de facer permanecer o seu nome na posteridade. O 29 de setembro de 1586 Hashiba Hideyoshi adoptou o nome 'Toyotomi', que consistía en caracteres que significan ‘Ministro xeneroso’. Así mostraba a súa intención de gobernar o Xapón.[2]

Taboleiro de go utilizado por Toyotomi Hideyoshi e Tokugawa Ieyasu

Pero aínda tiña que superar dous obstáculos para facer o seu soño realidade: por un lado, tiña que derrotar o clan Shimazu, que estaba a punto de conquistar a provincia de Bungo, podendo así controlar por completo a illa de Kyūshū; e por outro tamén debía derrotar o clan Hōjō, que gobernaba a vasta rexión de Kantō e tiña unha forte posición defensiva grazas ás murallas do Castelo Odawara e ás montañas de Hakone. Como se apoderara de Shikoku, Hideyoshi podía concentrarse en conquistar Kyūshū. O 12 de novembro de 1585 escribiu unha carta ao xefe do clan Shimazu, Yoshihisa, demandándolle que se retirase de Bungo. Yoshihisa á súa vez respondeu por medio dunha agresiva carta. En consecuencia, o 20 de febreiro de 1586 o exército de Hideyoshi desembarcou en Kyūshū, e o 6 de xuño derrotaron por completo o clan Shimazu. Aos poucos días desta batalla, Shimazu Yoshihisa presentouse ante Hideyoshi coa súa cabeza rapada e rendeuse. Hideyoshi aceptou a rendición e anunciou que permitiría ao seu clan reter as provincias de Satsuma, Ōsumi e o sur de Hyūga. Ordenouse a retirada de Yoshihisa e foi substituído polo seu irmán máis novo Yoshihiro como caudillo do clan.[2]

Hideyoshi construíu un suntuoso palacio, o Jurakudai, en 1587 e expulsou de Kyūshū os misioneiros cristiáns para obter o apoio dos budistas,[8] impedir que os estranxeiros interviñesen na política interna do Xapón ao brindar o seu apoio a quen eran críticos do seu goberno e evitar que a través do comercio cos estranxeiros os daimio tivesen a oportunidade de obter recursos para resistirse á autoridade central do seu goberno. O 9 de maio de 1588 foi anfitrión do emperador reinante, Go-Yōzei. Foi un evento elaborado que marcou o cumio da súa carreira: Hideyoshi, que no pasado foi un humilde portador de sandalias, fillo dun ashigaru, agora leía waka ao emperador e entretíñao cunha serie de abundantes festíns durante a súa visita de cinco días. Adicionalmente, fixo xenerosas contribucións ao tesouro imperial; é máis, podería afirmarse que Hideyoshi e a Corte imperial tiñan unha relación de dependencia mutua: Hideyoshi devolvía á corte o luxo e a pompa perdidos mentres que a corte, á súa vez, provía a Hideyoshi de lexitimidade.[2]

En agosto de 1588, Hideyoshi impulsou unha política controvertida que prohibía os campesiños portar armas. A súa intención era previr as insurreccións, e defendeuna con man dura. Despois, en 1591, promulgou o seu edicto sobre o Cambio de Status. Este último documento declaraba tres puntos: en primeiro lugar, todos os guerreiros que regresasen á vida de campesiños perderían a súa condición de samurai. En segundo lugar, todos os campesiños tiñan prohibido converterse en mercadores ou involucrarse en calquera forma de comercio. Por último, o edicto prohibía o emprego de guerreiros que abandonaran os seus antigos señores.[9] Con estas medidas claramente diferenciou os guerreiros dos campesiños, efectivamente rematou coas revoltas campesiñas e asegurou unha maior estabilidade no Xapón, aínda que sacrificou a liberdade individual dos seus cidadáns.

Durante a década de 1590 fixo escribir unha serie de obras de teatro sobre a súa vida, que el mesmo protagonizaba ante unha audiencia de nobres e daimios en Osaka. Entre 1592 e 1593, durante a invasión a Corea, protagonizou algunhas obras nos seus cuarteis xerais en Nagoya, e invitaba os seus homes a actuar nelas, incluíndo a Tokugawa Ieyasu.[2] Para entón controlaba gran parte do país, dende a baía de Kagoshima ata as montañas de Hakone e as fronteiras orientais da provincia de Echigo. Só o clan Hōjō e algúns daimios do norte do país estaban fóra da súa esfera de influencia. Deles, só os Hōjō constituían unha verdadeira ameaza, pois se Hideyoshi non os derrotaba, as ramificacións políticas que formarían serían daniñas.

En maio de 1590 Hideyoshi finalmente decidiu someter o clan Hōjō, atacándoo por tres frontes: as forzas de Tokugawa Ieyasu marcharon pola costa de Tōkaidō, os xenerais Sanada e Uesugi avanzaron cara á provincia de Kozuke e o xeneral Chosokabe, entre outros, desembarcaron en Izu. Os Hōjō optaron por encerrarse dentro das amplas defensas do castelo Odawara, estratexia que no pasado tivera éxito contra os invasores. O clan Hōjō confiaba en que o gran tamaño do exército despregado por Hideyoshi lle provocaría problemas, pois requiriría dun grande esforzo loxístico que facilmente podería fracasar. Non obstante, consciente disto, Hideyoshi delegou a loxística en expertos. Para manter a moral en alto levou ao campo de batalla actores, permitiu que se establecesen mercados para abastecer os seus soldados, e mesmo permitiu aos seus xenerais que mandasen traer ás súas esposas.[2] Finalmente, con poucas provisións e sen visos de que terminase a guerra, o clan Hōjō rendeuse.

A vitoria de Hideyoshi durante o asedio de Odawara contra o clan Hōjō na rexión de Kantō terminou co último rastro de resistencia contra a súa autoridade, e significou o fin do período Sengoku. Pouco tempo despois, o daimio Date Masamune presentouse perante el para amosar submisión, e tras unha breve campaña someteu o norte do país. Contra xaneiro de 1591 todo o Xapón fora unificado. En setembro de 1591 Hideyoshi viviu un momento de incerteza trala morte do seu fillo único, e único herdeiro, Tsurumatsu. Cando o seu medio irmán Hidenaga morreu pouco tempo despois, Hideyoshi nomeou o seu sobriño Hidetsugu como o seu novo herdeiro, adoptándoo en xaneiro de 1592. O 11 de febreiro Hideyoshi renunciou como Kanpaku para adoptar o título polo cal foi máis coñecido, Taikō (rexente retirado); o seu sucesor como Kanpaku foi Hidetsugu. Durante ese período o Xapón logrou un importante desenvolvemento no comercio co estranxeiro, pois Hideyoshi intentou abrir novas rutas comerciais a través do leste e o sueste asiático. Mesmo se formaron pequenos barrios nipóns en Manila. En 1592 Hideyoshi atreveuse a enviar unha carta ao Gobernador Xeral de Filipinas Españolas en Manila esixíndolle tributo e submisión.[10]

Invasión a Corea

[editar | editar a fonte]

A pesar de que a súa saúde se deterioraba, Hideyoshi en verdade desexaba lograr algunha fazaña para engrandecer o seu legado, e en consecuencia adoptou o soño de Oda Nobunaga dunha conquista xaponesa da China, levando a cabo dúas desafortunadas invasións a Corea. Xa en 1586 Hideyoshi contou ao daimio Mōri Terumoto as súas intencións expansionistas.[2] Dende 1587 Hideyoshi estivera en contacto cos coreanos para solicitarlles que permitisen as tropas xaponesas transitar a través do seu territorio cara á China. Os coreanos refusaron por completo negociar, e en abril e xullo de 1591 rexeitaron as demandas do Xapón. En agosto, Hideyoshi ordenou as preparacións para unha invasión a Corea.

O 23 de maio de 1592[11] as primeiras tropas xaponesas desembarcaron en chan coreano. Era un enorme exército de máis de 200 000 homes,[12] composto por forzas de varios clans, entre os que destacaban os Mōri, Chosokabe, Shimazu, Nabeshima, Katō e Konishi; estaba dividido en dúas forzas de asalto principais, comandadas por Konishi Yukinaga e Katō Kiyomasa. Partiron de Kyūshū e fixeron un rápido avance a través da península coreana. Hideyoshi non foi parte da expedición, e quedou en Kyūshū. Durante a primeira campaña, as tropas xaponesas venceron. En xuño[13] de 1592 os xaponeses xa ocuparan Seúl, e o rei coreano, Seonjo, escapara ao norte do territorio.[14] Para finais de xullo, o xeneral xaponés Konishi Yukinaga tomou Pyongyang. Mentres tanto, o xeneral Katō Kiyomasa desprazouse ao norte a través da península. En só catro meses as tropas de Hideyoshi tiñan unha ruta a Manchuria e ocuparon gran parte de Corea.

Porén, tres factores combináronse para provocar o fracaso da expedición: a intervención da mariña coreana, que baixo o mando do Almirante Yi Sun Sin axiña contraatacou a frota naval xaponesa, cortando a liña de subministración dos xaponeses; as guerrillas coreanas e a chegada de tropas chinesas aos arredores de Pyongyang. Os chineses, enviados en 1593 polo emperador Wanli da dinastía Ming, superaron en número os xaponeses, e obrigaron as tropas do xeneral Yukinaga a retirarse de Pyongyang en febreiro para non ser incomunicados. Kiyomasa tamén tivo que retirarse, e en xullo a operación militar xaponesa se detivo. Hideyoshi entón considerou conveniente negociar, e fixo unha audaz oferta: faría un alto o fogo sempre e cando, entre outras cosas, unha filla do emperador Ming lle fose entregada como concubina.[15] Os chineses non aceptaron ningunha das súas peticións, polo que as hostilidades se retomaron en 1597.[16]

Decadencia e deceso

[editar | editar a fonte]

En 1593 naceu o seu segundo fillo, Hideyori, razón pola cal a Hideyoshi se lle creou un problema, pois xa designara como herdeiro seu a Hidetsugu. Para evitar unha guerra pola sucesión Hideyoshi enviou a Hidetsugu ao exilio no monte Koya, e logo ordenoulle suicidarse en agosto de 1595. Os membros da familia de Hidetsugu que non seguiron o seu exemplo foron asasinados en Kyoto, entre eles 31 mulleres e varios nenos.[17]

Tras varios anos de negociacións, o 19 de marzo de 1597 Hideyoshi ordenou a volta á guerra en Corea despois de que os chineses ignorasen as súas demandas. Para xuño de 1598 a campaña perdeu forza e o número de guerreiros reduciuse a aproximadamente 60 000, baixo os xenerais do clan Shimazu, Shimazu Yoshihiro e o seu fillo Tadatsune. A segunda invasión de Corea foi un rotundo fracaso, selada polo «Milagre de Myongyang» do 26 de outubro,[18] no cal 16 navíos comandados por Yi Sun Sin derrotaron unha frota xaponesa de 133 navíos. Katō Kiyomasa e Asano Yukinaga foron illados na fortaleza de Ulsan e soportaron un longo e brutal asedio que durou ata 1598.[2]

Durante a campaña de Corea, Hideyoshi executou o 5 de febreiro de 1597 a vinte e seis cristiáns no outeiro Nishizaka ás aforas do porto de Nagasaki.[19]:160 Nela morreron seis frades franciscanos españois e mexicanos, tres irmáns xesuítas xaponeses e dezaoito asistentes xaponeses dos frades. Entre os franciscanos atopábase Felipe de las Casas que foi canonizado en 1862 converténdose así no primeiro santo nativo de América Latina.[20] As causas exactas do martirio son difíciles de determinar xa que Hideyoshi tolerara a presenza de misioneiros ata a data a pesar de promulgar en 1587 un edicto de expulsión dos clérigos cristián no Xapón.[19]:160-161

Vinte e seis mártires cristiáns de Nagasaki, século XVIII-XIX, Coro do templo da Recoleta, Cuzco (Perú)

En setembro de 1598, en medio da segunda invasión a Corea, Toyotomi Hideyoshi faleceu. A nova da súa morte mantívose en segredo polo Consello dos Cinco Rexentes (cinco Tairō) para preservar a moral das tropas. Non foi ata finais de outubro cando enviaron un decreto aos comandantes xaponeses para retirarse. As expedicións militares, en vez de fortalecer a súa posición e prestixio, deixaron diminuído o tesouro do clan Toyotomi e os seus vasalos como responsables do fracaso, razón pola cal os clans que lle foron leais aos Toyotomi se debilitaron.

Trala morte de Hideyoshi, o «Consello dos Cinco Rexentes» debía gobernar o Xapón ata que o seu fillo, Hideyori, fose maior de idade. Non obstante, Tokugawa Ieyasu separouse do Consello. Finalmente, na batalla de Sekigahara, Ieyasu derrotou a Ishida Mitsunari, quen era leal a Hideyori, e foi declarado shogun. Tempo despois, durante o asedio de Osaka, o clan Toyotomi foi exterminado.

Sobre o seu nome

[editar | editar a fonte]
Sinatura estilizada de Hideyoshi

Debido á súa orixe humilde e ascenso á alta nobreza, Toyotomi Hideyoshi tivo varios nomes ao longo da súa vida. Aínda que xeralmente é coñecido como Toyotomi Hideyoshi en inglés, o último myōji (苗字, nome familiar) que Hideyoshi adoptou é Hashiba (羽柴). Toyotomi (豊臣) é, de feito, un uji ou sei (氏 ou 姓, nome de clan) creado e outorgado polo emperador e empregado correntemente co seu myōji. En canto á regra respecto ao uji, o seu nome correcto é Toyotomi non Hideyoshi, como no caso de Minamoto non Yoshitsune.

O uji Toyotomi foi simultaneamente outorgado a un grupo de aliados que Hideyoshi escollera, quen á súa vez adoptaron o novo uji "豊臣朝臣" (Toyotomi non asomi, “cortesán de Toyotomi”).

Legado cultural

[editar | editar a fonte]
Templo Toyokuni (Kyoto), dedicado a Hideyoshi

Toyotomi Hideyoshi cambiou en moitos aspectos a sociedade xaponesa. Durante o período Sengoku era común que os campesiños se convertesen en guerreiros, ou que os samurai se dedicasen á agricultura e gandería debido á constante incerteza causada pola carencia dun goberno centralizado e a precariedade da paz.

Tras chegar ao poder, Hideyoshi decretou que todos os campesiños fosen desarmados completamente.[21] Esta medida solidificou o sistema de clases sociais para os seguintes 300 anos. Ademais, ordenou que todo o Xapón fose rexistrado, razón pola cal se efectuou un censo en todo o arquipélago. Unha vez que o censo rematou e todos os cidadáns foron rexistrados, esixiu que todos os xaponeses se quedasen nas súas provincias respectivas (han), a menos que obtivesen un permiso oficial para desprazarse fóra delas. Estoutra medida asegurou a orde nun período no cal os bandidos vagaban polo campo. É máis, ao rexistrar o campo, as terras e os recursos do Xapón podían ser empregados apropiadamente, e sentaron as bases dunha tributación sistemática.[22]

En 1590 terminouse a construción do Castelo Osaka, o máis grande e formidable de todo o Xapón durante o goberno de Hideyoshi.

Porén os seus contribucións non só se limitaron ao político ou militar. Inspirado polo rechamante templo Kinkaku (Templo do pavillón de ouro) do noroeste de Kyoto, construíu un fabuloso salón portátil para tomar , coñecido como kigame non zashiki (cámara dourada), cuberto con follas de ouro e forrado por dentro con seda de cor vermella. Usando esta innovación móbil, podía practicar a cerimonia do té en calquera lugar, demostrando o seu poder sen igual e status á súa chegada.

En 1599, pouco despois da súa morte, os seus restos foron enterrados na cima do Monte Amidaga-mine preto do templo Hōkō-ji, de acordo co seu testamento. Na aba do monte, como patrón do Hōkō-ji, foi construído o templo dedicado a Hideyoshi. O emperador Goyōzei outorgou a primeira clase superior da divindade a Hideyoshi, e o nome de deidade, Hōkoku Daimyō-jin. En 1615 o shogunato Tokugawa aboliu o título de deidade Hōkoku Daimyō-jin e os feudos do templo foron confiscados. Non obstante en 1868 o emperador Meiji reverteu aquela decisión. En 1965 o templo foi trasladado ao seu lugar actual no recinto do castelo Osaka.[23] Tan importantes foron as reformas que puxo en marcha Hideyoshi, que Tokugawa Ieyasu construíu o seu shogunato sobre elas, razón pola cal o legado cultural de Hideyoshi perdurou no Xapón por moito tempo.

Por outro lado, as súas invasións a Corea causaron moito sufrimento ao pobo coreano, pola forma en que os xaponeses trataron a poboación civil. Na actualidade Hideyoshi é considerado un desprezable vilán polos coreanos.[24]

  1. Berry, Mary Elizabeth. Hideyoshi. Harvard, Cambridge (1982), páx. 8
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 2,12 2,13 2,14 2,15 2,16 2,17 2,18 2,19 2,20 2,21 2,22 Biografía de Hideyoshi (en inglés) en Samurai Archives. Arquivado 24 de decembro de 2010 en Wayback Machine.
  3. Berry (1982), páx. 45.
  4. Berry (1982), páx. 54.
  5. Berry (1982), páx. 74.
  6. Berry (1982), páx. 179
  7. "«Sen no Rikyu, el maestro elo té»". Arquivado dende o orixinal o 04 de maio de 2007. Consultado o 15 de xullo de 2007. 
  8. En 1587, Hideyoshi, para conquistar o apoio dos budistas, promulgou o primeiro decreto de expulsión [...] dous anos despois, estalou a primeira persecución sanguenta. No outeiro de Nagasaki, o 17 de febreiro de 1597, foron crucificados seis franciscanos que entraran dende Manila sen permiso, tres irmáns xesuítas xaponeses e dezasete cristiáns. En total forman o grupo dos 26 mártires de Xapón. Entre os franciscanos estaba o mozo Felipe de las Casas, de 24 anos (máis coñecido como Felipe de Jesús), nacido en México, dunha familia española, estudante de teoloxía. Foi o primeiro mártir e santo nativo de América Latina e foi canonizado en 1862. No mesmo ano foron destruídas 137 igrexas e expulsado un centenar de misioneiros. Outros quedaron ocultos. A morte de Hideyoshi, en 1598, abriu un curto período de calma. (Gardini, Walter, Religións e Literatura de Xapón, Buenos Aires, Editorial Kier, 1995, páx. 179.)
  9. "«The Madness of Hideyoshi.»" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 17 de novembro de 2019. Consultado o 12 de agosto de 2019. 
  10. "«Los galeones de Manila y los gobernantes japoneses del siglo XVII.», páx. 2." (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04 de marzo de 2016. Consultado o 12 de agosto de 2019. 
  11. 13 de abril no calendario lunar
  12. Sansom (1961) páx. 352.
  13. Maio no calendario lunar
  14. Turnbull (2002) páx. 65-66.
  15. Turnbull (2002) páx. 179.
  16. Turnbull (2002) páx. 183.
  17. Berry (1982), páx. 217-223
  18. Turnbull (2002) páx. 201.
  19. 19,0 19,1 Boxer, Charles R. (1951). The Christian Century in Japan, 1549-1650 (en inglés). Manchester: Carcanet Press Ltd. ISBN 1857540352. 
  20. Durán, Norma (2006). "La retórica del martirio y la formación del yo sufriente en la vida de san Felipe de Jesús". Historia y Grafía (26): 78–79. ISSN 1405-0927. Consultado o 12 de xullo de 2018. 
  21. Jansen, Marius B. The Making of Modern Japan. Belknap, Cambridge (2000), páx. 23.
  22. Berry (1982), páx. 111–118
  23. O templo Hōkoku-jinja[Ligazón morta]
  24. "«Hideyoshi and Korea.»". Arquivado dende o orixinal o 30 de xaneiro de 2020. Consultado o 12 de agosto de 2019. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]